25.6.12

Ribeira: así foi a "SanXoandeirada" interxeneracional

Ribeira, 25 de xuño de 2012.- A rúa peonil de Galicia encheuse o sábado pasado de música e animación coa pandeiretada interxeneracional que, baixo nome de Sanxoandeirada, fixo as delicias dos numerosos participantes e transeúntes que se deixaron levar pola diversión en vésperas da noite máis curta do ano.

Enmarcada no Xuño da Cultura e as Artes, a actividade estivo promovida polo Concello de Ribeira a través do Departamento de Servizos Sociais e polo Obradoiro de Pandeireta do Colexio Bayón, coa colaboración das asociacións Alfaia e Amas de Casa.

Multitude de pandeireteiros e pandeireiteras de distintas idades implicáronse na celebración, que se iniciou coa súa concentración arredor dun maio, “Aras das herbas”. Alí interpretaranse distintas pezas para logo ir en pasa rúas ata o cruceiro da Virxe da Saúde e facer uns bailes ao agarrado con pezas de música tradicional.

Acto seguido achegáronse ata a chamada Fonte do Rueiro para coller auga da sétima fonte co obxecto de incorporalo ao rito de elaboración do cacho (auga de San Xoán), que se fixo de seguido na rúa peonil xunto á “Ara das Herbas”. No rito incluíuse as “Palabras de San Xoán retorneadas” para ceibarse do demo, explicación dos poderes máxicos de cada unha das herbas que conforman o cacho e distribuíronse distintos motivos de escorrenta bruxas e escorrenta demos, así como bolsas de herbas para os participantes.
 
Todo na compaña de música tradicional, da participación dos pandereiteiros e pandereiteiras e de veciños e veciñas en festa que se involucraron nunha celebración que durou ata máis aló da unha da tarde, con cantigas e bailes populares de modo informal e participativo.

Durante a actividade distribuíuse tamén o “grimorio” “Sanxoandeirada” coa apartación de veciñas participantes no Obradoiro da Memoria coas súas lembranzas de ritos e ditos do San Xoán, así como outros textos relativos as tradicións e maxias e feitizos ao redor de tan sinalada data.
 

As asociacións e entidades que  participaron foron:

 

      Grupo de pandeireteiras do obradoiro da 3ª idade do Concello de Ribeira.

      Alumnos/as das clases de pandeireta do Colexio Bayón.

      Alumnos/as dos obradoiros de pandeireta da Asociación de Amas de Casa.

      Artistas ornamentais da Asociación Alfaia.

      Integrantes do Programa de Voluntariado Social.

      Equipo Técnico do Departamento de Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Ribeira.

O Grupo de gaitas tradicional Os Jalochos  acompañou e interpretou tamén distintas pezas.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical