11.11.12

Dodro: a "fusión branda" con Rois e Padrón dá un novo paso co convenio en emerxencias e medio ambiente

  • Os tres concellos desenvolverán un proxecto piloto de funcionamento dos grupos locais de atención ás emerxencias e ao medio ambiente
  • O convenio segue as directrices do protocolo asinado o pasado 20 de xuño entre o Goberno galego e as Deputacións para unha mellor cooperación territorial
  • Detrás destas "fusións brandas" está a Deputación, que non dá conseguido fusións reais, e menos en concellos con alcaldes de distinta cor política, porque custaría perder votantes

 

Tanto Dodro como Rois e Padrón están gobernados polo Partido Popular. Fotos da Xunta realizadas por Conchi Paz

Dodro, 11 de novembro de 2012.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinarono pasado venres 9 un convenio de cooperación cos concellos de Dodro, Rois e Padrón para o desenvolvemento dun proxecto piloto de funcionamento dos grupos locais de atención ás emerxencias e ao medio ambiente.

Unha fusión que non o é tanto

Mediante o convenio, establécese un grupo estable de emerxencias e medio ambiente que atenderá aos tres concellos, "sen menoscabo da atención noutros ámbito territoriais en situacións de risco, emerxencias, catástrofe ou protección do medio ambiente", explica a Xunta en nota de prensa. Na sinatura do convenio estiveron os alcaldes de Padrón, Rois e Dodro, Antonio Fernández, Ramón Tojo e Valentín Alfonsín, respectivamente, todos eles do Partido Popular, así como o conselleiro de Presidencia e o presidente da Deputación, Diego Calvo, quen está detrás destes movementos cara a fusión branda de concellos, xa que non consigue ningunha fusión real, tralos escasos resultados e a contestación á unión de Oza dos Ríos e Cesuras.

Outra experiencia en fusións negadas cando saltaron á palestra -e sacouna este xornal precisamente- é a de Noia e Lousame. Xa estaba falado todo a tres bandas entre os alcaldes dos dous municipios e o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e, en canto saíu á luz, o ex alcalde de Lousame e hoxe deputado no Parlamento, Santiago Freire, negou a maior aos seus veciños, nunha clara hipocrisía e recollida de velas. Os veciños botábanse a el no Facebook do Concello e preferiu mentir antes que dar a cara, aproveitando ademais que ían convocar eleccións e todo quedaría no aire ao irse da alcaldía. En Noia goberna un tripartito e en Lousame segue o PP, que imaxinaba unha fuxida de votantes da gaivota en canto se deixara absorber polo concello máis rico e con maior poboación.

Padrón sería o concello de cabeza

A xestión, coordinación, dirección, organización e funcionamento do servizo será realizado polo concello de Padrón, que, entre outras funcións, será o encargado de coordinar os grupos, seleccionar ao persoal e da instalación, reparación e mantemento de infraestruturas. Durante estes labores de coordinación o concello de Padrón estará baixo as instrucións e supervisión da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia. Se a fusión fose real, serían Dodro e Rois, ao ser máis pequenos, os concellos absorbidos por Padrón.

Entre outras actividades, o grupo de emerxencias e medio ambiente encargarase de intervir en incendios forestais e urbanos; manter en condicións óptimas a rede de estradas de titularidade autonómica; intervir en situacións derivadas de riscos naturais ou inducidos polo home; así como de colaborar coas autoridades competentes en aglomeracións de persoas e nos distintos plans de emerxencias e protección civil, tanto municipais como autonómicos.

O convenio de hoxe sigue as directrices do protocolo asinado o pasado 20 de xuño entre o Goberno galego e as Deputacións para unha mellor cooperación territorial, e no que se estableceron os acordos básicos para fortalecer a xestión, reducir as duplicidades e optimizar a prestación de servizos públicos, coma é o caso deste convenio que maximiza as cooperación entre os tres concellos e a Deputación de A Coruña.


Antes, en Dodro:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical