3.3.12

Natureza: comeza este mes o plan de control do lobo na Serra do Barbanza

  • Medio Ambiente executará este programa despois de realizar unha investigación no segundo semestre de 2011 na que se detectou a presenza de exemplares híbridos, resultantes de apareamentos entre lobos e cans asilvestrados

  • O plan, que se prolongará ata o mes de agosto, fundaméntase en dous tipos de actuacións: as de control e as de trampeo, coa colocación de dispositivos de colares ‘gps’

  • Os axentes de Conservación da Natureza supervisarán cada unha destas fases para minimizar o impacto sobre a especie

Media_httpblogueirosa_babia

Imaxe tomada de Axena, na súa entrada sobre o "lubicán" do Barbanza

Barbanza, 3 de marzo de 2012.- O plan de xestión do lobo en Galicia, segundo a Xunta, determina a necesidade de realizar seguimentos nas zonas nas que se teñan sospeitas ou haxa indicios de posible coexistencia de lobos e cans asilvestrados. Por esa razón, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia o desenvolvemento do plan de control sobre a hibridación entre cans e lobos na Serra do Barbanza este mesmo mes de marzo.

O propósito do Plan de Control de Híbridos na Serra do Barbanza é a eliminación, por razóns de conservación da especie canis lupus, de todos os exemplares híbridos existentes nesta zona, dado que a existencia dos mesmos supón unha contaminación xenética da especie.

Este plan de actuación suporá a implantación de dous tipos de medida; os de control, polo que se efectuarán aguardos e batidas na zona contaminada para eliminar exemplares híbridos. As batidas se efectuarán ao longo do mes de marzo e os aguardos se realizarán ente os meses de abril e agosto, semanalmente, polos cazadores acreditados pola Consellería, estas dúas actuacións serán supervisadas polos axentes de Conservación da Natureza.

Co fin de minimizar o impacto sobre os lobos puros, os controis efectuaranse sobre aqueles exemplares que presenten un fenotipo can ou híbrido (caracterizados por pelaxe canela ou leonado).

A segunda das medidas recollidas son os trampeos, co que se pretende capturar o maior número de exemplares na zona, que pode derivar en dúas situacións: apresar un exemplar de fenotipo lobo ou un animal híbrido. No primeiro dos casos, procederíase a equipalos con colares gps, que permitiría estudar o seu comportamento espacial; ao tempo que permite ampliar o coñecemento sobre a ecoloxía da especie en mandas mixta e axuda a localizar ao resto e de individuos da manada. Un aspecto moi importante de cara a efectuar os controis oportunos.

Tamén o marcado de exemplares permite localizar a zona de cría e campeo da manada con certa facilidade, polo que se ten un terceiro método de control,o axexo, o que supón un enorme avance da cara a reducir o número de exemplares híbridos na zona. Estas tarefas comezarán no mes de abril.

As experiencias anteriores revelan que en moitas ocasións se capturan exemplares con apariencia fenotípica de lobo, pero en realidade son híbridos, polo que este paso é de vital importancia.

Tarefas de observación en 2011
Cómpre destacar que, tras informacións sobre a existencia dunha posible hibridación na Serra do Barbanza, os técnicos e os axentes do departamento de Conservación da Natureza procederon a efectuar no segundo semestre de 2011 unha investigación, detectándose de visu e mediante mostraxe xenéticas, a existencia de exemplares híbridos.

Os resultados da investigación revelaron a existencia dun importante problema de hibridación na zona polo que dada a singularidade do asunto, a falta de experiencias a nivel mundial e tendo en conta as recomendacións e experiencias adquiridas, se decidiu establecer unha serie de actuacións de seguimento e control e abatemento de exemplares híbridos, actuando da maneira máis axeitada para obter o maior rendemento científico posible, sendo acordes coas recomendacións internacionais existentes.

A Administración galega levou a cabo medidas para poñer solución aos problemas da hibridación, xa que soamente mediante a combinación de actuacións e de aplicación do esforzo continuado será posible afrontar esta problemática.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical