28.5.10

Política: os socialistas acusan á Xunta de agochar información ao Valedor sobre as irregularidades nas oposicións

Lage Tuñas anuncia o envío ao Valedor do Pobo de máis documentación sobre as probas selectivas do Sergas "para axudarlle na súa tarefa"

Lage di que o feito de que as persoas que traballan no departamento onde se preparan as probas sacaran as notas máis altas nas oposicións entre 7.500 presentados "ou é un milagre ou unha inmensa casualidade"

Santiago de Compostela, 28 de maio do 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Manuel Lage denunciou hoxe “o ocultismo e a falta de colaboración do goberno galego co Valedor do Pobo” para clarexar as sospeitas de anomalías en diferentes procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Lage Tuñas anunciou hoxe o envío ao Valedor do Pobo de máis documentación sobre as probas selectivas do Sergas para axudarlle na súa tarefa e “tendo en conta que o primordial é transmitirlle a milleiros de opositores que se depuran responsabilidades cando hai anomalías e que se garantiza que volva a existir imparcialidade e limpeza nos procesos selectivos”.

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia coñecía hoxe a resposta da Xunta de Galicia ao Valedor do Pobo onde “o goberno practica o escapismo, ocultando de xeito grave a información requerida por unha institución que se interesa”.

O Viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Manuel Lage entende que "existen denuncias sindicais sobre fallos na custodia de exames, producíronse bastantes "casualidades" en diferentes procesos selectivos do SERGAS, hai sospeitas de graves irregularidades, e o goberno galego négase a depurar responsabilidades e “intenta torear ao Valedor do Pobo ao negarlle a información que lle solicita”.

"A alarma social xerada é froito da pasividade do goberno galego que non atallou as anomalías e sospeitas de graves irregularidades con contundencia e agora négalle ao Valedor do Pobo a existencia dos feitos" asegurou hoxe Lage Tuñas.

O deputado socialista explica que “as denuncias non remitiron senón que se foron incrementando e nas últimas semanas téñense recibido denuncias de opositores sobre grupos como o de celadores onde tamén se teñen detectado anomalías. É un constante goteo de anomalías, sospeitas, e casualidades en procesos selectivos nos que participan máis de 35.000 persoas”.

O Viceportavoz do Grupo Socialista recorda que “o propio persoal do SERGAS facía público o pasado 28 de marzo a existencia de “fallos na custodia dos exames” dos procesos selectivos deste organismo da Xunta de Galicia. Esta denuncia sindical debe ser tida en conta xa que está en xogo a imparcialidade e as garantías de limpeza nos procesos selectivos”.

Lage Tuñas explicaba hoxe que “estamos a falar de situacións cando menos chamativas e onde se producen moitas casualidades” e así recordaba que “ tanto a Presidenta do Tribunal das probas de Auxiliar Administrativo como a Presidenta do Tribunal de ATS/DUE das oposicións do SERGAS son compañeiras de traballo e superiores xerárquicas dos opositores que quitaron as mellores puntuacións nestas probas e estes datos son aportados dentro da documentación remitida no día de hoxe ao Valedor do Pobo.”

O parlamentario socialista entende que “o feito de que persoas que traballan no mesmo departamento onde se elaboran e preparan os procesos selectivos acaben obtendo as puntuacións máis altas nas probas convocadas entre máis de 7.500 persoas, ou ben é un milagro ou ben unha inmensa casualidade, e consideramos que o feito de que a Xunta de Galicia lle oculte ao Valedor do Pobo a información que solicitou só contribue a sembrar máis dúbidas sobre os procesos selectivos do SERGAS

Os deputados socialistas Lage Tuñas, Fernández Leiceaga e Cerviño González remitiron hoxe ao Valedor do Pobo documentación facilitada por fontes sindicais para que sexa tida en conta na súa investigación.

”O goberno galego algo ten que tapar cando diante das denuncias de posibles irregularidades nega, primeiro ao parlamento e despois ao Valedor do Pobo, os datos e os informes estadísticos que clarifiquen as grandes casualidades que se teñen producido nas oposicións do SERGAS” afirmaba hoxe José Manuel Lage.

O parlamentario socialista recorda que a directora xeral de Recursos Humanos do SERGAS na súa comparecencia na comisión 5ª do Parlamento dixo que apreciaba “normalidade”, a pesar “do cúmulo de casualidades, e de serios indicios sobre posibles irregularidades nas oposicións do SERGAS”.


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical