19.3.12

Ribeira: sorteados e repartidos os 26 postos do mercado provisional

  • As portas da praza actual pechan definitivamente este sábado 24
Ribeira, 19 de marzo de 2012.- O concelleiro de Consumo, Vicente Mariño de Bricio, celebrou na mañá de hoxe unha reunión cos vendedores da praza de abastos con vistas a organizar os detalles do seu inminente traslado á carpa na que estes operadores van traballar en tanto se constrúe o novo mercado.

A sesión de traballo, que tivo lugar no salón de plenos da Casa Consistorial, serviu para decidir o reparto e adxudicación dos 26 postos en que se dividirá a carpa, de 450 metros cadrados de superficie. Na instalación haberá 16 postos de peixe fresco e outros 6 de carne que foron adxudicados hoxe por sorteo, máis 2 postos de floristería e 2 de embutidos que xa foran distribuídos de antemán.

Durante a reunión celebrada no Consistorio, de case dúas horas de duración, Mariño de Bricio incidiu na importancia de que este mercado provisional sexa un referente do desenvolvemento local e o líder do entorno en canto á venta de produtos frescos. Así mesmo, destacou que debe servir de escaparate comercial tanto para o cliente habitual como para o turista, amparándose en premisas tales como a calidade do produto e a atención ao cliente e procurando ampliar a franxa de idade do usuario potencial.

Con miras á consecución destas aspiracións, algunhas das medidas que se van impulsar coincidindo coa apertura do mercado provisional (apertura que está prevista para o martes 3 de abril pola mañá) figuran o emprego de placas identificativas polos vendedores, o uso de portaprezos nos postos e a utilización de uniformes.  No transcurso da xuntanza tamén se tomaron novas decisións, como a que por conta dos propios praceiros se alugue unha cámara frigorífica na que gardar unha parte dos produtos frescos que se vaian comercializar.

O concelleiro informoulles de que as portas da praza de abastos actual quedarán pechadas definitivamente este sábado 24 de marzo ás 14 horas e a partir de entonces terán lugar as manobras de traslado de material ata a carpa.

Viaxe á Coruña

Os praceiros que así o desexen poderán tomar parte o mércores 28 nunha viaxe a Coruña para poder coñecer de primeira man o funcionamento de dous mercados punteiros enclavados na cidade herculina, como son o mercado de Elviña e o da praza de Lugo. Así mesmo, terán a oportunidade de percorrer os lugares máis interesantes da urbe, consistorio de María Pita incluído, por invitación do Consorcio de Turismo de Coruña.

Unha vez finalizada a reunión, os praceiros, o edil de Consumo e técnicos municipais desprazáronse ata a carpa na que está a ter lugar as tarefas de acondicionamento. Alí Vicente Mariño escoitou as suxestións realizadas a pé de obra por algúns dos comerciantes, en torno a aspectos tales como a modificación dos condutos de desaugue, o cambio de material para o cortaventos situado na entrada ou as dimensións dalgúns postos. Estudaranse as suxerencias.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical