- Dende principio deste mes os corpos da Policía de Noia e a Garda Civil do Posto de Noia veñen incrementando a coordinación e xa obtiveron bos resultados
Noia, 18 de xuño de 2012. Segundo anunciou hoxe o alcalde, o socialista Rafael García Guerrero, entre as medidas adoptadas por estes corpos de seguridade oficiais está a realización de accións conxuntas como controis, operativos de seguridade e intercambio de información para poder poñer coto á inseguridade cidadá. "A coordinación e colaboración entre ambos corpos xa deu os primeiros froitos como a resolución de varios furtos nos que foron postos a disposición xudicial os autores dos mesmos en apenas corenta e oito horas. Estas investigacións levadas a cabo por parte da Garda Civil contaron coa colaboración da policía local", explica en nota de prensa o rexedor noiés.
Detectados vehículos sen seguro
Tamén se teñen desenvolvido varios controis conxuntos de tráfico, onde participaron varios axentes da Policía Local e a Garda Civil. Neles controlouse documentación oficial de vehículos e mesmo se practicaron rexistros, co que se detectaron varios coches sen seguro a cuxos propietarios se aplicou a correspondente sanción e retención do vehículo.
O alcalde noiés Rafael Garcia Guerrero agradece a dispoñibilidade da Garda Civil, "que está dando todo tipo de facilidades para colaborar e mellorar a seguridade cidadá. Agardamos nos vindeiros días incrementar a coordinación para dar aínda mellor servizo".Contratación de auxiliares de policía con recursos propios
Ademais, informouse tamén de que o Concello de Noia, ante a eliminación da convocatoria de subvencións para a contratación de auxiliares de policía por parte da Xunta de Galicia, iniciará o proceso de contratación con recursos propios de cara a tempada estival, na cal se incrementa notablemente a poboación por efecto do turismo e da volta a casa de estudantes e emigrantes.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario