17.4.12

Ribeira: anuncian dous quilómetros máis de cemento en catro actuacións no borde marítimo

Rolda_de_prensa_herminia_pouso

  •  En Ribeira, Palmeira e Corrubedo, pendentes da nova Lei de Costas con que ameaza o novo executivo en Madrid
  • Aínda está por solucionar o problema de Areeiros e Palmeira Norte

 


Rafael Eimil, director de Costas en Galicia

 

Ribeira, 17 de abril de 2012.- O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, mantivo na tarde de onte unha reunión co director da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil Apenela, co obxecto de abordar distintos asuntos que son de interese tanto para o Concello como para os veciños do municipio e para as asociacións ecoloxistas.

 

Un dos temas que figuraban na axenda do rexedor local garda relación co deseño dun "ambicioso" Plan de Posta en Valor do Litoral de Ribeira no que se está a traballar dende o Executivo e que será presentado proximamente. Independentemente da futura presentación, hai catro actuacións concretas que –sumando máis de dous quilómetros de lonxitude- xa se sabe que formarán parte do mesmo e que foron tratadas unha a unha co máximo responsable autonómico da Demarcación de Costas.

 

Unha desas catro actuacións é a construción do Paseo Marítimo-Terrestre que unirá a cidade con O Touro. Con respecto a esta iniciativa –que se adscribe ao programa Riveira Atlántica 2015, cofinanciado con fondos FederRuiz Rivas presentou onte a Eimil Apenela o plego técnico correspondente para sacar a concurso conxuntamente proxecto e obra. Cabe recordar que este paseo ten por obxectivo, sempre segundo a visión do executivo ribeirense, mellorar o borde litoral entre o porto de Santa Uxía e a praia de Area Secada tratando de potenciar o uso recreativo e de ocio da zona. Terase en conta as necesidades de accesibilidade das persoas con mobilidade reducida e propiciará unha continuidade cidade-praia no entorno urbano.

 

Ademais, o alcalde solicitou no nome do Concello autorización de Costas para desenvolver outras tres actuacións que afectan a outras tantas parroquias:

 

      En Corrubedo, a construción dun Acceso Peonil que descorre polo borde marítimo entre a zona portuaria e a praia do Prado. A realización da infraestrutura entrañará os beneficios engadidos de que permitirá dotar ás casas do entorno de determinados servizos dos que actualmente carecen (principalmente o de saneamento) e, por outra banda, se eliminarán os problemas esporádicos de amontoamento de area que presentaba algún punto do vial que vai por detrás do areal citado.

 

      Na cidade de Ribeira, a ampliación do paseo marítimo de Coroso a través da construción dun corpo voado que, posicionándonos na plazoleta onde está a pedra volcánica de Adeje, irá ata á altura do colexio unitario de Deán e permitirá albergar máis metros de carril bici e, en segundo lugar, ampliándose tamén en dirección ás Carolinas ata as inmediacións do Club Náutico.

 

      E na parroquia de Palmeira, a construción dun paseo marítimo que una a zona do cámping de Coroso coa praia de Río Azor.

 

Segundo explicou a voceira do Goberno municipal, Rafael Eimil amosouse moi receptivo a todos estes proxectos e o Concello procederá agora á redacción dos planos de alzada correspondentes e ás plantas da infraestruturas. Herminia Pouso explicou que a conservación das mesmas correrá a cargo do Concello.

 

Areeiros e Palmeira Norte

Outro dos temas que abordou Manuel Ruiz co responsable de Costas foi a problemática que se suscita en Os Areeiros (Castiñeiras) e o norte de Palmeira como consecuencia do deslinde de 100 metros efectuado a consecuencia da aplicación da Lei de Costas de 1988.

 

Rafael Eimil informou ao rexedor da intención do Goberno do Estado de presentar o anunciado proxecto da reforma da Lei de Costas antes do verán, co cal o Executivo local estará pendente de poder coñecer o mesmo en profundidade para ver se propicia un arranxo definitivo a estes dous conflitos. En todo caso, o citado proxecto será presentado antes da aprobación inicial da nova redacción do PXOM, o que nos deixará ao Concello marxe temporal para actuar e tomar as decisións convenientes.


Relacionadas, outras actuacións de Costas nesta contorna:


Brañas de Laíño:
alegacións de Verdegaia ao proxecto de Costas


Proxecto de Costas en Laíño: ameaza ás escribentas das canaveiras






 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical