1.2.12

Ribeira: inauguran, sen ser campaña electoral, a pista multideportiva "Irmáns Parada Alvite"

Ribeira, 1 de febreiro de 2012.- A nova Pista Multideportiva situada no barrio ribeirense de Abesadas, na parte traseira da Casa da Xuventude, xa leva a denominación oficial de ‘Irmáns Parada Alvite (Suso I e Suco II)’ en homenaxe aos lexendarios futbolistas ribeirenses Andrés e José Manuel, o primeiro dos cales chegou a militar nas filas do Barcelona (e mesmo gañou na tempada 1959/60 a última liga conquistada polo equipo catalán antes da chegada de Cruyff), mentres que o segundo militou durante dez tempadas no Celta de Vigo e participou no histórico debut dun equipo galego en Europa (partido Celta-Aberdeen, na Copa da UEFA 1971/1972). 

Os irmáns Parada Alvite, protagonistas, tomaron parte activa na inauguración da pista nun acto que contou tamén coa participación do alcalde, Manuel Ruiz Rivas; o concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez Queiruga; o mítico xogador Fran González Pérez (o seu irmán José Ramón finalmente non puido acudir), e o vicepresidente da peña celtista local ‘Xosé Manuel Alvelo’, Antonio Arca, quen tomou a palabra para resaltar a traxectoria deportiva de Suco I e Suco II. 

Manuel Ruiz proclamou a satisfacción de poder inaugurar esta instalación, que vai servir “para que moitos rapaces do municipio teñan un lugar onde facer deporte e practicar vida san”. Asemade, salientou que “era de xustiza que lle fixésemos esta homenaxe que lle debíamos todos a estes dous fillos importantes de Ribeira como foron os irmáns Parada Alvite, dos que non imos esquecer nunca o que fixeron por nós”, declarou. 

Ruiz Rivas anunciou a vontade do Executivo de poder inaugurar no futuro moitas outras pistas e manifestou que, cando chegue o momento, tamén serán homenaxeados outros futbolistas ribeirenses ilustres, como son Fran e José Ramón. 

Despois da quenda de intervencións chegaría o turno de descubrir un panel no que se recolle a traxectoria dos irmáns Parada Alvite e acto seguido disputaríase un partido de fútbol 7 en categoría entre os equipos prebenxamín do Sálvora CF e o Atlético Riveira.  

Características

Cunhas dimensións de 14x28 metros, a pista ten un pavimento de céspede sintético de alta durabilidade, cun peche de aceiro galvanizado e madeira tratada para soportar as inclemencias meteorolóxicas.  

A instalación, de acceso libre, é apta para practicar deportes como o fútbol, o baloncesto, o balonmán, o voleibol e, por regra xeral, todos aqueles que non danen a superficie. 

Traxectorias

Andrés Parada Alvite, Suco I, foi un dos mellores extremos que dou o fútbol galego. Saído da canteira do Atlético Riveira, foi fichado polo Racing de Ferrol e as súas brillantes actuacións o levaron con 20 anos ás filas do FC Barcelona, onde xogaría dúas tempadas. Posteriormente militou no Racing de Santander e Valencia CF, para acabar a súa carreira no Deportivo da Coruña. Nos seus equipos compartiu vestiarios con  outros mitos galegos como o bota de ouro Luis Suárez e Marcelino, o autor do famoso gol na final da Copa de Europa de Seleccións de 1964. 

José Manuel Parada Alvite, Suco II, defendeu durante dez tempadas as cores do Real Club Celta, chegando a ser seleccionado coa Selección B Española e disputando co conxunto celeste o histórico partido de Aberdeen, debut dun equipo galego na copa da UEFA.  Defendeu tamén a camiseta do Racing de Ferrol, Pontevedra e Atlético Riveira. Na súa etapa xuvenil participou no mundial celebrado no ano 1962 en Romanía, converténdose no primeiro deportista internacional nado en Ribeira.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical