Ribeira, 1 de febreiro de 2012.- A Casa do Mar de Corrubedo vai ser escenario este venres 3 de febreiro, ás 20 horas, do acto de presentación do libro “Santa María del Cabo de Corrubedo (coto del mismo nombre)”, escrito por Francisco Sánchez Fraga e publicado pola Deputación Provincial da Coruña.
Neste acto de presentación estarán presentes Santiago Freire en representación da Deputación, o alcalde de Ribeira (e tamén deputado provincial) Manuel Ruiz Rivas e o senador José Luis Torres Colomer.
Francisco Sánchez Fraga é un profesional na reserva do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil. O autor serviuse de boa parte das súas experiencias como mergullador para relatar cronoloxicamente a profusa sucesión de naufraxios acontecidos nas proximidades do cabo ao longo da súa historia, un aspecto que ocupa un amplo capítulo da publicación.
Pero a obra incide tamén noutros moitos aspectos ligados a Corrubedo, como o seu patrimonio arquitectónico, as súas lendas, a súa riqueza natural ou a vida cotiá dos habitantes do pobo.
A elaboración do libro, amplamente documentado e ilustrado cun grande número de fotografías, contou coa colaboración do veciño da parroquia Fernando Vilariño.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario