29.6.12

Dodro: celebran o cuarto de século do premio de poesía "Eusebio Lorenzo Baleirón" cun libro, logo e exposición de fotos

Logo_xxv_aniversario_premio_eu

Dodro, 29 de xuño de 2012. Este ano convócase o XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, certame que foi instituído polo Concello de Dodro no ano 1988, sendo alcalde Fernando Vila Brión quen apoiou a iniciativa de Avelino Abuin de Tembra, co obxectivo de “honrar á memoria do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón natural deste municipio e prematuramente desaparecido e para contribuír á reafirmación da lírica galega tan importante na historia cultural de Galicia”. Dende esa data vense convocando tódolos anos de xeito ininterrompido.

 

O Premio é hoxe un dos máis afamados e antigos de Galicia, quizás o segundo máis antigo, e conta cunha ampla participación ano tras ano, xa que á parte da dotación económica, supón para os gañadores o recoñecemento público e a publicación da súa obra.

 

Neste Premio poden concorrer tódolos poetas ou poetisas que o desexen, sempre e cando as obras coas que participen no concurso sexan inéditas e escritas en lingua galega. O fallo do premio depende dun xurado designado polo Concello de Dodro formado por persoeiros vencellados ao mundo da poesía e da crítica literaria, Avilés de Taramancos, Ramiro Fonte, Bernardino Graña ou Iolanda Castaño son só algúns exemplos dos autores que deliberaron sobre o Premio ao longo das distintas edicións.


Conmemoración especial destas vodas de prata da poesía

 

O Concello de Dodro con motivo do XXV aniversario do Premio, quere celebrar dun xeito especial este Premio e achegalo aínda máis a todos os galegos, xunto ca obra do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón.

 

Para iso, dende o Concello de Dodro xa se está a traballar na edición dun libro conmemorativo do XXV Aniversario que recollerá unha escolma da poesía de Eusebio Lorenzo Baleirón e  unha selección de poemas ilustrada dos gañadores das XXIV edicións do Premio xa realizadas. O libro previsiblemente sairá publicado a finais de ano. Ao mesmo tempo tamén se está a preparar entre outras cousas, unha exposición gráfica do poeta.

 

Para dar unha maior difusión, o equipo de goberno encargou un logo conmemorativo do XXV aniversario do Premio. Así, e dende o Concello de Dodro a partir do día de hoxe, todos os documentos oficiais do concello levan membretado un logo conmemorativo do XXV aniversario na súa marxe superior dereita (tal e como vai nesta información). Preténdese chegar alá onde chegue calquera documento do concello e que o nome do Premio e o do poeta poidan así chegar máis lonxe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical