19.7.12

Boiro: presentan no campamento da Espiñeira a segunda edición de "O galego campa!"

  • É un programa de dinamización lingüística nos campamentos

  • Este é o segundo ano que se realiza e inclúe novo material para o monitorado e o concurso Campacontos de relatos contados e gravados nos seráns. Bases do concurso Campacontos en http://www.xunta.es/linguagalega/o_galego_campa

  • Un milleiro de mozos e mozas participarán este verán nos campamentos xuvenís que a Consellería de Traballo e Benestar organiza na comarca do Barbanza

Campamento_boiro

Boiro, 19 de xullo de 2012.- O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, e mais o director xeral de Xuventude e Voluntariado da consellería de Traballo e Benestar, Ovidio Rodeiro, achegáronse esta mañá ás instalacións do campamento xuvenil Espiñeira de Boiro, para presentar a nova edición do programa de dinamización lingüística O galego campa!

Valentín García mostrou a súa satisfacción pola nova edición deste programa que entronca cos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega para o sector da mocidade, ao fomentar a creatividade e os espazos de ocio en galego para os rapaces e rapazas e, así, favorecer o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

No campamento de Boiro están a participar un cento de nenos e nenas de entre 10 e 12 anos que, segundo explicou Rodeiro, están a desenvolver actividades temáticas sobre o teatro e a expresividade.

O galego campa!
O galego campa! é un programa de dinamización lingüística dirixido a rapaces e rapazas de 9 a 17 anos, nomeadamente aos que participan nos campamentos de verán da Xunta de Galicia. Na súa primeira edición, dotou a monitorado de fichas con actividades para introducir a lingua galega nestes contextos lúdicos e mais do disco asociado a elas Desaparafusador de gominola.

Nesta segunda edición, ademais de novas fichas de traballo centradas nas actividades deportivas, O galego campa! inclúe formación para os monitores e monitoras e mais o concurso Campacontos de relatos para contar nos seráns dos campamentos. dirixido a monitorado e rapaces participantes nos campamentos de verán da Xunta de Galicia.

Concurso Campacontos
A novidade deste ano é o concurso Campacontos de relatos para contar nos seráns dos campamentos dirixido a monitorado e rapaces participantes nos campamentos de verán da Xunta de Galicia. Estes relatos terán que ser gravados e enviados por correo electrónico para poderen ser valorados polo xurado. Deste xeito, combínase o uso da lingua galega oral coa creatividade en galego e coas tecnoloxías da información e da comunicación. Os materiais desta nova edición de O galego campa! e as bases do concurso Campacontos poden atoparse en http://www.xunta.es/linguagalega/o_galego_campa.>

A lingua campa no programa Acción de Verán 2012
O galego campa! chega a máis de 4.700 rapaces e rapazas de entre 9 a 17 anos participantes nos 54 campamentos de verán que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar no marco do programa Acción de Verán 2012. Ditas actividades lévanse a cabo en diferentes localidades galegas: Bergondo, Melide, Porto do Son e Boiro na Coruña; Viveiro, Portomarín, Ribadeo e Palas de Rei en Lugo; Entrimo en Ourense e Bueu, Forcarei e Vilanova de Arousa en Pontevedra.

Campamentos no Barbanza
Tras a visita a Boiro, o responsable de Xuventude tamén se desprazou ata o campamento xuvenil de Porto do Son. Rodeiro sinalou que máis dun milleiro de mozos e mozas entre 10 e 17 anos participarán este verán nos campamentos que se están a organizar na comarca do Barbanza.

Explicou que no de Porto do Son están a tomar parte un cento de mozos e mozas de entre 13 e 15 anos na actividade Natureza xunto ao mar, cun programa baseado nos deportes náuticos. En total, ao longo deste verán pasarán polo campamento de Virxe de Loreto, en Porto do Son, 570 mozos e polo de Espiñeira, en Boiro, outros 400.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical