29.5.10

Lousame: o 5 de xuño, segunda edición da Festa do Carneiro ao espeto

Lousame, 29 de maio de 2010. O vindeiro sábado 5 de xuño a asociación cultural de San Roquiño convoca a toda a bisbarra á celebración da segunda edición da Festa do Carneiro ao espeto. Haberá carneiro, viño e pan a prezos asequibles, tanto a mediodía (dende a unha da tarde) como pola noite, para cear, a partires das nove e media. Ameniza a orquestra Odeón.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Untitled

Download now or preview on posterous
35973-asinado.pdf (106 KB)

Ana Pontón demanda que o centro de día “sexa de xestión pública”

 

A Pobra do Caramiñal, 29 de maio de 2010.- A deputada do BNG pola comarca da Barbanza, Ana Pontón, ven de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego pola que lle esixe á Xunta de Galiza que licite as obras de construción do Centro de Día da Pobra do Caramiñal.

A deputada nacionalista lembra que o 29 de maio de 2008 o concello da Pobra aprobou a cesión dos terreos ao Consorcio Galego de Servizos Sociais para a construción deste centro, existindo o compromiso por parte do Goberno Bipartito de que as obras se iniciarían durante o ano 2009. Incluso, a inicios do pasado ano estaba redactado o proxecto para que puidera ser licitado sen demora.

Porén, Ana Pontón denuncia que o retorno do PP á Xunta de Galicia “supuxo unha parálise deste proxecto”.  “De feito –advirte- o Goberno de Feijoo non se ten comprometido publicamente coa construción deste centro de día, nin impulsou, ao longo deste ano, o inicio das obras”.

“Únicamente –engade- o alcalde da Pobra, actuando de portavoz da Xunta, fixo un resumo das características que ía ter o centro de día, pero para nada se explicou por qué a actual Consellaría de Traballo e Benestar non licitou as obras nin ofreceu ningún prazo sobre cando se abrirá”.

Neste sentido, a deputada nacionalista subliña que “para o BNG a prioridade é que este Centro de Día sexa construído e que se garanta a súa xestión pública”.  “A actual Xunta está a dilatar a licitación da construción deste edificio e agora elude dar datos concretos sobre cales son as súas intencións”, advirte.

Ante esta situación, Ana Pontón pregúntalle ao Goberno do PP se ten previsto licitar as obras de construción deste edificio ao longo deste ano; se vai facer a obra no terreo cedido o 29 de maio de 2008 polo Concello da Pobra, e , en todo caso, se garante que a xestión deste servizo vai ser pública.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: clausurada a XIII edición da Mostra de Teatro Infantil

Ribeira, 29 de maio de 2010. A actuación do Grupo de Teatro Infantil de Ribeira baixo a dirección de Chiki Durán puxo fin na tarde de onte á décimo terceira edición da Mostra de Teatro Infantil. O elenco artístico representou sobre o escenario do Auditorio Municipal a obra “R.I.P. (Risas, Ibuprofeno e Paracetamol)”, escrita polos propios compoñentes da compañía, ante un patio de butacas que rexistrou un cheo absoluto. 

Acto seguido, o alcalde José Luis Torres Colomer, o concelleiro de Cultura Luciano Fernández, e Purificación Cores no nome da Asociación Cultural Alfalaia entregaron unhas estatuíñas conmemorativas a cada un dos grupos que se subiron ás tablas do Auditorio dende que o certame abrise o pasado luns. 

Colomer subliñou a significativa labor desenvolvida por colexios e por asociacións de nais e pais para que Ribeira vaia xa pola decimo terceira edición da mostra. Tamén felicitou a Chiki Durán polo traballo realizado para que este certame volte a ser un éxito un ano máis. 

Pola súa parte, Luciano Fernández quixo lembrar a colaboración especial de Carmen Peña e Celia Pillado, integrantes do Grupo de Teatro Municipal local.


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Literatura: Mariña Pérez Rei, de Ames, faise co premio de relato de aventuras "Antón Avilés de Taramancos" en Noia


Mariña Pérez Rei, en foto da editorial Bubela

Noia, 29 de maio de 2010. A escritora de Ames Mariña Pérez Rei gañou esta edición do premio de literatura "Antón Avilés de Taramancos" que convoca o Concello de Noia xunto coa revista do IES "Virxe do Mar" Casa da Gramática. A obra premiada titúlase "Costa necrópole" e a autora recibirá por ela 3.000 euros e veráa publicada. Conta a historia dun mozo de África que fuxe do seu continente nun caiuco a conquistar Europa e esquecerse da pobreza. 

Quen é Mariña Pérez Rei. Vexa na Galipedia

Non é o primeiro premio que gaña. Vexa esta información en Infobrión

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Noia: cando caían 15 días de cadea e 20 ducados por facer competicións entre San Bartolomeu e San Marcos


Noia, en 1925. Laudas de Santa María a Nova fotografadas por Ruth Matilda Anderson

29 de maio de 1798: "Como queira que por entón, como agora, Noia conta con dous patróns, San Bartolomeu e San Marcos, o pobo dividía a súa devoción entre eles e cada veciño consideraba que "o seu santo" era o de maior categoría, polo que daba lugar a irreverencias, pois querían ocupar lugar preferente nas procesións do Corpus, cando todas as Confrarías e Gremios, acudían a recorrer as rúas da vila, polo mesmo traxecto de hoxe.

Noia, primeiros do século XX. Zona da Chaínza

Para evitar estas disensións, os señores que compoñían a Xustiza e Rexemento, acordan que as imaxes se coloquen á par, debendo saír ámbalas dúas da igrexa no mesmo intre, prohibindo se poña pé, pinza nin estandarte sobre chanzo algún, baixo a pena de 15 días de cárcere e 20 ducados de multa, que se imporá ás persoas encargadas de levar as imaxes.

(Efemérides noiesas, Hermida&Agrelo, Ed. Toxosoutos)

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

28.5.10

Lingua galega: os do Ceip de Aguiño poñen as rusas tamén en galego

Habitantes de todo o mundo que non vivides en Aguiño ou arredores: que son as rusas? Temos que sacar o "Dissionario de vocablos perdidos", feito con moito "solás" pola Cofradía da Dorna e buscar:
"Rusas: sapatillas de tua abuela". Pois iso.
Esta imaxe é unha das moitas da última campaña gráfica a prol do galego que fixo o Equipo de Innovación en Normalización Lingüística do colexio de Aguiño.

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Política: os socialistas acusan á Xunta de agochar información ao Valedor sobre as irregularidades nas oposicións

Lage Tuñas anuncia o envío ao Valedor do Pobo de máis documentación sobre as probas selectivas do Sergas "para axudarlle na súa tarefa"

Lage di que o feito de que as persoas que traballan no departamento onde se preparan as probas sacaran as notas máis altas nas oposicións entre 7.500 presentados "ou é un milagre ou unha inmensa casualidade"

Santiago de Compostela, 28 de maio do 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Manuel Lage denunciou hoxe “o ocultismo e a falta de colaboración do goberno galego co Valedor do Pobo” para clarexar as sospeitas de anomalías en diferentes procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Lage Tuñas anunciou hoxe o envío ao Valedor do Pobo de máis documentación sobre as probas selectivas do Sergas para axudarlle na súa tarefa e “tendo en conta que o primordial é transmitirlle a milleiros de opositores que se depuran responsabilidades cando hai anomalías e que se garantiza que volva a existir imparcialidade e limpeza nos procesos selectivos”.

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia coñecía hoxe a resposta da Xunta de Galicia ao Valedor do Pobo onde “o goberno practica o escapismo, ocultando de xeito grave a información requerida por unha institución que se interesa”.

O Viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Manuel Lage entende que "existen denuncias sindicais sobre fallos na custodia de exames, producíronse bastantes "casualidades" en diferentes procesos selectivos do SERGAS, hai sospeitas de graves irregularidades, e o goberno galego négase a depurar responsabilidades e “intenta torear ao Valedor do Pobo ao negarlle a información que lle solicita”.

"A alarma social xerada é froito da pasividade do goberno galego que non atallou as anomalías e sospeitas de graves irregularidades con contundencia e agora négalle ao Valedor do Pobo a existencia dos feitos" asegurou hoxe Lage Tuñas.

O deputado socialista explica que “as denuncias non remitiron senón que se foron incrementando e nas últimas semanas téñense recibido denuncias de opositores sobre grupos como o de celadores onde tamén se teñen detectado anomalías. É un constante goteo de anomalías, sospeitas, e casualidades en procesos selectivos nos que participan máis de 35.000 persoas”.

O Viceportavoz do Grupo Socialista recorda que “o propio persoal do SERGAS facía público o pasado 28 de marzo a existencia de “fallos na custodia dos exames” dos procesos selectivos deste organismo da Xunta de Galicia. Esta denuncia sindical debe ser tida en conta xa que está en xogo a imparcialidade e as garantías de limpeza nos procesos selectivos”.

Lage Tuñas explicaba hoxe que “estamos a falar de situacións cando menos chamativas e onde se producen moitas casualidades” e así recordaba que “ tanto a Presidenta do Tribunal das probas de Auxiliar Administrativo como a Presidenta do Tribunal de ATS/DUE das oposicións do SERGAS son compañeiras de traballo e superiores xerárquicas dos opositores que quitaron as mellores puntuacións nestas probas e estes datos son aportados dentro da documentación remitida no día de hoxe ao Valedor do Pobo.”

O parlamentario socialista entende que “o feito de que persoas que traballan no mesmo departamento onde se elaboran e preparan os procesos selectivos acaben obtendo as puntuacións máis altas nas probas convocadas entre máis de 7.500 persoas, ou ben é un milagro ou ben unha inmensa casualidade, e consideramos que o feito de que a Xunta de Galicia lle oculte ao Valedor do Pobo a información que solicitou só contribue a sembrar máis dúbidas sobre os procesos selectivos do SERGAS”

Os deputados socialistas Lage Tuñas, Fernández Leiceaga e Cerviño González remitiron hoxe ao Valedor do Pobo documentación facilitada por fontes sindicais para que sexa tida en conta na súa investigación.

”O goberno galego algo ten que tapar cando diante das denuncias de posibles irregularidades nega, primeiro ao parlamento e despois ao Valedor do Pobo, os datos e os informes estadísticos que clarifiquen as grandes casualidades que se teñen producido nas oposicións do SERGAS” afirmaba hoxe José Manuel Lage.

O parlamentario socialista recorda que a directora xeral de Recursos Humanos do SERGAS na súa comparecencia na comisión 5ª do Parlamento dixo que apreciaba “normalidade”, a pesar “do cúmulo de casualidades, e de serios indicios sobre posibles irregularidades nas oposicións do SERGAS”.


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: O Bng esíxelle á Xunta que entregue dunha vez as vivendas de Xarás

Download now or preview on posterous
35988-asinado.pdf (102 KB)

Ana Pontón pregúntalle ao Goberno do PP porqué suprimiu as axudas para o alugueiro aos adxudicatarios para compensalos polos prexuízos provocados pola demora na entrega das vivendas

Algunha das polémicas vivendas de Xarás

Ribeira, 28 de maio de 2010.- A deputada do BNG no Parlamento Galego pola comarca do Barbanza, Ana Pontón, presentou unha iniciativa no Parlamento Galego pola que lle reclama á Xunta de Galiza que entregue sen máis demora as vivendas de Xarás, en Ribeira, aos adxudicatarios. 
A parlamentaria nacionalista lembra que o proceso de construción destas vivendas “foi ben accidentado”. Foron adxudicadas o 21 de outubro de 2004 polo daquela Goberno do PP por un importe de 1,4 millóns de euros e tiñan un prazo de execución das obras que remataba o 22 de setembro de 2006. Porén, no momento da rescisión do contrato só estaba executada o 13,85% da obra. 
A Consellaría de Vivenda do Goberno Bipartito solucionou esta situación  herdada do Goberno do PP rescindindo o contrato e convocando un novo concurso para rematar os traballos. Así, o 11 de marzo de 2008 adxudicou de novo a obra cun prazo de execución de 12 meses. 
Para compensar o prexuízo que se lle causou ás familias, a Consellaría de Vivenda decidiu conceder unha axuda de 2.000 euros aos afectados para sufragar o custo do aluguer mentres se executaban as obras, “unhas axudas –denuncia a deputada do BNG- que o actual goberno decidiu non renovar, desentendéndose das complicadas situacións persoais que se dan”. 

“A Xunta ten que entregar as chaves aos adxudicatarios”

Unha vez rematadas, por fin, o pasado 1 de marzo sorteáronse as 21 vivendas protexidas e a Xunta fixo pública a entrega das chaves para este mes de maio. Porén, Ana Pontón denuncia que “a Xunta demora sen aclarar os prazos de entrega das chaves, sen aclarar os prazos nin ofrecer explicacións sobre esta situación”. 
Para a deputada do BNG “esta situación debe solucionarse de inmediato e as vivendas deben ser entregadas ás persoas que resultaron adxudicatarias das mesmas, porque esta dilación está provocando situacións moi complexas para moitas persoas e a Xunta debería amosar máis sensibilidade ante este asunto”. 
Ante esta situación, a deputada do BNG pregúntalle á Xunta por qué razóns demora a entrega dos pisos e en qué prazo prevé facelo. Ademais, demanda explicacións pola supresión das axudas aos adxudicatarios e adxudicatarias  para compensar os prexuízos ocasionados pola demora na entrega destas vivendas.    

Relacionada: o Psoe tamén reclamou algo semellante o 2 de marzo, aquí

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Obras: a Deputación coruñesa aprobou por unanimidade inversións para saneamento e subvención para un tanatorio en Porto do Son

Imaxe: pleno da Deputación de A Coruña

Noia, 28 de maio de 2010. Os tres grupos políticos que compoñen a Deputación coruñesa aprobaron hoxe por unanimidade inversións nesta provincia por importe de case sete millóns de euros.

Entre as que afectan a concellos das áreas de Muros e Noia  está o saneamento, abastecemento de auga e pavimentación en Boa e Taramancos, en Noia, por un importe de 387. 384 euros. Tamén se aprobaron 109.444 euros para o saneamento en Cabanamoura e Tarás, no Concello de Outes. Para Porto do Son destínanse 811.328 euros, cos que se pretende dotar de abastecemento integral de auga á zona norte da parroquia de Miñortos.


Tanatorio en Tarela, Porto do Son

Ademais, segundo informa o Bng de Muros e Noia, tamén se aprobou unha subvención nominativa xestionada entre o grupo do BNG na Deputación e os concelleiros nacionalistas desta localidade, por valor de 300.000 euros, para a construcción dun tanatorio municipal. Esta infraestrutura conta xa cun proxecto total de 779.000 euros, e que se está a negociar para poder facer a obra nunha soa fase, ben con capital público doutra administración ou con capital privado.
O chan onde se vai ubicar está preto de onde se está a construír a piscina municipal, no lugar da Tarela, e van a compartir aparcamento.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: o vindeiro 5 de xuño, excursión xacobea completa dos de Aguiño para pedir párroco, e o 12, proxección de documental



Quedaron esgotadas as entradas para ir á peregrinación xacobea de Aguiño a Santiago o sábado 5 de xuño. Irán 110 persoas no catamarán e tamén se sumarán buses con máis veciños. Ao sábado seguinte, na casa do mar, presentación de dvd coas imaxes e gravacións en vídeo dos actos do cincuentenario que se fixeron o pasado ano 2009. 
Active Image

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical