17.9.12

Ribeira: poderase ver "Compostela Iconográfica" ata o 2 de outubro no auditorio

  • Esta exposición, con 24 esculturas de santos en materiais pobres, recibiu máis de 100.000 visitantes en Santiago
  • A mostra está baseada nunha idea de El Patito Editorial e realizada polo artista madrileño Jack Mircala

Ribeira, 17 de setembro de 2012.- O Auditorio Municipal está a albergar dende o día de hoxe unha nova exposición titulada “Compostela Iconográfica. Una visión del siglo XXI”. Trátase dunha creación realizada polo artista madrileño Jack Mircala, o cal, empregando unicamente materiais tan simples como unhas tesoiras, cúter, pegamento de barra, cartolinas e lapis de cores, creou un total de 24 esculturas de santos cunha estética renovadora.

 

O proxecto é unha idea orixinal de El Patito Editorial e chega a Ribeira despois de ser exhibida en Santiago de Compostela ante máis de 100.000 visitantes. A mostra está patrocinada pola Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e a Fundación Catedral e conta coa colaboración do Arcebispado de Santiago, Tesec Audiovisual e Carrís Hoteles.

 

A iniciativa pretende achegar aos máis novos e ao público en xeral as vidas de santos e os símbolos que caracterizan cada iconografía. A estética dos 24 santos está inspirada tanto no arte clásico (dende o Románico ata El Greco) como nas vangardas artísticas do século XX (expresionismo, construtivismo, minimalismo).

 

Jack Mircala

Jack Mircala é un dos artistas máis orixinais do panorama español do momento. Ilustrador e escritor, nas súas obras gráficas destaca a asimilación do mundo da ilustración clásica mesturado coas novas tendencias do cine e do debuxo máis vangardista.

 

Foi Premio Lazarillo de Ilustración polo libro “El acertijo de Valpul” en 2000 e traballa como ilustrador para as mellores editoriais españolas: Espasa, Anaya, Santillana, Bruño, Hiperión.

 

En 2010 publica con El Patito Editorial a primeira obra da colección El Baúl de las Sombras de Jack Mircala, co título Lóbrego Romance, Pálido Fantasma, e no vindeiro mes de novembro presentará o segundo título da mesma.





 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Publicar un comentario

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical