- Este proxecto arrexunta a 16 cabeceiras e radios en galego
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2012.- A iniciativa a prol dos medios na lingua do país acaba de lograr o seu primeiro éxito. “Vitaminas para o Galego” conseguiu recadar máis de 4.000 euros a través de Internet en menos dun mes dende a súa presentación.
O obxectivo inicial era recoller 3.300 euros antes do 1 de febreiro. Con 22 días de antelación sobre a data límite, a cantidade aportada polos cidadáns xa supera os 4.000 euros.
As contribucións organizáronse a través da web Verkami, plataforma que foi traducida ao galego polos organizadores e onde se poden seguir facendo pagamentos. A cambio da súa contribución, os internautas recibirán material de promoción da campaña. Un deles, que aportou 1.000 euros, gozará na súa casa dun concerto do Leo i Arremecaghonacona e cinco quilos de percebes.
Medios que comezaron coa campaña. Pouco a pouco vanse sumando máis
Colaboran 16 medios, Certo entre eles, mais está aberto a novos socios
Os medios de comunicación que organizan esta iniciativa queren agradecer o apoio deste músico e dos máis de 100 mecenas que xa contribuíron en liña. Os cartos destinaranse integramente ao financiamento da propia campaña e o resto repartirase entre as cabeceiras que participan en Vitaminas para o Galego.
Os organizadores son a rede de emisoras municipais galegas Radiofusión, Tempos Novos, Galicia Confidencial (GC), Novas da Galiza, O Val Miñor Info, Praza Pública, Terracha Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), Radio Nordés (Cadena Ser Vimianzo) e Que Pasa na Costa. Tamén colaboran na campaña tres xornais comarcais, Crónica 3 da Mariña luguesa, O Sil de Valdeorras e Certo, xornal dixital de Barbanza e Noia. Ademais, están invitados a sumarse todos os medios ou proxectos de medios que publiquen na lingua propia do país.
Segunda fase da campaña
Agora comeza unha segunda fase da campaña, que consistirá na difusión dos obxectivos de Vitaminas para o Galego a través das redes sociais e da organización de relatorios e actos de promoción por toda a xeografía galega.
Entre os obxectivos de “Vitaminas” destaca contribuír á supervivencia dos medios en galego, que nos últimos meses sufriron importantes baixas como, entre outros, Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira ou Galicia Hoxe. Asemade, búscase contribuír ao nacemento de novos proxectos informativos en lingua galega.
Máis información nas webs http://www.vitaminasparaogalego.gl/ e http://vitaminasparaogalego.blogspot.com/
CertoO Xornal Dixital de Barbanza e Noia
OLLO!! PÁXINA DE SEAREIROS EN FACEBOOK: http://www.facebook.com/xornalcerto
ÚNETE!!
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario