11.6.12

Ribeira: o escritor Xosé Neira Vilas visita este martes 12 de xuño o colexio de Frións e inaugura no auditorio "Querido Balbino"


Neira Vilas, á esquerda, con Mero, de Fuxan os Ventos
 
Ribeira, 11 de xuño de 2012.- No marco do Xuño da Cultura e as Artes, mañá martes terá lugar en Ribeira unha dobre cita en torno á figura do gran escritor galego Xosé Neira Vilas: unha exposición no Auditorio e un encontro co propio autor no CEIP de Frións.

Así, e baixo a presidencia do alcalde, Manuel Ruiz Rivas, ás 12 do mediodía terá lugar no Auditorio a inauguración da mostra “Querido Balbino. 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego”. Este acto contará coa presenza de Neira Vilas, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; da Concelleira de Educación, Maricarmen Vizcaya e da Concelleira de Cultura, Elvira Pisos Arnoso, entre outros.


Parte da mostra "Querido Balbino". Neira Vilas coñeceu ao Che Guevara

O acto está aberto ao público en xeral e máis aos centros de ensino que desexen asistir. Logo da inauguración, Neira Vilas asinará os exemplares da súa obra que os asistentes acheguen ata o Auditorio.

Acto seguido, ás 13 horas, o escritor nacido en Vila de Cruces visitará o CEIP de Frións, para participar na actividade “Encontros con Neira Vilas”, á que están convidados os estudantes de todos os centros de ensino de Riveira que queiran coñecelo e ter a oportunidade de falar con el.

Xogos populares

Outra das novidades do día é a celebración de 17 a 19 horas na praza de España dunha Xornada Interxeneracional de Xogos  Populares por iniciativa da Asociación Xuvenil Arrecó e do Club de Pensionistas e Xubilados do Mar de Riveira. Esta acción comprende o desenvolvemento de diferentes xogos tradicionais, como a ra, a chave de pé e a chave de pas, os bolos, aros, zancos, cordas e moitísimos máis.

Por outra parte, no Centro de Interpretación Arqueolóxica do parque periurbano de San Roque terá lugar a segunda xornada de “Os artistas en San Roque”, na que escolares de 5º e 6º de Primaria do municipio toman parte activa nun conxunto de xogos, obradoiros e outras actividades lúdicas e de divertimento, co fin de aprenderlles coñecementos sobre o megalitismo, a idade de bronce e a idade de ferro. Organizada pola Concellería de Turismo, a iniciativa terá lugar entre as 9 e as 13.30 horas.

Teatro infantil

Tamén mañá desenvolverase a segunda xornada da XV Mostra de Teatro Infantil de Ribeira. A partir das 20 horas, actuarán os grupos do Colexio Bayón e o Colexio Galaxia. A primeira das formacións porá en escena a obra “O Dinosaurio Belisario”, con adaptación e dirección de Domingo Armental. Belisario é un feroz dinosauro verde, brando,  enorme e que viste cun uniforme de militar, provocando o terror en todo o arredor... Vintecinco actores e actrices forman parte do reparto.

A continuación, o Colexio Galaxia interpretará “O Heroe tolo”, cun guión escrito e dirixido por Cipriano Fernández Fernández. Xelasio, o ser máis estraño da aldea, é o único que se atreverá a enfrontarse a Firmín o Facineroso e á súa banda, logrando que a violencia acabe na comarca definitivamente.... Actúan dezasete nenos e nenas.

 

Como sempre, as dúas funcións de mañá son libres e gratuítas ata encher aforo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical