17.7.12

Noia: a igrexa de Santa María a Nova acollerá "Comer, rezar, namorar..." en setembro

  • Trátase de músicas dos cancioneiros ibéricos do renacemento arredor de tres temas universais
  • Vai interpretar este concerto o grupo de música antiga 1500 e o artista convidado Marco Ambrosini, dentro da iniciativa da Xunta "Espazos sonoros"

Anxo_lorenzo_e_belen_bermejo_noia

O secretario xeral de Cultura presentou a programación de Espazos Sonoros, unha experiencia única de descuberta da música en diálogo con diversos espazos arquitectónicos de especial interese do patrimonio cultural galego

   

Noia, 17 de xullo de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en valor o patrimonio cultural a través dun ciclo de música de estilos diversos que percorrerá diferentes espazos arquitectónicos de toda Galicia, entre o 8 de setembro e o 18 de outubro de 2012. Trátase da iniciativa Espazos Sonoros, que foi presentada onte polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola responsable do ciclo, Belén Bermejo, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), un dos escenarios deste proxecto que pon en diálogo a música co patrimonio.

“Con esta programación, desde a Consellería de Cultura e Educación pretendemos alentar unha oferta diferente para o lecer musical das galegas e dos galegos, que contribúa a difundir o interese polo noso patrimonio arquitectónico”, afirmou Anxo Lorenzo. “Este diálogo que propoñemos –dixo– permítenos ofrecer unha vivencia diferente do patrimonio, vinculada ao interese pola música e con formatos de proximidade cos artistas que favorecen tamén un maior coñecemento e unha vivencia musical singular”.

Implicación na preservación do patrimonio
O secretario xeral considerou o aprecio polo patrimonio como “un aspecto fundamental para a implicación de todos na súa preservación”. “Ten, polo tanto, este ciclo unha intención de lecer, de gozo musical, pero tamén unha vertente didáctica, de sensibilización e de posta en valor do moito que temos e tantas veces descoñecido”, concluíu.

Espazos Sonoros foi consolidando ao longo destes anos a posta en valor do patrimonio histórico e do potencial artístico, musical e creador do noso país, mediante a programación de concertos en diferentes espazos de interese cultural, e foi engadindo obxectivos como a captación de novos públicos para a música clásica, a descentralización das programacións polos espazos da xeografía galega, a dinamización de públicos e o fomento da súa mobilidade a través do territorio e entre diferentes estilos musicais, a contribución á recuperación dos instrumentos musicais históricos e a promoción dun turismo e dun lecer de calidade en Galicia.

Propostas musicais variadas e de calidade
Nesta nova edición, mantén a súa aposta pola variedade de propostas musicais de calidade, ofrecendo música para órgano, música antiga, de cámara e outras músicas. Conta para isto con algunhas das máis salientables formacións que traballan no país, como Germán Díaz, Fernando Abreu ou o Grupo 1500, que comparten cartel con artistas convidados do nivel do arpista Andrew Lawrence-King, o polifacético músico especialista no instrumento nórdico da nyckelharpa, Marco Ambrosini, ou o quinteto de frautas holandés Seldom Sene.

Os espazos
Espazos Sonoros propón diversas citas coa música e o patrimonio no tempo de lecer para para ver, escoitar, aprender e deixarse sorprender. A selección de espazos procura casar as características do lugar coa música que se vai interpretar nel. En 2012, o programa chegará ata a reitoral de Gundivós en Sober, á igrexa de Santa María a Nova de Noia, á antiga conserveira de Bueu rehabilitada en Museo Massó, á igrexa de Santa María de Cambre, á Casa Grande de Vilancosta, na Estrada –da familia do estudoso das letras e da tradición oral de Galicia Marcial Valladares–, á Igrexa de San Pedro de Lugo, ao Liceo de Ourense, a San Martiño Pinario, á igrexa de Santa María do Campo de Ribadeo, ao CGAC e ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro.

Media_httpfarm4static_rjchf

Escea da adoración dos Magos, en Santa María a Nova, igrexa que xa é célebre en medio mundo grazas ao libro de Javier Sierra "El ángel perdido", do que falamos aquí

Revitalización do patrimonio organístico
A música para órgano é unha das especificidades do festival. Por iso, Espazos Sonoros ofrece nesta edición unha vivencia musical completa arredor deste instrumento. A organista Marisol Mendive e o zanfonista Iván Abal ofrecerán un singular concerto para órgano e zanfona na igrexa de Santa María do Campo, en Ribadeo, unindo así o mundo tradicional e o relixioso e académico. Será a estación final dunha xornada de roteiro pola paisaxe organística da Mariña.

Actividades paralelas
A captación e formación de públicos segue a ser un dos obxectivos básicos do proxecto e, arredor deste, constrúense os contidos musicais pero tamén o conxunto de actividades que axudan a ampliar o interese do festival. Neste sentido, a programación conta con actividades que teñen por finalidade achegar o público á música desde perspectivas diferentes ás que ofrecen os concertos ao uso, como obradoiros, charlas-concerto, roteiros musicais e roldas pola paisaxe organística galega.

Diálogo entre a música e os espazos arquitectónicos
A través desta iniciativa, a Secretaría Xeral de Cultura desenvolve unha diversa programación musical en espazos de especial interese do patrimonio cultural, aberta a múltiples manifestacións artísticas e estilos. Deste xeito, propíciase un frutífero diálogo entre xéneros e estéticas musicais diferentes, ao tempo que se favorece o interese e un maior coñecemento dos espazos arquitectónicos de Galicia.

espazos_sonoros_NOia.pdf Download this file

Relacionadas:


 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical