15.2.12

Rianxo: o estrano Entroido "Bituin de Tris Delús" celébrase este venres 17 en Taragoña

Rianxo, 15 de febreiro de 2012. Volve este ano dar o cante ao Centro Cultural de Taragoña con motivo do Entroido: a Asociación Festival Antrospinos volve montar o seu particular espectáculo de Luar entroideiro propoñendo subir ao escenario, o venres 17 de febreiro, a todos cantos queiran imitar a artistas ou grupos de toda caste, época e xénero musical. Disque o show está servido, ou fervido, ou cocido -preferentemente lacoada, xa saben-.

Por segundo ano consecutivo -ou sexa, que son reincidentes e teñen antecedentes-, o venres 17 de febreiro, celébrase no Centro Cultural e Deportivo de Taragoña (Campos de Pazos) o BITUIN DE TRIS!, un espectáculo de Entroido organizado pola Asociación Festival Antrospinos, que trae de novo á parroquia do concello rianxeiro unha especie de Luar -si, o de Gayoso pero sen el, que fai milagres pero non é ubicuo-, consistente en poñerse na pel -ás veces de galo, outras de galiña- do grupo ou artista preferido e imitalo en play-back sobre o escenario. O premio, sen dúbida o máis destacado da festa, será participar como teloneiros da quinta edición do Festival Antrospinos (27 e 28 de xullo de 2012 se non hai desgraza), que o ano pasado causou sensación entre os miles de asistentes á cita festivaleira coas actuacións das dúas gañadoras: “Beyoncé” e “Shakira” (fotos desta información subministradas pola organizada organización).

O nome desta falcatruada, para os que non chanan o idioma barbanzón, vén do inglés e está adaptado na grafía ao galego, o que sería Between the trees e fai honra ao nome da asociación. Este ano compleméntase -están que o tiran!- coa etiqueta DELÚS, unha fórmula televisiva que pega coas actuacións que pasarán polo escenario, máis de vinte grupos xa inscritos… Lady Gaga, Michel Telló, Amy Wine House, Celia Cruz (ambas en paz descansen), Elvis Crespo, Michael Jackson (deus o teña na gloria moitos anos sen nós), Spice Girls, The Beatles, El Puma, Raffael, Rocío Jurado (r.i.p.) Objetivo Birmania ou a nosa eurovisiva Lucía Pérez,  entre moitos outros, xa anotados para participar dun espectáculo que promete deitar as maiores gargalladas.

Despois de estar o ano pasado a TVG en directo, co programa “Vaia Troula”, gravando o Bituin de Tris Riplei que xuntou a maiores e pequenos vindos de todos os puntos do concello e a contorna, o show volve á carga con máis ansia e cunha nova fornada de artistas que deixarán toda a carne no asador -ata churrascala- para volver arrasar.

O pasado ano ateigouse o Salón de Actos do Centro Cultural taragoñés, onde a xente gozou a tope dun espectáculo único. Os artistas, moi metidos no seu papel, fixeron rir a cachón a un público que se entregou ante o esforzo dos intérpretes, algúns deles con auténticas coreografías ensaiadas para a ocasión.

Como vai o invento

En que consiste BITUIN DE TRIS?: Os concursantes, como grupo ou solista, irán subindo ao escenario para interpretar en play-back a canción escollida. Todos aqueles que queiran participar deben mandar un correo ao enderezo do Facebook ou unha SMS ao número  693.778.470, dando nome completo dun dos participantes, nome do artista a imitar e canción.

Os menos ousados tamén poden formar parte do BITUIN DE TRIS DELÚS asistindo como público. Din que a xente xa anda a gardar sitio para non perder este BITUIN DE TRIS DELÚS. E vostede que chegou lendo ata aquí, vaino perder? 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical