18.1.13

Ribeira: o domingo 27 de xaneiro, Campionato Autonómico de Campo a Través en Couso

  • Participarán os mellores fondistas galegos
  • A proba vale para escoller aos integrantes das seleccións Absoluta, Júnior e Promesa que representarán a Galicia no Campionato de España

 

Ribeira, 18 de xaneiro de 2013.- O próximo domingo 27 de xaneiro terá lugar no circuíto de Couso a proba de cross máis importante do calendario deportivo autonómico: o Campionato Galego de Campo a Través, unha cita da que sairá nas categorías absoluta, junior e promesa as seleccións que representarán a Galicia no Campionato de España de Campo a Través que se disputará o vindeiro 10 de marzo (sede pendente de designar).

Para ofrecer detalles da proba compareceron no Consistorio o concelleiro de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez; o presidente do Club Atletismo Santa Uxía, José Manuel Olveira; e Vicente Sánchez, secretario da delegación compostelá da Federación Galega de Atletismo, entidade organizadora da proba. 

Está confirmada a participación dalgúns dos primeiros espadas do fondismo galego, tanto en categoría masculina como feminina. Cabe nomear a este respecto a Lolo Penas (campión de España de 10 quilómetros de 10.000 metros e de 5.000 metros en pista), Alejandro Fernández Rivera (actual campión galego de 10 quilómetros en ruta tras vencer no pasado novembro a proba disputada precisamente en Ribeira coincidindo coa Carreira Popular de Santa Uxía) ou Pedro Nimo, auténtico especialista en cross. Entre as mulleres hai que destacar a Solange Andrea Pereira, actual campioa de campo a través e medallista nacional en medio fondo na pasada tempada, a cal defenderá o título ante Ester Navarrete e de María Jesús Gestido.

Probas para escolares

Antes da celebración das categorías absoluta, júnior e promesa vanse disputar unhas probas dirixidas especificamente a rapaces en idade escolar, estean ou non federados, co fin de promocionar o deporte do atletismo entre os máis novos. Tres serán as modalidades -benxamín, infantil e cadete- en ambos sexos. 

En canto ás características do circuíto, de dous quilómetros de longo, José Manuel Olveira destacou o seu alto carácter técnico e a vistosidade da proba tanto para o propio corredor como para o espectador.

Juan Luis Martínez destacou a política do Goberno Municipal de desenvolver importantes probas deportivas non só na cidade senón tamén nas parroquias. Neste senso, lembrou que Aguiño foi escenario o ano pasado do Campionato Galego de Traíñas. 

Vicente Sánchez salientou o impulso que se está a dar en Riveira ao atletismo nos últimos tempos e a colaboración do Concello para poder albergar probas como o citado Campionato Galego de 10.000 Metros en Ruta, o Campionato Galego por Equipos en Pista en Categorías Menores ou coa Gala da Federación celebrada hai escasas semanas.

Inscricións

Para a inscrición nas categorías benxamín, infantil e cadete, os cativos e cativas interesados deberán cubrir un formulario online no seguinte enlace: 

http://www.fgatletismo.es/inscripciones/inscripcion_20130127.html 

A inscrición nas probas júnior, promesa e sénior (que comezarán ás 11.10 horas) deberá  facerse a través da Federación Española de Atletismo e estará dirixida unicamente a atletas con licenza federativa en vigor.

Con motivo do campionato será necesario realizar algún corte de tráfico momentáneo, polo que se pediu comprensión.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical