- O Concello pretende que os servizos de extensión agraria ocupen as antigas instalacións da Garda Civil no Malecón
- Co traslado dos sindicatos, queda vía libre á construción do novo mercado municipal, a obra máis cara do plan Ribeira Atlántica 2015 que conta con fondos da UE
Ribeira, 11 de novembro de 2011.- Tras as oportunas negociacións, o Concello vén de chegar a un acordo cos tres sindicatos situados na praza de abastos e resolver o seu traslado, o que practicamente da vía libre á construción do novo mercado municipal, a máis cuantiosa das obras adscritas ao plan Ribeira Atlántica 2015.
Así, froito das negociacións realizadas, CCOO e UGT irán destinados ás antigas dependencias que tiñan os Servizos Sociais na rúa Correos, mentres que a CIG recolocarase (como xa foi anunciado) nun local de titularidade municipal situado en Abesadas que vai ser acondicionado para tal fin. Este último sindicato ocupará un emprazamento provisional nunha céntrica rúa de Ribeira mentres non teñan lugar as obras de adecuación, algo para o cal xa se conta cunha axuda de 25.000 euros da Deputación Provincial.
Así e logo, unicamente quedaría por dar unha solución definitiva á reubicación dos servizos de extensión agraria. A pretensión do Executivo local é que ocupen as antigas instalacións da Garda Civil situadas no Malecón que o ente autonómico Portos de Galicia tiña intención de ceder á Administración Municipal. A este tenor, o Concello estaría disposto a renunciar a dita cesión no caso de que frutifique a posibilidade descrita.
Reunión cos praceiros o día da resaca electoral
Noutro orde de cousas, pero gardando relación tamén co futuro mercado municipal, o Executivo ten intención de convocar aos praceiros e praceiras a unha reunión o próximo luns 21 de novembro. O principal tema a tratar será o de explicarlles as características da carpa na que se van instalar provisionalmente mentres se derruba o inmoble existente e se constrúe o novo, así como proceder se fose posible ao reparto dos postos no seu interior.
Esta carpa (cunhas dimensións de 15 por 30 metros) estará situada nun solar que dá á praza de España que será debidamente acondicionado.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario