5.6.12

Ribeira: Ámbar xa conta cun piso tutelado cedido polo Concello

  •  No residencial Miradoiro de Padín, consta de 88 metros cadrados e a intención é favorecer a autonomía dos usuarios de Ámbar
  • Amicos recibirá unha vivenda semellante no mesmo edificio

 



 

Ribeira, 5 de xuño de 2012.- O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, procedeu esta mañá á entrega de chaves do piso tutelado que o Concello pon a disposición da Asociación Ámbar, co fin de favorecer que os usuarios desta entidade poida favorecer a súa autonomía persoal.

 

Situado na praza 8 de Marzo, no edificio Miradoiro de Padín, o inmoble conta cunha superficie de 88 metros cadrados útiles e dispoñen de cociña, salón comedor, vestíbulo, corredor, baño e tres dormitorios con dous camas cada un.

 

Segundo lembrou o rexedor municipal, unha das primeiras conversas que mantivo cando fora designado candidato a alcalde, foi precisamente coa presidenta de Ambar, Milagros Rey, quen lle fixo traslado da necesidade de poder acceder a unha vivenda que fomentase a autonomía e a independencia de membros do seu colectivo. Ruiz Rivas recalcou que naquel momento se comprometera a estudar a proposta e que, tras un ano de xestións, o Concello está por fin está en disposición de dar cumprimento a esta solicitude tan importante para elevar a calidade de vida e a autoestima das persoas con diversidade funcional.

 

Así mesmo, salientou que esta posibilidade puido frutificar grazas en boa medida ás facilidades outorgadas polo Grupo Puentes (responsable da construción do edificio residencial Mirador de Padín) á hora de cambiar algunhas das disposicións incluídas no acordo inicial co municipio.

 

Pola súa parte, Milagros Rey agradeceu ao Concello poder recibir esta vivenda que a súa asociación “levaba tantos anos tentando poñer a funcionar” pois advertían a necesidade de que as persoas con diversidade funcional aprendan a vivir soas. A presidenta de Ambar informou de que a idea inicial do seu colectivo é que a vivenda poida ser utilizada por ata un máximo de catro usuarios ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén se reservará espazo para as persoas de apoio.

 

A Asociación Amicos tamén vai recibir no Mirador de Padín outro piso tutelado cunhas características semellantes ao entregado hoxe e con idénticos obxectivos sociais.







 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical