16.4.12

Ribeira: comezou "Encanínate", con 26 persoas que lle aprenderon aos seus cans técnicas para mellorar o comportamento


Ribeira, 16 de abril de 2012.- A  primeira xornada do programa Encanínate -iniciativa promovida polo Concello e as asociacións Sálvora, As Miñoteiras e Agacett- rexistrou no día de onte unha magnífica participación coa intervención na experiencia dun total de 26 persoas que estiveron acompañadas dos seus respectivos cans.
 

A de onte foi unha xornada de socialización na que, da man dos adestradores profesionais Ángel Mollá e Marco Antonio Pérez, os asistentes aprenderon algunhas técnicas para mellorar o comportamento dos seus animais tanto a nivel individual como cando están en grupo. Así mesmo, a sesión serviu igualmente para efectuar un control veterinario e de microchip.
 

Acto seguido, todos os participantes puideron disfrutar dunha andaina de 45 minutos de duración e dificultade medio-baixa polo entorno do parque periurbano de San Roque. O concelleiro de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez Queiruga, tomou parte na experiencia. 
A vindeira xornada de socialización terá lugar o vindeiro día 29 de maio a partir das 10 horas e sairá ao igual que a actividade de onte dende a explanada localizada fronte aos xulgados de Riveira. Previamente, ás 9.30 horas, haberá un control veterinario para todos aqueles animais que non o pasaran no primeiro día.

 
Cómpre lembrar que estas xornadas son gratuítas e os interesados en dispor de maior información e descargarse o regulamento poden visitar a páxina web do Concello (www.riveira.com) ou as redes sociais da Asociación Sálvora de facebook e tuenti (riveiratrekaventura). As inscricións hai que facelas na Oficina Municipal de Deportes situada no polideportivo de A Fieiteira (tamén por enderezo electrónico a riveira@deportes.com).



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical