7.2.12

Muros: nas obras do Camiño Real de Esteiro investíronse 81.000 euros

Camio_real_muros

  • A delegada territorial da Xunta na Coruña asinou coa alcaldesa do municipio as actas de conformidade para a concesión das axudas destinadas a obras de saneamento

Muros, 7 de febreiro de 2012.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e a alcaldesa de Muros, Caridad González, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención para acometer diversos traballos para a recuperación do camiño real na parroquia de Esteiro, ao seu paso polo río Maior. O Goberno galego, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza financiou integramente esta actuación cunha achega de 80.782 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.

Acompañada polo concelleiro de Obras, Manuel Bartolomé, e un técnico municipal, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia supervisou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos. O proxecto consistiu na recuperación medioambiental do camiño real e das ribeiras no seu encontro co río, na restauración dos antigos pasais que unen as marxes, na pavimentación do camiño no tramo de Reboredo e na construción dun paso peonil na zona inundable para comunicar os pasales coa zona seca. Ademais, mellorouse a sinalización.

A actuación permitiu paliar o estado de degradación no que se encontraban algúns puntos desta área, onde mesmo se chegara a producir un vertedoiro incontrolado. Tamén se mellorou a comunicación no entorno, co fin de darlle uso a esta antiga calzada de orixe romana. Apostouse, en definitiva, por poñer en valor un espazo ata o de agora contaminado e abandonado a través da recuperación da calidade paisaxística e medioambiental.

A delegada aproveitou a súa estancia no municipio para manter un encontro de traballo coa rexedora para analizar os proxectos que desenvolve o Goberno autonómico no municipio e as necesidades actuais. Nesta reunión, González trasladoulle as demandas da localidade, ante as que Do Campo expresou o seu compromiso de estudalas e de traballar intensamente para atendelas no menor prazo de tempo posible.

Pode que tamén lle interese:


Muros: quentan en febreiro para o Castelo Rock (QPC)


Muros: pasamento de Domingos Dosil. D.E.P.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical