7.5.12

Dodro: programación cultural de maio, co gallo das Letras Galegas


Imaxe da homenaxe na tumba de Baleirón, o poeta que pon a Dodro no mapa galego da poesía


Dodro, 7 de maio de 2012. Con motivo da celebración das Letras Galegas, a Concellería de Cultura do Concello de Dodro que dirixe Cristina Codesido, organiza varias actividades dentro do propio concello.

A primeira actividade, Polafía, terá lugar o vindeiro 16 de maio ás once da mañá no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón. Trátase dunha xornada interxeracional, entre vellos e rapaces. O obxectivo principal é fomentar as relacións entre as persoas de distintos grupos de idade co ánimo de enriquecer os vínculos e o coñecemento mutuo. No acto en cuestión participarán alumnos da E.S.O, un total de cincuenta e cinco rapaces e rapazas, e os vellos pertencen aos talleres de memoria que se están a realizar no Concello de Dodro.

Xa que dita actividade se basea en contidos literarios e musicais co fin de amosar o patrimonio oral, literario e musical galego, os alumnos e alumnas de 4º da E.S.O citarán poemas e cantigas e os maiores, pola súabanda , recitarán coplas.

A reunión entre os mozos e os maiores, finalizará cunha rolda de preguntas por parte do alumnado ós maiores de Dodro.


Presentación do libro gañador do "Eusebio Lorenzo" de poesía, o 16 de maio


Outro acto, enmarcado dentro da celebración das Letras Galegas, será a presentación do libro gañador da edición número XXIV do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. A obra é "Con Gume de folla húmida”, de Isaac Xubín. Dito premio honra a memoria do ilustre poeta Eusebio Lorenzo Baleirón e ademais contribúe á promoción da poesía galega.

A presentación terá lugar o día 16 de maio ás doce do mediodía, cun prólogo a xeito de percorrido pola vida de Eusebio Lorenzo Baleirón. Posteriormente, será a presentación do libro gañador ao alumnado da E.S.O do CPI. Á presentación acudirán membros da familia de Eusebio ademais do alcalde de Dodro xunto con membros da corporación municipal.

Galego de cine, o 24


O día 24 de maio está programada a actividade Galego de Cine do programa “FalaRedes” da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A actividade terá lugar na esplanada do polideportivo municipal ás 17 horas. Instalarase unha caravana reconvertida en cine itinerante.

Trátase dunha experiencia audiovisual "no cinema máis pequeno do mundo". Poderán participar os rapaces e rapazas de 6 a 12 anos. Os participantes disfrutarán dun visionado de curtas de animación en galego. Posteriormente, intervirán nunha serie de actos converténdose en estrelas da gran pantalla a través da composición dunha historia nun video-matón que estará accesible mediante Internet. Aqueles nenos interesados en participar, deberán inscribirse na Casa da Cultura de Dodro, a partir do 9 de maio ata o 21, ambos días incluídos. A actividade é gratuita.

O horario de apertura da Casa da Cultura é de 9.00 a 14.00 horas, en horario de mañá e de 16.00 a 19.00 horas, en horario de tarde.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical