- Nela inclúense obxectos representativos da sociedade actual, os xornais do día -en papel- e os traballos gañadores do concurso escolar Barbanza 2061, organizado polo Club Exxpo Press
- Roberto Varela, fiel á era Gutenberg, escolleu meter prensa en papel, namentres que os estudantes apostaron polo dixital
Varela, á esquerda, nunha visita aos castros de Neixón
Ribeira, 11 de novembro de 2011.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, participou esta mañá na iniciativa xornalístico-escolar ‘Cápsula do tempo’, na que se soterraron no Paseo Marítimo de Coroso materiais didácticos e informativos para ser recuperados dentro de cincuenta anos. Nesta iniciativa, organizada polo Club Exxpo Press, participaron escolares de educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato do Concello de Ribeira. No acto, o conselleiro estivo acompañado polo alcalde Manuel Ruíz Rivas, a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e o presidente do grupo conserveiro Frinsa, Ramiro Carregal.
Na cápsula soterrada hoxe introducíronse diversos obxectos representativos da sociedade actual (entre eles, un teléfono móbil, un Pen-drive ou un DVD sobre Ribeira), así como os traballos gañadores do concurso escolar Barbanza-2061 convocado polo club para todos os escolares da comarca (formada polos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Boiro) e patrocinado por Frinsa. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo (na nota da Xunta ascenden a Unai González a concelleiro do mesmo ramo, felicitacións!) elixiu soterrar na cápsula a prensa do día 11-11-11. Neste concurso participaron alumnos de Educación Infantil, que levaron a cabo murais, estudantes de Primaria, que presentaron xornais, e rapaces de Educación Secundaria e Bacharelato, que realizaron traballos audiovisuais. Todos estes traballos presentados a concurso debían de incluír ou representar a temática "Cómo imaxinas o mundo en 2061?"
Durante a súa intervención previa ao soterramento da cápsula, o conselleiro de Cultura e Turismo invitou aos rapaces a “imaxinar o futuro”, xa que, segundo asegurou, “permítennos aprender dos erros, úrxenos a cambiar de dirección e fainos recobrar a confianza”. Roberto Varela explicou que elixiu introducir na cápsula do tempo a prensa do día porque “dalgún xeito, os xornais son o símbolo máis acaído do ‘hoxe’, do tempo que me tocou vivir e da xeración á que represento”. “Vós, en cambio, sodes o futuro: os protagonistas da era dixital”, destacou o conselleiro, quen subliñou que os avances tecnolóxicos son “ferramentas formidables para acceder á información”. Con todo, instou aos estudantes a pensar que “son un medio e nin o fin en si mesmas, xa que detrás delas seguen atopándose o coñecemento, o pensamento, a arte e a cultura”.
Nesta liña, Roberto Varela subliñou que “a cultura non pode ser allea aos avances tecnolóxicos e ás transformacións da sociedade”. “Pola contra, ten que afrontalas e mesmo lideralas, sempre desde o respecto ao legado milenario que herdamos e que constitúe a nosa meirande riqueza”. O titular de Cultura e Turismo engadiu que “a cultura é a esencia do que somos”, destacando a súa conviccións de que “dentro de cincuenta, cen ou douscentos anos seguirá a ser o punto de encontro de todos os galegos”. Por último, reflexionou sobre o papel da cultura como “a canle coa que nos comunicamos e nos proxectamos cara o exterior”. Por esta razón, asegurou que “para que Galicia siga medrando é preciso que conservemos a nosa cultura e que sexamos capaces de modernizala e difundila nun constante diálogo con todos os pobos do mundo”.Relacionada:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario