4.1.12

Ribeira: os Reis Magos sobrevoan a crise e chegan en helicóptero este xoves 5 para repartir unha tonelada de caramelos

Ribeira, 4 de xaneiro de 2012.- Os Reis Magos de Oriente chegarán mañá xoves ás 17 horas a Ribeira voando. Así o anunciou a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, nun acto de presentación da cabalgata na que estivo acompañada dos técnicos municipais Unai González e Segundo Durán. 

As Súas Maxestades aterrarán na esplanada do Malecón en helicóptero no medio dun espectáculo pirotécnico e as oportunas condicións de seguridade para, acto seguido, iniciar un desfile que descorrerá pola avenida do Malecón, dará a volta na praza da Concordia para internarse pola rúa de Galicia ata a praza de Compostela e, unha vez alí, virar pola rúa Romero Ortiz para voltar percorrer o paseo do Malecón, esta vez ata a rúa Rosalía de Castro, á cal afrontarán as carrozas participantes para pasar por diante da praza do Concello, subir por 9 de agosto ata a rotonda da Serea, baixar por Rosalía de Castro e entrar xa na Casa Consistorial, onde os Reis asistirán á correspondente recepción de alcalde e autoridades municipais. 

Sorteo de tres agasallos sorpresa

Outra das novidades que deparará esta nova edición da cabalgata reside en que unha vez chegado ao Consistorio Melchor, Gaspar e Baltasar sortearán tres agasallos sorpresa. Previamente, o Carteiro Real veu repartindo as oportunas rifas entre os nenos durante as visitas ás distintas parroquias e á cidade. No caso de que durante o momento do sorteo non aparecese algún dos números premiados, o agasallo correspondente será custodiado no Auditorio Municipal á espera de que apareza o neno gañador para entregarlle o galardón. 

Os Reis dirixiranse a todos os espectadores dende o balcón do Concello nun momento que combinará o lanzamento de confetti con fogos de artificio. A continuación, baixarán ata os soportais para recibir a todos os nenos e nenas que así o desexen. 

Nove carrozas

A comitiva estará  encabezada polo tren Expreso de Oriente (con dobre vagón) e formada por nove carrozas: ademais das do tres Magos, haberá outras carrozas da Asociación de Amas de Casa, Aires da Dorna, Arrecó, Alfaia, Asociación Francisco Lorenzo Mariño, Flor de Toxo e Amencer. Todas elas estarán decoradas con ambientación mariñeira e de Nadal. Durante o traxecto serán lanzados máis de 1.000 quilos de caramelos, ao que hai que sumar os 300 xa repartidos entre as asociacións das parroquias do municipio para os seus propios actos. 

Acompáñanos, aos Reis, a Banda de Música de Barro (Pontevedra), Kilomberos de Monte Alto (A Coruña), Charanga Os Trompos das Nicras (Boiro) e Comparsa Os da Caña (Marín). 

A organización calcula que cincocentas persoas colaboran directamente na organización da cabalgata e estiman que entre 8.000 e 10.000 asistirán a este espectáculo.

Certo
O Xornal Dixital de Barbanza e Noia
OLLO!! PÁXINA DE SEAREIROS EN FACEBOOK: http://www.facebook.com/xornalcerto
ÚNETE!!


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical