- A Sociedade Galega de Historia Natural tamén manifesta o seu rexeitamento ante esta acción da Xunta contra un medio con cinco figuras de proteción
Valdoviño, 30 de xaneiro de 2012. Perante os recentes feitos acontecidos na lagoa da Frouxeira, que esta mañá desaugábase de xeito espontáneo pola acción do océano, mentres a Xunta construía con maquinaria pesada no humidal protexido unha canle artificial xusto no lado oposto do punto de desaugue, ADEGA quere facer público o seguinte:
1. Denunciamos a incomprensíbel e irresponsábel vulneración do acordo do Parlamento galego por parte da Xunta de Galiza, en concreto da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no que se instaba ao governo a buscar unha xestión racional e coherente cos obxectivos de conservación deste humidal, e a non autorizar con carácter cautelar, novas aperturas da lagoa.
2. Denunciamos a actitude reiterada de ocultación de información practicada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, sobre os proxectos, estudos, seguementos nos que dicían basear as súa brutal intervención neste espazo, e que constitúe un claro incumprimento da Lei 27/2006 de acceso á información ambiental.
3. Denunciamos a pasividade da administración que durante case 2 anos, facendo deixadez da súa obriga legal, non interveu e menos aínda executou medidas para corrixir as agresión ocasionadas na lagoa e reparar os defectos construtivos dun paseo marítimo somerxible e dunha rede de saneamento irracional.
4. Denunciamos a aberración dunha obra faraónica (a construción dunha canle artificial) claramente inadecuada para un humidal que ten cinco figuras de protección, obra que supuxo un elevadísimo despilfarro de cartos públicos e unha inxustificábel e posibelmente irreparábel artificialización deste sensible cosistema (alteracións nos hábitats prioritarios, transformación radical da xeomotfoloxía -remoción da barreira areosa e destrución do substrato rochoso-, danos nas dunas e na flora protexida.... Estas actuacións constituiron un auténtico atentado ecolóxico e ao cabo, resultaron inúteis: A natureza deixou finalmente co cú ao aire á Xunta, abrindo unha canle pola beira contraria do lugar escollido pola administración para meter os bulldozers. A maiores, as delirantes obras, pola súa improvisación e deficiente sinalización, constituiron un grave risco para a cidadanía que puido verse sorprendida pola repentina e violenta apertura da canle natural.
5. Denunciamos que a situación creada tras a apertura de hoxe volve a situarnos nas pésimas condicións tras a intervención da Xunta en 2009, sendo previsíbel a repetición dun novo e longo periodo nos que a lagoa ficará desecada e sometida á influencia oceánica directa, e alongando no tempo as distorsións sobre este himidal protexido.
Perante esta situación, ADEGA ademáis de exisir aos organismos internacionais (Oficina Ramsar e Comisión Europea) a depuración de responsabilidades pola nefasta xestión deste espazo, e de reservármonos as accións xudiciais oportunas para defender a legalidade vulnerada pola Xunta, esiximos a dimisión/cese inmediato do D. X. de Conservación da Natureza señor García-Borregón. En vésperas do Día Mundial dos Humidais (2 de febreiro), a Xunta ofrece ao mundo un pésimo exemplo de xestión e retrátase como o principal factor para a degradación destes sensibles ecosistemas.
ADEGA seguirá defendendo unha xestión racional para este espazo, que debería orientarse a eliminar todas as intervencións negativas (paseo marítimo inadecuado, presión urbanística...) As medidas de conservación, lonxe da improvisación e do desleixo amosado pola Xunta, deberían basearse en evitar calquera interferencia na súa dinámica natura, tal como indicaron destacados expertos como D. Xenaro Dalda e D. Xabier Sóñora en publicacións científicas. Isto é: coñecemento, planificación e respecto polo medio natural e as leis que o protexen fronte á improvisación, á incompetencia, e á chafallada como norma de actuación que exibú a Xunta.
A Sociedade Galega de Historia Natural manifesta a súa fonda preocupación sobre o deseño e execución do procedemento adoptado polas autoridades competentes para aliviar os elevados niveis de agua da lagoa da Frouxeira (Valdoviño). Respecto ao deseño, cabe salientar que se descoñecen os posibles efectos do novo trazado do sistema de desaugue e non pode desbotarse que chegue a dificultar a entrada do mar na Frouxeira, alterando o seu funcionamento natural. | |
Respecto á execución, as obras en realización conlevan a remoción e desprazamento dunha grande cantidade de area con maquinaria pesada: ata 3 bulldozers e 3 retroexcavadoras traballando simultáneamente que xa alteraron o perfil da praia e moi probablemente estean a provocar unha compactación das areas con efectos pendentes de avaliar. Pero, con diferencia, o máis preocupante é que a maquinaria pesada empregada está a profundizar máis aló do depósito de areas da praia. As fotografías obtidas por SGHN revelan con claridade meridiana que os bulldozers están a rebaixar o propio leito rochoso de xistos subxacente ás areas da praia, provocando unha afectación xeomorfolóxica seguramente irreversible. Unha transformación xeomorfolóxica deste tipo resulta incomprensible e inaceptable se as obras son unha solución provisional de “urxencia”. Incomprensible e inaceptable serían tamén os cualificativos aplicables para esta transformación xeomorfolóxica se as obras non son provisionais e se están a realizar carecendo aínda dos resultados do estudio científico e plan de xestión reclamado dende hai 2 anos por SGHN e que segundo a Xunta de Galicia aínda se está a realizar porque SE UNHA COUSA ESTÁ FORA DE TODA DÚBIDA É QUE A CANLE NATURAL DA FROUXEIRA NUNCA FOI POR DEBAIXO DO LEITO ROCHOSO. | Fotografía: Danos provocados pola maquinaria pesada sobre o substrato rochoso da praia da Frouxeira durante a apertura do novo trazado da canle de drenaxe (2012-01-25). |
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario