- O uso do edificio está ao dispor das asociacións e colectivos de carácter xuvenil que o soliciten
- Entre outros obradoiros, haberáos para aprender a facer grafittis e break-dance
Ribeira, 1 de febreiro de 2012.- A concelleira de Xuventude, Aroa Fernández Cadórniga, deu conta no día de hoxe da programación de actividades prevista para o presente semestre na Casa da Xuventude, a cal semella que por fin comezará a funcionar e non será outro inmoble sen sentido pagado con cartos públicos.
Despois de arranxar as deficiencias rexistradas na instalación, provocadas en gran parte por actos destrutivos (cambiar pechaduras, pintar paredes, limpar patios, adecuar a entrada principal, mellorar a conexión eléctrica e de rede informática, reparar a caldeira... e a vindeira semana instalarase unha tarima de madeira no andar superior), todo está preparado para activar a pleno rendemento o uso deste inmoble.
Así, para o máximo aproveitamento do edificio, estase a dotar ao mesmo con televisión, dvd, vídeoconsolas (PlayStation e Wii), ordenadores con conexión libre e gratuíta a internet e xogos de mesa. A edil avanzou que se está en conversas coa bibliotecaria e co arquiveiro municipal para instalar na Casa da Xuventude unha biblioteca xuvenil e non hai que esquecer o uso que se lle pode dar á Pista Multideporte que se inaugurou hoxe detrás do inmoble.
Ademais, Fernández Cadórniga, que estivo acompañada do técnico Mario Vidal, enumerou os cursos e obradoiros que se van realizar estes próximos meses, sobre os que máis adiante se subministrará información detallada:
- Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre: Dará comezo o 18 de febreiro e rematará o 9 de xuño.O curso que consta de 200 horas lectivas, abarca as seguintes áreas docentes: Área de Psicosocioloxía, Lexislación, Área de Animación e Xogos, Área de Saúde, Técnicas de Acampada e Área de educación Ambiental e Natureza. Constará de 200 horas lectivas durante os sábados e algún domingo ou festivo (Febreiro: 18, 25, Marzo: 3, 4, 10, 17, 24, 31, Abril: 1, 14, 21, 28, 29, Maio: 5, 12, 19, 20, 26 e Xuño: 2, 9). Máximo de 25 alumnos por curso. O curso ten un custe de 260 €.
- Curso de Iniciación á Orientación Deportiva. Terá unha duración de 8 xornadas repartidas nos fins de semana dos meses de Febreiro e Marzo de 2012. Dividirase en tres bloques: formación teórica (4 días), formación práctica (2 días) e competición (2 días). A parte teórica será a que se faga na Casa da Xuventude e consistirá en aprenderlles aos alumnos as técnicas de cartografía e orientación necesarias para a práctica deste deporte.
- Curso de Socorrista Acuático Profesional en Espazos Acuáticos Naturais e Instalacións Acuáticas: O Curso desenvolverase durante fins de semana en datas pendentes de confirmar. Corre a cargo do Grupo de Investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo (GIAAS)
- Obradoiros de formación en temas afectivo-sexuais. Para subministrar información e asesoramento sobre esta temática. Depende da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
- Escola Municipal de Breakdance. O obxectivo que se persegue é achegar esta disciplina ao colectivo xuvenil e promover os beneficios que leva a súa práctica habitual. Vai dirixido a rapazas e rapaces maiores de 12 anos. Está programado para os meses de marzo, abril e maio. Imparte a Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola de Noia.
- Curso de Grafiti.
- Obradoiro de cociña económica para a mocidade.
Outras accións adiantadas pola concelleira de Xuventude e Igualdade son unha charla sobre o Voluntariado Europeo a cargo da Fundación Paideia (na que se explicará en que consiste o Voluntariado Europeo: un programa que permite aos mozos de entre 18 e 30 anos vivir unha experiencia internacional desenvolvendo tarefas de voluntariado en diferentes proxectos en países europeos), a celebración dunha charla obradoiro sobre Como Facer un Intercambio Xuvenil (que proxectos se poden presentar, onde se presentan, requisitos dos mozos e mozas que queiran participar, axudas que concede Europa...), a celebración dun Encontro Comarcal de Asociacións Xuvenís (sobre ocio educativo na mocidade), así como a posta en marcha dun Ciclo de Charlas e Mesas Redondas de frecuencia mensual nas que se tratarán diversos temas de interese xuvenil como o emprego, a emancipación xuvenil, o asociacionismo, ocio e tempo libre, a solidariedade,...
Cesión á Fundación Camiña Social
Outra novidade desvelada pola edil é que se acaba de aprobar a cesión dun espazo da Casa da Xuventude a favor da Fundación Camiña Social para que esta entidade poida entrevistarse con mozos e familiares a cargo sometidos á xurisdicción penal de menores (o CIEMA –ente dependente da Fundación citada- é o organismo ao que lle corresponde a execución de medidas xudiciais de medio aberto na provincia coruñesa impostas polos Xulgados de Menores). Empregarán un local da Casa un día por semana.
Doutra banda, o Club O Pósito de Xadrez de Ribeira está levando a cabo a súa participación na Primeira División de Xadrez nas instalacións da Casa.
Asociacións e grupos musicais
Aroa Fernández incidiu en que o uso da Casa da Xuventude entre as asociacións xuvenís é unha prioridade para o Concello e que todas aquelas que queiran solicitar locais para as súas reunións teñen que facelo por escrito con antelación suficiente e se lles concederá un local sempre que non estea ocupado. Algunhas entidades, como Sálvora (Riveira Trek-Aventura), Abril ou o Club de Xadrez, xa empregaron esta posibilidade.
Por outra parte, tamén se pretende fomentar o uso do edificio polos grupos de música locais como un lugar para albergar concertos, sempre de xeito respectuoso coa veciñanza (como punto de partida organizarase un concerto por mes).
A día de hoxe a Casa da Xuventude está aberta de luns a venres de 8 a 14 horas e de luns a xoves de 16.30 a 20.30 horas. As fins de semana están ocupadas con curso de formación.
Ribeira: o venres 3 presentan un libro sobre o Cabo Corrubedo na casa do mar desta parroquia post.ly/53vo9
— Certo (@Certo) February 1, 2012
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario