21.6.10

Ribeira: o instituto Coroso sométese a unhas obras de mellora que ascenden a 45.000 euros


O delegado territorial na Coruña, Diego Calvo, e a xefa territorial de Educación, Teresa Villaverde, realizaron unha visita ao centro, onde as obras comezaron hai uns días

Ribeira, 21 de xuño de 2010
.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e xefa territorial de Educación, Teresa Villaverde, acompañados do director do centro, José Antonio Rendo Rodeiro, visitaron hoxe as obras no IES de Coroso, nas que a Consellería investirá 45.351 euros.

As obras consisten na canalización da rede de pluviais do centro, para o que a empresa construtora terá que demoler a beirarrúa e o dintel do portal, limpar o borde da cuberta, repoñer a arqueta e colocar os canalóns e as baixantes. Deste xeito, Educación atende ás demandas deste centro cunha actuación que beneficiará aos 415 alumnos cós que conta o IES de Coroso, distribuídos en 24 aulas, ademais de profesores e persoal non docente. Os traballos estarán rematados para o comezo do próximo curso escolar.

Obras en cinco centros de Ribeira
Aos 45.351 euros que a Xunta investirá neste centro, hai que sumar os 115.842 euros que dedicou a outros cinco centros de Ribeira, o que representa unha inversión na localidade de 161.193 euros. Así, o IES número 1 de Ribeira recibiu 9.190,68 euros para acometer a reposición das pranchas de Tégola e reparación das gretas nos cumios; o CEIP O Grupo, recibirá 10.000 euros para obras de adecuación de espazos para a ampliación de aulas de Educación Infantil ; ao CEIP de Carreira correspondéronlle 5.351 euros para substituír as tuberías danadas de saneamento por outras de PVC.

As maiores contías leváronas o CEIP de Carreira, con 36.145 euros para a restauración da cuberta e 5.351 euros para substituír as tubería danadas de saneamento por outras de PVC. Nesto centro tamén se realizarán traballo de substitución da caldeira da calefacción por importe de 10.000 euros. Por último, no CEIP de Frións, a achega é de 45.255 euros para a reparación de gretas e rehabilitación da fachada do centro. Estes centros suman preto de 1.500 alumnos, que serán, xunto con profesores e persoal non docente, os beneficiarios destas actuacións.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Vivenda: as oficinas de rehabilitación de Noia e Rianxo asumen máis competencias mentres lle baixan a subvención

Parte dos alcaldes quéixanse de que se reducen as partidas orzamentarias e se aumentan os traballos a realizar

Imaxe de grupo dos alcaldes que asinaron o convenio hoxe en Santiago

Rianxo-Noia, 21 de xuño de 2010. Ata o de agora, as competencias das oficinas de rehabilitación (nestas bisbarras hai unha en Rianxo e outra en Noia, ademais das cercanas de Padrón e Muros) eran tan só ofrecer información e tramitar axudas das áreas de rehabilitación, así como expedir os informes da cédula de rehabilitación. Agora, segundo o convenio asinado esta mañá pola Consellería de Medio Ambiente e Territorio, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), pasarán tamén a ser puntos de información sobre axudas de rehabilitación do Plan de Vivenda alleas á área de rehabilitación e polo
tanto aplicables a todo o concello; punto de información sobre axudas autonómicas para rehabilitación en conxuntos históricos e punto de información sobre axudas autonómicas de rehabilitación rural.
No que atinxe a Noia e Rianxo, este acordo supón incrementar os traballos do persoal destas oficinas cando a subvención (o 90% dos gastos corrían por parte do IGVS e agora, se os datos son correctos, baixan ao 50%) non medra. A Noia concédenselle 42.368,77 euros, a Rianxo 35.000, a Muros 46.599,54 e a Padrón 40.120. Os concellos que poden verse algo beneficiados son os que pasan de 25.000 habitantes, aos que se lles aumentan as axudas nun 33%, segundo a Xunta.

Nota de prensa íntegra da Consellería de Medio Ambiente:

Un momento da comparecencia do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández

Santiago, 21 de xuño de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), asinou hoxe convenios con trinta e tres concellos galegos que dispoñen de oficina de rehabilitación, regulando nos mesmos a colaboración na difusión das axudas en materia de vivenda e a tramitación de determinados aspectos das mesmas. O convenio co concello de Lugo, que tamén dispón de oficina de rehabilitación, foi asinado o pasado mes de maio. Os convenios tamén regulan o financiamento das oficinas de rehabilitación por parte do IGVS e a posibilidade de que os concellos se acollan ao financiamento, para os mesmos fins, do Ministerio de Vivenda, comprometéndose o IGVS a levalo ante a Comisión Bilateral de Seguimento do Plan de Vivenda.

O acto estivo presidido polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e ao mesmo tamén asistiron o presidente da FEGAMP, Carlos Fernández, así como alcaldes e representantes municipais dos 34 concellos asinantes. O responsable da política de vivenda da Xunta de Galicia salientou que as oficinas de rehabilitación convértense, tras a firma destes convenios, nun instrumento ao servizo dos cidadáns para mellorar o acceso a unha vivenda digna. Neste sentido, salientou importante esforzo realizado nun momento de dificultades, incrementando nun 33% as axudas aos concellos de mais de 25.000 habitantes. O investimento da Xunta de Galicia en 2010 para potenciar as oficinas municipais de rehabilitación ascenderá a 1,8 millóns de euros (para 34 concellos, polo que corresponde unha media de 52.000 euros escasos para cada un, se fose proporcional e non atendese a parámetros poboacionais).


Oficina de rehabilitación de Noia

Con estes convenios poténcianse as oficinas municipais de rehabilitación como portelos únicos e búscase un mellor emprego dos medios e persoal existente. Procúrase ademais unha actuación máis eficaz evitando a repetición de actos administrativos, como a inspección das mesmas obras por parte de técnicos municipais, técnicos da oficina de rehabilitación e técnicos da Xunta de Galicia cando ditas inspeccións poden ser realizadas exclusivamente polos técnicos da oficina de rehabilitación. Os convenios asinados hoxe regulan a colaboración entre administracións a través das oficinas de rehabilitación municipais-portelos únicos de información e xestión sobre axudas do plan de vivenda e outras actuacións das políticas de vivenda.

Ditas oficinas de rehabilitación-portelos únicos continuarán xestionando as axudas relativas ás áreas de rehabilitación declaradas en cada unha das cidades asinantes dos convenios, pero tamén prestarán servizos como instrumento técnico de asesoramento e colaborarán na divulgación das axudas estatais e autonómicas do Plan de Vivenda, así como dos programas autonómicos en materia de rehabilitación que se aproben no período de vixencia do convenio. Os convenios asinados tamén encomendan ás oficinas de rehabilitación-portelos únicos as tramitacións de tipo técnico referidas ás actuacións en materia de rehabilitación con axudas autonómicas ou estatais, como son as axudas de áreas de rehabilitación, as axudas Renove do Plan de Vivenda e as axudas autonómicas de rehabilitación en conxuntos históricos ou no medio rural.

O obxectivo da Xunta de Galicia é mellorar a atención que a administración presta aos cidadáns, racionalizando o emprego dos medios técnicos e humanos dispoñibles e que ata o de agora estaban infrautilizados. Desta maneira, ao traballo das oficinas de rehabilitación incorporase ofrecer información sobre axudas tales como a rehabilitación de edificios e vivendas do Plan de Vivenda 2009-2012, as axudas autonómicas de rehabilitación rural e de cascos históricos (cando sexa o caso) e calquera outra axuda en materia de rehabilitación.

Financiamento
O IGVS financiará ata o 50 por cento dos custes das oficinas municipais de rehabilitación-portelos únicos, co límite de 80.000 euros para cada oficina emprazada en concellos de máis de 25.000 habitantes e 60.000 para o resto de concellos. Este ano o financiamento do IGVS para as oficinas de rehabilitación de concellos de máis de 25.000 habitantes incrementouse nun 33 por cento, pasando de 60.000 a 80.000 euros.

O cincuenta por cento da cantidade asignada a cada concello pagarase despois da sinatura do convenio e o restante 50 por cento unha vez que o Concello certifique o total do gasto realizado en 2010. Os convenios tamén recollen a posibilidade de que os Concellos, se é a súa vontade, se poidan acoller ao financiamento do Plan de Vivenda con cargo ao Ministerio de Vivenda, comprometéndose o IGVS a impulsar a súa solicitude ante a Comisión Bilateral de Seguimento do Plan de Vivenda, que reunirá a representantes do Ministerio de Vivenda e do IGVS.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Noia: o grupo de teatro do Liceo, segundo no XIII Certame "Candilejas D. Bosco" de teatro afeccionado en A Coruña


Noia, 21 de xuño de 2010
. O grupo de teatro Liceo de Noia, dirixido por Ramón Carredano, acadou onte o 2º premio no XIII certame de teatro afeccionado D. Bosco, organizado polo grupo Candilejas de A Coruña.
Polo escenario do colexio Calvo Sotelo pasaron outras tres compañías da comarca do Barbanza : grupo de teatro municipal de Ribeira, Muros e xubilados da Cruz Vermella de Noia.
Sen lugar a dúbidas, a mencionada edición pasará á historia debido á intervención da Sociedade General de Autores que, sen ter comprobado o tipo de xente que participou no concurso nin os obxetivos, chegaron ó extremo de reclamar o abono das taxas ás compañías senior que interpretaron obras das que os dereitos foron xestionadas por Autores.
A pesar de tratarse de obras representadas por actores e actrices amateur, nun recinto escolar como é o colexio Calvo Sotelo e de entrada libre, a SGAE, non conforme coa difusión cultural, afirma que se trata dun proceso que segue un curso normal.
Onte, durante a entrega de premios, todos os grupos fixeron alusión á SGAE, indicando que o premio recibido ía dedicado á susodita sociedade.
(Información vía Isabel V. M.)

20.6.10

Porto do Son: pagamento a expropiados pola mellora estrada Cee-Ribeira o 12 e 13 de xullo

Os veciños afectados terán que trasladarse ata a casa consistorial do concello de Porto do Son. Os donos das fincas cos números da 1 ata a 37 deberán comparecer vindeiro luns, 12 de xullo, das 10.00 ás 13.00 horas; mentres que o martes, 13 de xullo, no mesmo horario, deberán presentarse os propietarios das fincas que van dende o número 38 ata o final


A previsión da Consellería de medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é iniciar as obras no ano 2011

Porto do Son, 20 de xuño de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia o proceso de expropiación dos bens e dereitos afectados polas proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada Cee-Ribeira (AC-550) no treito de concentración de accidentes situado entre os puntos quilométricos 98+900 e o 99+800, no termo municipal do Porto do Son. Os vindeiros días 12 e 13 de xullo procederase ao levantamento de actas previas á ocupación. Os veciños afectados por esta actuación terán que trasladarse ata a Casa Consistorial de Porto do Son. Na primeira quenda, (luns, 12 de xullo, das 10,00 ás 13,00 horas) asistirán os titulares das fincas cos números da 1 ata a 37, e ao día seguinte os propietarios das fincas que van dende o número 38 ata o final.



Documentos necesarios
Ao acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por unha persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome. Deberán presentar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, e poden facerse acompañar pola súa conta, se o estiman oportuno, dos seus peritos e notarios.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos nos concellos de Rois, Lousame e Brión e no Servizo de Estradas da Coruña (Praza Luís Seoane, s/n 8ª planta, 15071 A Coruña).

En cumprimento do artigo 56 da Lei de Expropiación Forzosa, ábrese a información pública durante un prazo de 15 días, a partir de mañá, e ata o momento do levantamento da acta previa á ocupación correspondente. A finalidade é que os interesados poidan formular por escrito, ante o Servizo de Estradas da Coruña as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola ocupación.

Obxectivo das obras
O obxectivo deste proxecto é a realización de obras de construción de beirarrúas e aparcamentos, mellora e reordenación de interseccións e rehabilitación de superficie do firme coa finalidade de mellora de seguridade na estrada AC-550, nun treito próximo ao un quilómetro de lonxitude.

Cómpre sinalar que esta actuación realizase baixo a declaración de urxencia, porque o motivo da súa materialización é eliminar un treito de concentración de accidentes, evitando riscos innecesarios para os veciños do Porto do Son, que circulan por esta vía para acceder ás súas vivendas e algúns servizos públicos.

De xeito paralelo, a Xunta de Galicia traballa na licitación dunha asistencia técnica para iniciar o proceso de expropiación. A previsión é iniciar as obras no ano 2011.



O proxecto
A mellora de seguridade viaria na estrada AC-550 no treito comprendido entre os pk 98+900 e 99+800 consiste esencialmente no acondicionamento da travesía de poboación e a mellora de interseccións para eliminar o treito de concentración de accidentes neste punto da estrada da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia. O orzamento reservado polo departamento que dirixe Agustín Hernández ascende a máis de 921.000 euros.

A lonxitude do treito no que se vai a actuar é de 900 metros e ao seu remate esta zona terá unha sección tipo de máis de 10 metros, xa que constará de dous carrís de 3,30 metros cada un, dúas beiravías de 0,50 metros cada unha e dúas beirarrúas de 2 metros cada unidade. Para a materialización destas obras será necesario escavar máis de 2.000 metros cúbicos de terra e empregar 1.500 toneladas de mestura bituminosa en quente. Tamén se executarán os traballos de restauración paisaxística, de drenaxe lonxitudinal e transversal e de sinalización e balizamento. Os preto de 10.000 veciños de Porto do Son veranse afectados por estas obras durante seis meses, mentres que a poboación servida ao remate da actuación será de 37.385 habitantes de Porto do Son e Ribeira.

O 4 de febreiro de 2010 publicamos...

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Lingua galega: dende a capital americana do polo frito, "Vive o galego"

Zan Hoffmann -usuario zanstones de Youtube- compuxo este tema en defensa do idioma e fixo o vídeo -tan mareante como a canción- na Serra da Capelada, ao pé do santuario de San Andrés de Teixido. "Inspired by modern and historic Galego language prosecution I was inspired to write this Galego language anthem", argumenta.
Lyrics:
Galego translation by Ana Belén Barrera:
Vive o galego!
Esta é a historia dun home que é po,
cuxo nome, se o dis, deixa mal sabor de boca.
Un día embebedouse co poder e,
drogado pola desconfianza,
tratou de borrar das bocas da súa xente
as verbas coas que falaban dos seus mundos e das súas vidas
Dixo: para avanzar cara o futuro, a vosa lingua ten que morrer
E este home esmagou o que non puido destruír
Pero as verbas dun pobo resisten unha vida de odio e rancor
Agora el é po, e a lingua está viva
Franco está morto mais vive a Galiza
Franco non puido co galego, aínda que o intentou.
Este conto non rematou no setenta e cinco
Ao inferno co estado!!!
Fala galego para que sobreviva"
Quen é Zan Hoffman?

O seu MySpace: http://www.myspace.com/zanhoffmanlive
E a súa estadía por estas terras en http://zhspain.blogspot.com
(vía Vieiros)

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Dodro: I roteiro "Pensa Nao" e I Trofeo de Xadrez "Concello de Dodro"

Anxo Angueira explicoulles "Pensa Nao" aos camiñantes do roteiro literario

Dodro, 20 de xuño de 2010. A Concellaría de Desenvolvemento Local pola mañá e a concellaría de Cultura e Patrimonio pola tarde completaron un sábado 19 de xuño cheo de actividades en Dodro. 

Pola mañá a Concellaría de Desenvolvemento Local que dirixe o nacionalista Guillermo González Baleirón organizou o roteiro literario Pensa Nao, baseado na novela de igual título que discorre por terras de Laíño, do escritor de Manselle Anxo Angueira, que foi quen lle narrou aos asistentes aspectos importantes da novela en relación ao roteiro que se estaba a facer. 

O roteiro percorre uns 8 quilómetros e fixérono unhas 30 persoas

Fixeron o percorrido, duns oito quilómetros de lonxitude, unhas trinta persoas, e todas elas recibiron unha camiseta do propio roteiro antes da súa saída. 

O roteiro pasa polas carballeiras do Pazo de Hermida

Xa pola tarde celebrouse na localidade de Lestrobe o I Torneo de Xadrez Concello de Dodro, patrocinado pola Concellaría de Cultura e no que colaborou na súa organización o Clube de Xadrez de Padrón. En total participaron trinta e dous xogadores. O torneo celebrouse co sistema suizo de seis rondas.

Participantes no I Trofeo de Xadrez "Concello de Dodro"

Nunha clasificación final moi apretada, o campión foi Manuel Abuín Boullón, con 5,5 puntos, seguido de Antonio Susavila con 5 puntos e por Jesús Rodríguez con 4,5 puntos. A cada un deles foilles entregado un trofeo, e ao resto dos participantes unha medalla, con mención especial para os primeiros tres clasificados das categorías sub-8, sub-10 e sub-14, ademáis do primeiro premio ao máis veterano, ao xogador local e feminino. 

O nacionalista Anxo Franco valorou "moi positivamente esta experiencia, xa que era o primeiro torneo de xadrez organizado polo Concello de Dodro e superáronse todas as previsión iniciais de participación".

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

19.6.10

Susana Moo: la peluquera de los garbancitos

Dodro: programación cultural do verán 2010

Ámbar: usuarios do centro ocupacional estiveron no albergue de Gandarío, en Bergondo

A Pobra, 19 de xuño de 2010. Durante a pasada semana usuarios do Centro Ocupacional AMBAR disfrutaron duns merecidos días de descanso no campamento que a entidade realizou nas instalacións do albergue de Gandarío en Bergondo, acompañados dos profesionais da entidade e persoal voluntario.

 

Durante a estadía puideron disfrutar de visitas lúdico-culturais a centros de interese  tales como o museo de Arte Contemporánea MACUF e o Museo da Policía Nacional, ámbolos dous na Coruña, e diversas actividades de ocio como a bolera, o karaoke e veladas nocturnas, entre outras.

 

Coa realización destes campamentos anuais AMBAR pretende, por unha banda, proporcionar respiro familiar ás familias dos usuarios do centro ocupacional co fin de alixeirar as situacións de tensión ou estrés dentro do seo familiar, e pola outra ofertar un programa de vacacións ás persoas con diversidade funcional intelectual.


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Fotografía: estas son as catro imaxes gañadoras do concurso de fotografía turística "Galicia, como a ves?"

Mellor fotografía de costa:

"Las huellas del mar: Areal do Ézaro"

Enviada por  Ana Belén Rello Fernández de Santiago de Compostela

Mellor fotografía de entorno urbano

"Praza da leña, Pontevedra"

Enviada por : Manuel Bóo Valiño de Vigo

Mellor fotografía do interior de Galicia

"Castelo de Doiras, Lugo "

Enviada por: Antonio Ramón Martín Sotelo de A coruña

Mellor fotografía do  patrimonio cultural galego

"Puerta al Otoño"Santa Cristina de Ribas de Sil, Ourense

Enviada por: María Jesús Villamar Riobó


Santiago, 19 de xuño de 2010. Os galegos Ana Belén Rello, Antonio Ramón Martín, María Jesús Villamar e Manuel Bóo resultaron gañadores do concurso de fotografía turística Galicia... como a ves?, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo a través de Turgalicia.

Un total de 248 participantes de distintos puntos de España achegaron máis de 800 imaxes de Galicia, que serán utilizadas nunha campaña de difusión dos valores turísticos galegos. Os premiados poderán gozar dunha estancia dunha semana no establecemento turístico da Comunidade galega que desexen, en réxime de media pensión.

Este concurso convocouse durante a primeira quincena do mes de xuño co obxectivo de incentivar a creatividade e a participación cidadá na promoción turística galega. A través da páxina www.galiciacomolaves.com, todos aqueles interesados en participar nesta proposta puideron enviar as súas fotografías en formato dixital.

Categorías

Os premios do concurso Galicia... como a ves? dividíronse en catro categorías. Ana Belén Rello foi a gañadora do premio á mellor fotografía da costa, coa obra titulada Las huellas del mar; Antonio Ramón Martín gañou o galardón á fotografía de interior con Ancares; o premio á mellor imaxe de contorna urbana foi para Manuel Bóo con Praza da leña; e no apartado de patrimonio cultural o premio foi para María Jesús Villamar, grazas a unha imaxe que leva por título Puerta de otoño e que ten por motivo o Mosteiro de Santa Cristina, na Ribeira Sacra.

O xurado deste certame foi presidido por Carmen Pita, directora-xerente de Turgalicia, e estivo formado pola concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; o presidente da Confederación de Hostelería de Galicia (CEHOSGA), Héctor Cañete; o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Barxas, quen delegou en Pilar Corredoira, técnica en arte da Consellería de Cultura e Turismo; e o fotógrafo profesional, Carlos Rodríguez.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical