18.4.12

Sanidade: a asociación SOS Sanidade Pública advertiu onte dos recortes e copagos que o PP anunciou hoxe


Entre as medidas anunciadas está o pago de un euro por receita e facerlle pagar aos xubilados os medicamentos, algo que nunca ningún goberno ousou facer

Barbanza, 18 de abril de 2012. Logo de negar reiteradas veces que o fose facer, tanto en campaña como logo de gañar as eleccións, o Partido Popular anunciou hoxe, a través da súa ministra de Sanidade, Ana Mato, que se instaura o copago -inda que ela, nesa neolingua que emprega o actual executivo, que tamén lle chama "activos ocultos" ao "carto negro" de toda a vida, di que non é tal- na sanidade. Hai menos dun mes, nun par de liñas dunha nota de prensa, o PP tamén recortou 10.000 millóns en Sanidade e Educación, tratando de convencernos de que os servizos prestados non se ían resentir. A asociación SOS Sanidade Pública viña advertindo disto dende hai tempo. Esta foi a nota que se leu onte en todas as reunións das diversas plataformas que compoñen esta asociación, entre as que hai unha de Barbanza:

"A crise, a redución do déficit e a insostibilidade do sistema sanitario público están sendo utilizados como coartada para introducir recortes e privatizacións na sanidade galega. Con todo, o noso sistema é dos máis baratos da Unión Europea (o gasto por persoa é de 2.049 dólares,  fronte aos 2.870 dólares da UE en poder paritario de compra), e a nosa presión fiscal é das máis baixas (34% do PIB fronte a 44% da UE), cun nivel de fraude que alcanza o 25% do PIB (90.000 millóns de euros).

Doutra banda o crecemento do gasto sanitario ten pouco que ver coa demanda de asistencia da poboación que está relacionado coa organización, funcionamento e orientación do sistema; coa falta de planificación; coa descoordinación entre hospitais e atención primaria; co abuso das tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas (un 23% máis alto que a media europea) e da prescrición farmacolóxica; coa parasitación do sector público polo privado; e co abandono da atención primaria, da promoción da saúde e da prevención da enfermidade.

Despois de que a Xunta de Galicia reducira o orzamentario en 300 millóns o Goberno central pretende que fagamos máis recortes para cumprir co seu obxectivo de reducir o gasto sanitario en 7.000 millóns de euros, a concretar no Consello Interterritorial do próximo día 18 de abril cos conselleiros dos servizos de saúde autonómicos.

Entre as medidas que se están aplicando ou adiantado, a modo de globos sondas, polos responsables de algunhas CCAA e polos ministros de economía e sanidade están:

       Incrementar o copago farmacéutico segundo nivel de renda.

       Acabar coa gratuidade das receitas dos pensionistas.

       Copago por consultas e probas diagnósticas.

       Recorte da carteira servizos ofertados pola sanidade pública.

       Promoción de seguros complementarios con desgravacións fiscais.

       Colaboración Público Privada para construír e xestionar as novas infraestruturas.

       Privatización de servizos sanitarios (radioloxía, laboratorios; servizos clínicos..) e non sanitarios (administración, centrais de chamadas, alimentación, limpeza, hixiene, informáticas, avaliación tecnolóxica, planificación, centrais de compras, etc.)

       Eliminar fondos de cohesión interterritorial.

       Peche de servizos sanitarios: Hospitais e plantas, urxencias, centros de de Saúde e consultorios.

       Eliminar a actividade asistencial dos hospitais pola tarde.

       Redución de persoal e de gastos de persoal: Xubilacións obrigatorias aos 65 anos sen reposición das vacantes, despedimento ou redución do horario do persoal interino, precarización de contratos, redución salarial, laboralización, etc.

A gran maioría destas medidas atentan contra os alicerces fundamentais do noso sistema sanitario como son a universalidade, a accesibilidade, a equidade, o carácter redistributivo, a calidade e a eficiencia, e terán graves consecuencias para a maioría da poboación que recibirá unha atención de menor calidade, e terá dificultado o seu acceso á asistencia que será diferente segundo o seu nivel de renda, pagará máis por menos e deberá procurarse seguros complementarios para ser atendido polos problemas de saúde excluídos do sistema público.

Fronte á política de recortes e privatizacións é posible outra, baseada na mellora da eficiencia e o uso racional dos recursos, para mellorar a calidade e seguridade da atención sanitaria e os niveis de saúde da cidadanía:

Concepto

Recadación copago

Aforro racionalidade

Reducir 50% os medicamentos innecesarios >65 anos

70  millóns

83 millóns

Reducir 50%  ingresos por reaccións adversas aos fármacos

23 millóns

66 millóns

Reducir 30% os efectos adversos durante a hospitalización

0 millóns

27 millóns

Reducir en 1/3 as estancias inadecuadas

0 millóns

263 millóns

Reducir 10% frecuentación  a urxencias hospitalarias non ingresadas

9,4  millóns

23 millóns

Traspasar o 25% das consultas hospitalarias a AP

44 millóns

60 millóns

Reducir en 1/3 as RM e TC innecesarios

4,5  millóns

14,8  millóns

Integración do mutualismo administrativo no SNS

4,5 millóns

12,5 millóns

Total

155 millóns

549,3 millóns

 

Queremos advertir ao presidente da Xunta de Galicia Sr Núñez Feijoo que non imos tolerar que o Consello Interterritorial adopte decisións ou medidas que deterioren ou privaticen o noso sistema sanitario que ten o apoio da grande maioría da poboación e esiximos á Conselleira de Sanidade Rocío Mosquera que defenda o carácter público da nosa sanidade, que se opoña a calquera medida de copago, e que se manteñan os fondos de cohesión interterritorial que compensan a nosa menor capacidade de recadar os impostos que financian a sanidade pública galega

Desde SOS Sanidade Pública facemos un chamamento á cidadanía galega para dar unha resposta contundente no caso de que o Consello Interterritorial do día 18 de abril adopte calquera medida que deteriore, aínda máis, o Sistema Sanitario Público Galego.

SOS Sanidade Pública

Santiago, 17 de abril de 2012

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical