24.10.10

Pesca: os socialistas critican o escaso orzamento da Xunta para o sector pesqueiro galego

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira afirmou que os recursos destinados á pesca galega perden un 26% con respecto os de 2009,  e case un 18% en relación cos de 2010, e asegura que as prioridades do Goberno non están na neste sector productivo 

Barbanza-Noia, 24 de outubro de 2010. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, fixo unha valoración das cifras autonómicas para o sector pesqueiro galego. Denunciou que con estes orzamentos "a Xunta de Galicia acaba de certifica a súa falla de compromiso coa pesca de Galicia e o nulo peso político que Rosa Quintana ten no conxunto do executivo galego".

A portavoz de Pesca advirte, coa súa interpretación das cifras na man, que "a Consellería do Mar engana ao conxunto do sector cando, de maneira demagóxica, anima a recuperar a ilusión polo mar e a retornar a unha profesión con futuro mentres se constata unha perda do 26% con respecto a 2009, e de case o 18% en relación cos orzamentos de 2010".

Goleta histórica como "investimento suntuoso"

A maiores denuncia tamén unha reducción dos orzamentos de Portos de Galicia en infraestructuras vitais para o desenvolvemento da flota e dos servizos portuarios, nunha porcentaxe do 51%. Pero sen embargo advirte que a Consellería do Mar acomete a construcción dunha goleta histórica que vai a supoñer mais de 1,8 millóns de euros e un gasto de mantemento anual de mais de medio millón mais. Así as cousas a deputada socialista cualificou como un “insulto a intelixencia” xustificar este investimento suntuoso cando se acometen recortes vitais para o conxunto do sector pesqueiro e marisqueiro en aras a austeridade. Neste mesmo sentido lembrou que a austeridade non existiu, tampouco, para mercar un vehículo novo para uso da propia conselleira.

Divulgación de tecnoloxía pesqueira, un 56% menos

Soneira asevera que con estes orzamentos desmantélanse programas vitais para o futuro do sector. E puxo exemplos de partidas como a investigación que se reduce nun 28,73%, a divulgación da tecnoloxía pesqueira que baixa un 56,44%, o fomento da acuicultura que se reduce nun 11,55%, ou a promoción das nosas produccións pesqueiras que se reduce o programa un 9,23%.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a casa de cultura de Portosín acolle unha mostra de cestería ata o 14 de novembro


A mostra procede do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo

Porto do Son, 24 de outubro de 2010. O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación de Lugo, organiza unha mostra sobre cestería de Galicia na casa da cultura de Portosín. Nela pódense admirar 22 pezas exclusivas, froito do traballo de investigación que está a levar a cabo a entidade dependente daquel organismo provincial en prol da recuperación e do fomento dos oficios artesanais de Galicia.

A exposición, que se poderá visitar ata o 14 de novembro, inclúe pezas representativas das catro provincias de Galicia elaboradas, todas elas, por profesionais exclusivamente da comunidade, e recuperadas pola Deputación. Deste xeito, pódense ver os cabazos, -traxes que empregaban os agricultores de Ourense para gardarse da choiva-; as patelas, -cestos dos pescadores das Rías Baixas-; os medio ferrados, -pezas de medición nas vendimas de Chantada-; sombreiros de Noia; ou cestos de pequenas dimensións, con asa e tapa onde antigamente, principalmente na zona de Outeiro de Rei, se almacenaban os produtos caseiros.

Os traballos expostos foron realizados con cinco tipos de fibras naturais, segundo as técnicas da espanada, palla, xunco, madeira rachada, corres ou mixta entre outras. Precisamente, o CENTRAD ensina esta arte na súa programación oficial de obradoiros que este ano inclúe 65 variadas xornadas convertendo á entidade dependente da Deputación de Lugo no centro de maior oferta formativa nesta materia de Galicia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

23.10.10

Rianxo: inaugurado o campo de fútbol de herba artificial da Lomba e presentado o libro "Rianxo na súa historia"

O presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, acudiu aos dous actos

Rianxo, 23 de outubro de 2010. O presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida, inauguraron onte o novo campo de fútbol de herba artificial de A Lomba e a área recreativa anexa, nos que a institución provincial investiu máis de 850.000 euros.

No discurso inaugural, Pedro Piñeiro louvou a colaboración económica da Deputación de A Coruña para facer realidade varios proxectos en Rianxo. “Se colocáramos nun plano de Rianxo unha bandeiriña en cada actuación que fai aquí a Deputación, cubriríamos o plano de bandeiras ondeando”, dixo o alcalde rianxeiro, quen foi enumerando as principais inversións deportivas da institución provincial nos últimos anos (sete pistas descubertas, dous pavillóns polideportivos, piscina municipal e campo de fútbol de Asados, recentemente inaugurado). Pedro Piñeiro sinalou que todas estas inversións “son feitos, non promesas, que falan do interese da Deputación pola promoción do deporte”.

Fernández Moreda agradeceu a benvida dos veciños e representantes dos clubs alí presentes e afirmou que a súa visita responde a que “gústame ver que os cartos foron ben empregados e que as obras que facemos contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas”.

O presidente da Deputación lembrou a súa condición de concelleiro honorario de Rianxo, repasou as inversións que, en materia de deportes, fixo a Deputación na localidade. “O que facemos aquí en Rianxo, facémolo nos 94 concellos da provincia, porque nós non facemos distincións políticas”, subliñou Fernández Moreda. Presidente da Deputación e alcalde visitaron tamén a área recreativa anexa ao campo de fútbol, que costou 352.000 euros e conta con cancha de baloncesto, pista de skate, circuito de footing, mobiliario urbano (bancos, papeleiras, fontes), e unha zona de barbacoas, e na que proximamente se instalará un parque biosaludable para que as personas maiores poidan realizar exercicio físico.

Rianxo na súa historia
Fernández Moreda e Pedro Piñeiro asistiron, no Auditorio de Rianxo, á presentación pública do libro "Rianxo na súa historia", dos autores rianxeiros Xosé Comoxo e Xesús Santos, tamén presentes no acto. Ante un auditorio repleto de veciños da localidade, entre os que tamén había alcaldes da comarca, Fernández Moreda lembrou que cando Pedro Piñeiro lle propuxo que a institución provincial editara este libro “non o dubidei nin un segundo, porque esta obra servirá para poñer na historia feitos que ocorreron e que foron ocultados durante moitos anos”.

Louvou aos autores por un traballo “serio e ben documentado, que non é doado de escribir, porque case non hai fontes documentais. As fontes son as propias persoas e as que viviron aquela época van desaparecendo”. Segundo Salvador Fernández Moreda, no libro “non se cualifican conductas, se describen os feitos, e sen pon na historia a persoas de Rianxo e familias enteiras que foron vítimas da represión” durante a Guerra Civil. “Un libro como éste faría falta en todos os concellos de Galicia. Non para buscar venganzas ou revanchas, senón para coñecer a nosa propia historia e para evitar que feitos como éstes volvan a suceder”, sentenciou.

Os autores agradeceron o apoio e financiación da Deputación para editar esta obra de investigación histórica e dos veciños de Rianxo, “moitos dos cales xa non están”, pola súa colaboración e testemuñas arredor duns feitos “moitas veces difíciles de lembrar”, xa que a maioría dos documentos da época desapareceron dos arquivos municipais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o conselleiro de Cultura asiste este domingo á presentación de "Retornos" na Seminci de Valladolid

O conselleiro de Cultura e Turismo xa asiste hoxe á gala inaugural da ‘LV Semana Internacional de Cine de Valladolid’ e á proxección do filme ‘También la Lluvia’, protagonizado polo actor galego Luis Tosar. Mañá estará na presentación da película do director noiés, que produce Vaca Films

Roberto Varela nunha visita ao Museo Valle-Inclán da Pobra

Noia, 23 de outubro de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asistirá hoxe á gala inaugural da LV Semana Internacional de Cine de Valladolid e á proxección da película También la Lluvia, un filme dirixido por Iciar Bollaín e protagonizado polo actor galego Luis Tosar, elexida candidata por España aos premios Oscar da Academia de Hollywood. Dentro das accións de apoio ao audiovisual galego, Roberto Varela tamén acudirá mañá á presentación e proxección da longametraxe Retornos, da produtora galega Vaca Films, dirixida polo noiés Luís Avilés.

Escea de "Retornos" rodada en Pontenafonso

O Teatro Zorrilla acollerá mañá dentro da sección Punto de encontro o pase oficial da película Retornos, da produtora galega Vaca Films en coproducción con Zed Filmes e Patagonik Film Group e dirixida polo realizador e guionista de Noia Luis Avilés. Retornos chega á Seminci unha semana antes da súa estrea en salas de cine de toda España, programado para o 29 de outubro. A presentación de Retornos contará coa presenza de parte do equipo da película, desde o director Luis Avilés ata os produtores Emma Lustres e Borja Pena, pasando polos actores protagonistas, Xavier Estévez (Padre Casares), Manuela Vellés (Caótica Ana, Camino), Emilio Gutiérrez Caba (Gran Reserva), Xosé Manuel Olveira “Pico” (Padre Casares, Pratos Combinados) e María Bouzas (Una mujer invisible, Heroína).

Á proxección da longametraxe Retornos na Seminci únese a presentación do filme La tropa de trapo en el país donde siempre brilla el sol, primeira película de animación en 3D estereoscópico feita en España dirixida por Alex Colls e producida por Anera Films, Continental Animación e Abano Producións.

Antes publicamos:

Retornos: a película do noiés Luís Avilés compite na Seminci de Valladolid e estréase o 29 de outubro en toda España. Máis

Noia: a primeira longametraxe de Luís Avilés Baquero, "Retornos", seleccionada para o Festival Internacional de Cine de Montreal. Máis

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: concerto solidario este domingo 24 de outubro no Coliseo Noela a prol do pobo Yutupis, na Amazonia peruana

22.10.10

Rianxo: o 31 de outubro, Festa do Samaín, con foliada, concurso de cabaceiras, magosto, baile de disfraces e queimada


Haberá un concurso de lanternas e farois feitas en cabaceiras


No magosto haberá varias receitas de castañas

A partires das seis do serán na lonxa vella (porto de Rianxo). Organiza Fogo Fatuo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Psoe presenta unha moción para que se arranxen "incumprimentos da Conselleira Mato"


Beatriz Mato visitou Amicos, en Ribeira, o pasado mes de xuño

Ribeira, 22 de outubro de 2010. Os socialistas de Ribeira presentaron unha moción para instar á conselleira de Traballo e Benestar a que "cumpra co Plan Concertado".

A moción íntegra di:

D. Francisco Mareque León, portavoz municipal do PSdG-PSOE no Concello de Ribeira, ó amparo do disposto no artigo 97/3 do Reglamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta ante este Pleno Corporativo a seguinte Moción:

O Plan Concertado contitúe un dos instrumentos esenciais para o desenvolvemento das políticas sociais municipais. Dende a súa aprobación no ano 1988 o Plan Concertado é, de feito, o sustento das políticas sociais nos concellos e o instrumento de coordinación das políticas sociais entre as diferentes administración. O seu axeitado funcionamento resulta, polo tanto, de vital importancia para o sostenemento do sistema de benestar.

O ano pasado o novo Goberno da Xunta de Galicia tivo o desgraciado honor de ser o goberno que máis demorou a resolución e abono dos fondos do Plan concertado aos concellos, creando unha enorme inseguridade na planificación das súas políticas sociais ao descoñecer con qué fondos ían contar para as mesmas. Este feito, que foi recoñecido pola señora Susana López Abella en comisión a inicitiva do PSdG-PSOE, ía ser correxido mediante medidas “innovadores anunciadas mediaticamente pola señora Mato.

Así, a señora Conselleira sinalaba que o Plan concertado “ía a ser abonado por adiantado aos concellos” para mellorar a súa eficacia nas políticas sociais así como a colaboración entre a Xunta e os Concellos. O certo é que ata a data a promesa da señora conselleira quedouse, unha vez máis, nun anuncio incumprido, o cal vén sendo unha práctica habitual desta consellería. Por todo elo, o grupo municipal socialista insta ó Pleno Municipal á adopción do seguinte acordo:

1.- Esixir á Xunta de Galicia que resolva e aboe de inmediato o plan Concertado, cumprindo o compromiso anunciado pola Conselleira a señora Mato.

Asdo.: O Portavoz Municipal do Grupo Socialista
Francisco Mareque León

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o venres 12 de novembro, cea benéfica de Renacer, co gallo do seu vixésimo aniversario

Vixésimo aniversario de Renacer

Cartel informativo

22-10-2010

A Asociación Antidroga Renacer cumpre este ano 2010 o seu vixésimo aniversario (1990–2010), traballando no campo da prevención das drogodependencias e na inserción social dos afectados/as.

Para conmemorar os vinte anos de traballo vamos a organizar diversos actos, entre os que destaca a cea benéfica o vindeiro día doce de novembro.

A cea terá lugar no Restaurante Baiuca sito no lugar de Goda en Artes, as dez da noite. Durante a mesma celebrarase un sorteo no que se rifarán obxectos e lotes de produtos doados por establecementos comerciais.

Invitamos á poboación a participar neste acto e a colaborar connosco. Para elo, os/as que o desexen poden mercar unha entrada para asistir, facerse con algunha das rifas que dende hai uns días están xa a venda ou ben, si se trata dun comercio doar algún articulo para o sorteo.

Agradecemos de antemán todo o apoio e colaboración que nos poidan prestar.

Un pouco de historia:

A Asociación Renacer constituíuse o 23 de xullo de 1990 a proposta de grupo de nais e persoas interesadas en dar unha resposta ao grave problema sanitario e social do consumo de drogas que naqueles momentos había no noso concello e estaba centrado principalmente na heroína.

En torno a 1990 as drogas eran un dos problemas que máis preocupaban aos cidadáns. O consumo destas sustancias asociábase a marxinación, delincuencia e morte. Ademais, a aparición da SIDA e a súa propagación entre persoas consumidoras de heroína veu complicar unha situación que ocasionou estragos en parte da mocidade daquela época. A sociedade reclamaba medidas urxentes para atallar o problema, así como un sistema de atención sanitaria e rehabilitación social para estas persoas. Estas inquietudes estiveron presentes na orixe da Asociación Antidroga Renacer.

Hoxe, vinte anos despois, a heroína foi substituída por outras sustancias igualmente nocivas para a saúde. Ademais, ha ir diminuíndo neste tempo a percepción do risco que comporta o consumo de drogas, especialmente entre os máis novos, o que obrigou a buscar novas fórmulas para afrontar o problema.

Todos estes asuntos formaron parte da axenda de traballo da nosa entidade no seu vinte anos de existencia, nos que ha actuouse tanto en aspectos de prevención como de reinserción social dos drogodependentes.

Na actualidade a Asociación conta con diversos programas centrados na prevención do consumo de drogas na escola, información-formación, escolas de pais-nais, prevención e asesoramento do VIH/SIDA e atención xurídico-social ao drogodependente.

 

NOTA:

O prezo de das rifas é 1 € e o das entradas de 35 € por persoa. Estas pódense mercar na Farmacia Sanmamed, no local da Asociación ou facer un ingreso na Cta. Caixa Galicia: 2091-0385-52-3040001082. Ref. Cea Benéfica.

Para doazóns pódense poñer en contacto connosco ou ben, chamando o 981 87 40 86 ou acercándose o local social, en horario de 9 a 14:00 horas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: as obras da segunda fase do saneamento da Ribeiriña-Conchido comezan a vindeira semana

A Pobra do Caramiñal, 22 de outubro de 2010.  As obras para levar a cabo o proxecto de “SANEAMENTO NA RIBEIRIÑA – FASE II” foron adxudicadas á empresa FERORSA de Ferrol e comezarán ao longo da vindeira semana, informou hoxe o Concello.

     O equipo de goberno da Pobra do Caramiñal di sentirse "moi satisfeito de que a Xunta de Galicia, e máis concretamente a Consellería de Medio Ambiente – Augas de Galicia vaia a levar a cabo este proxecto, o “SANEAMENTO NA RIBEIRIÑA – FASE II” que contará cun orzamento de 676.312,93 euros".

     O obxeto deste proxeto é a definición das atuacións necesarias para a dotación de servizos nos núcleos da Ribeiriña e Conchido que inclúe a construción da rede xeral de colectores. Preténdese completar o saneamento do núcleo da Ribeiriña, recollendo tamén as augas fecais do Conchido, para xuntalas coas recollidas na primeira fase xa executada e, posteriormente, levalas á rede municipal de colectores existente. Trátase dunha rede de conducións por gravidade, na que é necesaria a construción dunha estación de bombeo co seu respectivo tramo de impulsión que leve as augas residuais ata a rede existente.

     As obras de saneamento consistirán principalmente na recollida de augas residuais, pero de xeito separativo para fecais e pluviais, para transportalas mediante colectores e impulsión ata o colector construído na primeira fase.

     As tubarias de impulsión realizaranse en PEAD PN-10 de 90 mm de diámetro,  a rede de saneamento en PVC SN-8 corrugado de 315 mm e 2.109 metros de lonxitude e os colectores de recollida de pluviais tamén en PVC SN-8 corrugado de 315 mm e 807 metros de longo. O pozo de bombeo executarase en formigón armado de 2,4x5 metros de planta e cunha profundidade de 3,25 metros. Incluirá cámara de chaves, aliviadeiro e cestón de grosos. A vertedura do mesmo realizarase mediante tubaria de PVC de 315 mm. Todas as instalacións van soterradas en zanxa, con recheo de material procedente da escavación, repoñendo o pavimento que resulte afectado ou derrubado na execución das obras.

     Segundo o goberno do PP, "con esta obra dámoslle un pulo importante ás nosas infraestruturas achegándonos á consecución do saneamento integral no noso concello e por riba de todo na zona da Ribeiriña e do Conchido, beneficiando aos seus veciños e que era un dos obxectivos fixados por este equipo de goberno e considerado como esencial xa que incide no benestar e na mellora da calidade de vida de todos nós".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte presenta esta fin de semana o seu paquete de "Estancias literarias" en A Pobra e Rianxo


Valle-Inclán será o emblema literario da Pobra neste paquete
Boiro, 22 de outubro de 2010. Esta fin de semana terá lugar a presentación en sociedade do paquete turístico "Estancias literarias en Arousa Norte", que organiza e impulsa a Mancomunidade do mesmo nome. O obxetivo da presentación do paquete turístico Estancias Literarias é "implicar aos axentes de turismo e cultura da comarca, a través da participación e  aportación de ideas, para a creación de unha oferta turística de calidade", aseguran os responsables deste ente supramunicipal enfocado no turismo. Este paquete turístico desenvolveuse gracias ao convenio de colaboración firmado no mes de xullo entre a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretería Xeral para o Turismo,  e a Mancomunidade.

O primeiro día da presentación será mañá, sábado 23, no museo Valle-Inclán de A Pobra, ás cinco da tarde. Agárdase a presenza de Isaac Maceiras, alcalde pobrense e presidente de turno da Mancomunidade, así como de José Luís Maestro Castiñeiro, da Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia. Fátima Rodríguez Figueiras, xerente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e Mónica Garrido Silva, técnica de Turismo da mesma entidade e coordinadora da creación do paquete turístico Estancias Literarias serán as encargadas de explicar polo miúdo esta iniciativa a todos os concelleiros e técnicos de Cultura e Turismo de Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira que alí se congreguen. Tamén se agardan empresarios turísticos de Barbanza.

Castelao, Dieste e Manoel Antonio son os escritores máis senlleiros de Rianxo

O domingo 24 a vila protagonista será Rianxo, vila literaria galega onde as haxa. Precisamente a praza de Castelao é o lugar escollido para a presentación, na que estarán o alcalde actual, Pedro Piñeiro e a xerente e técnica da Mancomunidade anteriormente citadas.

Características

O paquete turístico Estancias Literarias está composto por aloxamento, restauración e actividades de ocio. As actividades de ocio están inspiradas na cultura literaria da comarca e desenvolveranse nos catro concellos, tendo como punto de referencia A Pobra do Caramiñal e Rianxo, por ser estas dúas localidades o berce dos escritores máis relevantes dos séculos XIX e XX.

Cronograma de actividades

SÁBADO 23 DE OUTUBRO: A POBRA DO CARAMIÑAL

Punto de encontro: Museo Valle Inclán

      17.00 h: visita ao Museo Valle Inclan acompañados polo Cego de Gondar (persoaxe das obra El embrujado de Valle Inclán).

      18.00 h: visita pola Pobra do Caramiñal, acompañados polo Cego de Gondar, e percorrendo os espazos relacionados coa vida de Valle Inclán. Ao remate destas visitas haberá un contacontos.

DOMINGO 24 DE OUTUBRO: RIANXO

Punto de encontro: Praza de Castelao, enfronte ao Museo do Mar

      10.30 h: visita por Rianxo, guiados por un mariñeiro que percorrerá os espazos máis característicos da vila e aqueles relacionados coa vida dos escritores rianxeiros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical