10.2.12

Noia: musealizarán o acueducto medieval aparecido na Porta da Vila

Noia, 10 de febreiro de 2012. A Concellería de Casco Histórico e Patrimonio, dirixida polo nacionalista Bieito González, vén de remitir á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o proxecto de musealización e sinalización dos restos do antigo acueducto medieval, aparecidos nas obras de reurbanización das rúas Porta da Vila e Carreiriña  de Escultor Ferreiro no ano 2010, a fin de acadar a preceptiva autorización que permita a materialización da proposición presentada. 

A proposta contempla a exposición pública e permanente dos restos do acueducto na embocadura da rúa Rodríguez Cadarso, esquina Porta da Vila. Os tramos do acueducto, que miden un metro de longo por peza, irían colocados sobre uns soportes de aceiro que á súa vez estarían ancorados sobre o pavimento da rúa, arrimados aos muros existentes. A totalidade do tramo exposto acadaría unha lonxitude de oito metros. 

A información escrita iría colocada sobre dúas das primas cuadrangulares que compoñen a totalidade da tubaxe. A instalación contaría cun sistema de iluminación indirecta que se proxectaría sobre os paramentos dos muros existentes, para o cal será preciso o seu enfoscado e acabado en cor branca. 

Con esta actuación, a Concellería de Casco Histórico e Patrimonio pretende materializar a idea primordial de incorporar as pezas individualizadas da canle extraída, de tal maneira que fiquen expostas á cidadanía onde se pensa que o acueducto penetraba na cidade intramuros. 

Algo semellante se fixo en Lugo en 1999

Como se observa nas imaxes a continuación, na cidade de Lugo, cun pasado romano e medieval indiscutible, tamén se levou a cabo unha musealización de varias pezas de distintos periodos históricos aparecidas en obras na cidade das Murallas. Unha desas pezas é un acueducto semellante ao de Noia, que se atopou na rúa Bispo Izquierdo, ao pé dunha das portas da muralla romana distinguida como Patrimonio da Humanidade.

Media_httpfarm5static_bkdmh

Media_httpfarm5static_hmmpk

Media_httpfarm3static_secms



Foto_acueducto_medieval

Acueducto (memoria definitiva).pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical