11.7.12

Ribeira: saída cultural á illa de Sálvora e visita aos tres museos do concello por parte de 40 maiores

Ribeira.- 11 de xullo de 2012.- Un total de corenta maiores do municipio participaron na Saída Cultural que, organizada polo Concello a través dos Servizos Sociais dentro do seu programa de animación aos maiores, incluíu entre outros destinos do municipio a illa de Sálvora.

 

A expedición zarpou do porto de Aguiño con destino a illa ribeirense, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde afortunadamente puideron pasar unha agradable estancia grazas a que o desapacible tempo co que naceu o día foi cambiando a medida que transcorría a mañá. Alí puideron visitar a antiga aldea mariñeira e o faro da illa.

 

Despois, os maiores regresaron ao punto de partida para xantar no peirao de Aguiño. A tarde pasaríana visitando os tres museos cos que conta este concello: a sala museo municipal, o museo do gravado de Artes e o museo etnográfico de Artes.

 

Todos os participantes –entre os cales se contou o concelleiro Vicente Mariño- coincidiron no satisfatorio da xornada.

 

Viaxe a Cambados o 20 de xullo

A próxima viaxe cultual para maiores terá lugar o vindeiro 20 de xullo con destino Cambados. A ruta incluirá visitas ao Mosteiro de Armenteira e aos Pazos Bayón e Rubiáns. Os interesados en asistir xa poden apuntarse nas oficinas de Servizos Sociais. O custo é de 37,6 euros e o prazo está aberto ata o venres día 13.








Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical