- O autor cedeu os dereitos aos seus editores estadounidenses para que se poida publicar esta novela na Luna e en Marte cando haxa bases alí
- O libro aborda o mito do Diluvio Universal, con Noia como escenario principal, á que se lle adican máis páxinas que a Santiago e a Turquía
- Leva máis de 200.000 exemplares vendidos só en España e os países nos que máis está a vender son Estados Unidos, onde chegou a ser número 1 de ventas co seu anterior thriller "La cena secreta" e México
Noia, 15 de Nadal de 2011. Os seareiros de Javier Sierra e os seus libros de misterio que se achegaron hoxe a Santa María a Nova, a igrexa na que transcorre boa parte da acción de "El ángel perdido", non saíron defraudados. O autor, un dos que máis libros vende agora mesmo en España, explicou con todo luxo de detalles como se lle ocorrera a trama, onde se adica a novelar e facer entretidos varios misterios sobre os que antes escribía na revista, que chegou a dirixir, Más Allá.
Introducido pola representante das librerías Ler, Isabel; polo xefe de distribución da editorial Planeta en España, Paco, e polo conselleiro de Cultura, Jerry, o escritor e xornalista Javier Sierra agradeceu que se lle prestara a igrexa das lápidas ou laudas -si el tiempo dilapidas- e mostrouse moi satisfeito de que o último acto de presentación deste libro, que xa circulou por toda España e parte do estranxeiro (acaba de voltar de China), fose en Noia, "principio y fin". Explicoulle aos presentes que a protagonista, Julia, ía chamarse Noela, pero que cambiou o nome por problemas cos idiomas e as traducións (aínda así hai un personaxe na novela que se chama Noela, e é tía de Julia).
Nun momento da disertación sobre o libro e como foi feito
O autor, que ronda os 40 anos (naceu en 1971) visitara Noia nos anos 80 do século pasado, cando a igrexa "era mucho más oscura y las laudas estaban por el suelo, se pisaba tierra y daba la sensación de que uno podía ser Indiana Jones y en cualquier momento encontrar allí debajo el Grial".
A tumba de Xoán de Estivadas é un elemento central na acción da novela
O distribuidor de Planeta, Paco Barrera, contou como anécdota que xa viñeran moitos comerciais desta editorial e moitos libreiros tras ler o libro, pois non crían que o escenario fose real e quedaron encantados co que atoparon en Noia e, en concreto, na igrexa de Santa María.
Durante máis de media hora, Sierra explicou os pormenores da viaxe desta novela dende que se lle ocorreu ata esta última presentación en Noia. Percorreu no "Sierra Bus" máis de 100.000 quilómetros por España -en Certo informamos da presentación en Almería, grazas ao escritor de Ribeira Jacobo Otero- e xa o lanzou en varios países, entre eles Estados Unidos, onde foi, co seu libro anterior, dos poucos escritores hispanos en entrar no Top 1 de ventas, co seu libro "La cena secreta". En breve estará a tradución ao portugués, para Portugal, pois xa foi traducido ao portugués de Brasil, e tamén vai ter un gran lanzamento en Italia, onde os misterios baseados na Biblia -como é este do Diluvio e Noé- trunfan.
Na fin do acto, un representante do colectivo de comerciantes Noia HIstórica agasallou a Sierra cunha lauda en miniatura para recoñecer a súa labor -desinteresada- de difusión de Noia ao metela na súa novela. Tamén foi agasallado polo alcalde cunha imaxe do rosetón de Santa María a Nova, que Javier Sierra asegurou ía poñer na súa mesa de traballo "porque hasta pega con la decoración". Na despedida, o alcalde, Rafael García Guerrero, agradeceu ao escritor a inclusión da vila na novela, non só pola difusión turística e histórica que supón, "senón porque nos axuda a comprender aos noieses o gran patrimonio que temos e que moitas veces ignoramos e non coidamos".
Logo das consabidas sinaturas -estivo máis de media hora asinando libros- na igrexa, o autor achegouse ata a Casa do Concello, onde o alcalde o recibiu e lle explicou algúns detalles da casa consistorial e da historia da vila.
Vídeos: advertimos que hai problemas co audio
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario