29.6.12

Colaboración: "Un Rolling Stone en Galicia", por Javier Ferreirós

Ó principio estaba Bill Wyman, que xa fumaba cando aínda non existía o rock and roll. Cando Bill tiña vinte anos, chegaron do outro lado do mar Elvis e Compañía, e estableceron o Novo Novo Mundo. Non sabemos moi ben que fixo Bill, aparte de fumar, ata que volvemos a atopalo cun baixo na man o 7 de decembro de 1962, nunha proba para tocar cos Rollin´ (aínda sen “G”, daquela levábaa Franco nas moedas) Stones. A Bill, sete anos maior que o monstro Jaggerrichards, quedoulle claro dende aquel segundo principio: máis que querelo a el, aqueles espichos querían o seu ampli.

Chegaron noticias dende a metrópole: mataran ó rei Kennedy de Camelot, e cando volveu matárono outra vez. Así que non quedaba outra que cabalgar montados nas grupis cara o abismo. Xa en 1971, como os artistas antigos que solo Bill lembraba, os Rolling Stones instaláronse no Sur de Francia, e mentres o baixista buscaba a luz do Midi francés para pintar, Jaggerrichards buscaba a sombra para seguir cabalgando por dentro e para ocultarse do fisco británico, que nada sabía do establecemento daquel Novo Novo Mundo que, para que negalo, xa abandonara as colonias.

Bill paseaba pola campiña con Chagall e cun detector de metais que hoxe en día leva o seu nome, e que por aquel entón lle servía para atopar moedas sen “G”, polos novos vellos tempos, mentres o resto dos Stones, ocultos nos seus pasadizos, non sospeitaban que un día o detector de metais Wyman (marca rexistrada) podería delatalos atopando o rastro de próteses metálicas.

Así que no ano 30 Despois de Camelot, en 1993, Wyman colleu o seu ampli e marchou, renunciando a un posto de alto funcionario satánico en Babilonia para abrir un restaurante e quedar con outros amigos, sen parvadas de rapaces sete anos máis novos ca el, para tocar e así dar fe de que unha vez uns homes chegados do outro lado do mar trouxeron un son chamado rock and roll que non precisaba de jets privados nin finais da Superbowl.

O pasado 19 de xuño Bill apareceu no Palexco da Coruña cos seus outros amigos, chamados os Rhythm Kings, nada menos. E unha vez máis, como nos videoclips, era un tipo serio que só pasaba por alí, que leva cincuenta anos pasando por alí, e ó que eu lle agradecerei eternamente a liña de baixo de “Miss You”. Por un instante de hora e media quedou quieto pulsando as cordas e mirando ó infinito, coma sempre, e co detector de metais apagado. Alí estaba o representante dun Vello Novo Mundo que renunciara ó seu posto, incomprensiblemente para nós, que queremos ser todos funcionarios. 

Ó final do show  abalanzámonos a darlle a man coma vendedores de froita  cando para o tren e se asoma pola xanela  o Vicerrei  da India. Porque Bill Wyman é un señor moi inglés. E para aqueles que aínda crean na imaxinaria guerra civil inglesa entre Beatles e Rolling Stones, dicir que ningún Beatle puxo nunca un pé en Galicia. Aínda que unha vez nas dunas de Corrubedo vin a un señor moi parecido a Ringo perdido e buscando unha sombra.

Páxina oficial de Wyman: http://www.billwyman.com/

Colaboración anterior de Javier Ferreirós:


Apocalipse outra vez

Javier Ferreirós é músico e historiador

Toda a serie "Música por dentro" en Certo, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical