16.3.13

Porto do Son: o Igape colabora con Maderas Ornanda para producir pellets

  • A compañía investiu 500.000 euros nunha nova liña de produción na que se aproveitan as serraduras da fabricación de caixas transformándoas en pellets
  • O produto resultante, que se pode utilizar como combustible -hai estufas xa adaptadas para este material- ou mesmo como chan para mascotas roedoras, multiplica por catro o prezo das serraduras a granel
  • Maderas Ornanda exporta ao mercado francés o 95% das caixas que fabrica, que se destinan ao envasado de viños
Media_httpuploadwikim_ejcji

Exemplo de pellets de madeira na Wikipedia

Porto do Son, 16 de marzo de 2013.- Segundo informa hoxe a Xunta, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, vén de impulsar investimentos tecnolóxicos na empresa de Porto do Son Maderas Ornanda que permiten mellorar a competitividade desta empresa dedicada á fabricación de caixas para envasar bebidas. A compañía investiu preto de medio millón de euros, dos cales o Igape achega máis do 30%, na posta en marcha dunha nova liña de produción na que se aproveitan as serraduras xeradas na súa actividade principal converténdoas en pellets.

Este produto, que se pode empregar como combustible e mesmo como leito para mascotas tipo hámster, multiplica por catro o prezo das serraduras a granel, o que permite reter na empresa un importante valor engadido. Neste sentido, o director xeral do Igape, Javier Aguilera, subliñou, durante unha visita ás instalacións da compañía a importancia que ten para o Goberno galego o apoio a este tipo de investimentos de carácter tecnolóxico, pola súa incidencia directa no incremento da competitividade e nas posibilidades de internacionalización das empresas que melloran os seus procesos de forma continuada.

A cantidade de serraduras producidas en Maderas Ornanda rolda as 3.000 toneladas por ano, cobrando así unha especial relevancia a nova liña de produción, que complementará o labor tradicional da empresa, cuxas caixas se exportan nun 95% ao mercado francés, onde se utilizan para envasar os principais viños de Burdeos e Borgoña. Trátase de serraduras de alta calidade polo elevado nivel de secado das madeiras empregadas, factor que incrementa o valor do pellet resultante, que ten un importante valor calorífico.

O director do Igape destacou na súa visita a importante experiencia da empresa na actividade de segunda transformación da madeira, así como o seu compromiso coa constante mellora das tecnoloxías produtivas, mediante proxectos para os que ten contando co apoio da Xunta de Galicia.

Antes, en Certo:






Porto do Son: Aurora Marco levou "As silenciadas" ao IES nunha charla



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical