- Ás oito da tarde no conservatorio, este xoves 19 de abril
A festa máis sonada hoxe en Ribeira é a Dorna, sen discusión
Ribeira, 18 de abril de 2012.- Mañá xoves, día 19 de abril, ás 20 horas, terá lugar no Conservatorio a segunda das xornadas dos Xoves Literarios que promove o Concello no marco da programación do Abril Mes dos Libros 2012. Nesta ocasión, será o escritor nado en Palmeira en 1957 Francisco Antonio Vidal Blanco o que imparta unha conferencia e trace un percorrido visual polos mitos de antano e a súa conexión cos festexos da actualidade.
Baseándose no seu libro “Dos Fastos aos Festexos”, publicado en 2009 en colaboración con Rosa B. Vizcaya, Francisco Antonio Vidal vai analizar na disertación de mañá as principais festas galegas seguindo a orde que marca o calendario. O autor pretenderá e amosar os paralelismos existentes entre as celebracións de hoxe e os fastos dos que xa falaban Ovidio e outros autores clásicos, demostrando así como son herdeiros dunha tradición de máis de dous mil anos.
Ritos de Ribeira
Tamén se aproximará a algúns dos ritos e celebracións propios do municipio de Ribeira, moitos perdidos xa ou en proceso de esquecemento, pero dalgún xeito tiveron unha clara influencia na maneira en que as persoas se relacionan co medio.
Francisco Antonio Vidal ten publicado oito novelas (a última delas, “As deusas do Calvario” en 2010) e diversos ensaios e obras de teatro. Entre os seus premios literarios cabe destacar o premio do Concello de Vilalba de novela nos anos 1992 e 1998, o Premio de Literatura Infantil Olisbos en 1993, o da Casa de Galicia de Baracaldo en 1997, o do Concello de Viveiro en 2003 ou o Terra de Melide en 2007.
Moita máis información sobre este autor na Galipedia
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario