13.1.11

Boiro: Economía e Industria avala Paquito S.L. con 8 millóns de euros para manter máis de 200 empregos en Barbanza

Boiro, 13 de xaneiro de 2011. O Consello da Xunta de Galicia autorizou á Consellería de Economía e Industria a apoiar, mediante a concesión dun aval por importe de 8.123.000 euros, o plan de negocio que prevé impulsar Paquito, S.L., coa finalidade de apoiar o mantemento do emprego na comarca da Barbanza, segundo explica a propia Xunta.

Co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica, a empresa poderá acceder a préstamos bancarios que suman 16.660.095 euros para desenvolver o citado plan de negocio, centrado no mantemento do emprego. A empresa, asentada na comarca da Barbanza, dispón dun cadro de persoal integrado por mais de 200 traballadores. A Xunta de Galicia valorou a importancia deste proxecto no tecido económico da comarca, que se atopa nun sector industrial de grande importancia para a zona, como é o de manipulación, transformación, preparación e distribución de produtos do mar.
Esta compañía procesa en Galicia miles de toneladas anuais de mexillón (10.407 t no 2008), que chegan á factoría en camións procedentes das rías galegas. Con máis de 50 anos de experiencia no sector de procesado e distribución de produtos do mar, a
empresa desenvolve a actividade de cocción, transformación e elaboración de diferentes produtos, incluíndo a preparación de precociñados, así como a súa conxelación e comercialización.

A factoría posúe viveiros de cultivo de mexillón fondeados na Ría de Arousa e, desde 1997 participa maioritariamente en dúas sociedades que operan en Chile: Sociedad Huimar Limitada e Galaico Chilena de Pescados y Mariscos. Ademais, a compañía ten unha forte orientación internacional e está presente en practicamente todos os mercados europeos, sendo os principais España, Francia, Italia, Portugal, Grecia, Turquía, Alemaña, Bélxica, Suíza, Reino Unido, Holanda, Dinamarca e Rusia, e ten establecidos vínculos comerciais con moitas cadeas maioristas e de distribución, onde compite en prezo. O 60% do seu produto
comercializado vai destinado á exportación.

Podería estar relacionada:
Polémica: a Xunta subvenciona unha empresa dun armador ao que acusan de pirata pesqueiro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o 21 de xaneiro, un obradoiro de hip-hop para os que non lles para a cabeza


Rianxo, 13 de xaneiro de 2011. O próximo venres 21 de xaneiro terá lugar no Auditorio de Rianxo a proposta musical AZOU.EU dirixida a adolescentes; enmarcada dentro do Programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As actividades consistirán nun Obradoiro de Hip Hop (prazas limitadas), ás 18.00 h e AZOU o Espectáculo ás 19.00 h.

Azou é un proxecto musical concibido, deseñado e producido en exclusiva para adolescentes, baseado nas redes sociais. A idea e o espectáculo xiran arredor do proceso de creación dunha banda de música formada por dúas mozas e un mozo. Os protagonistas, cheos de enerxía e talento, cantan, bailan e poñen en escena unha proposta única que, facendo uso das últimas tendencias tecnolóxicas, mestura imaxes, sons e animacións. Trátase dun proxecto transversal que engloba ademais un espazo web propio e presenza dinamizadora en diferentes redes sociais (Tuenti, Facebook, Flickr), así como a publicación dunha serie de libros que narran as aventuras e a vida na cidade dos compoñentes do grupo.

Que é o azou? O nome que na Mariña de Lugo lle dan ao "formigo". Telo formigo! Tes azou! Ou sexa: non paras quieto. Un ilustre humorista mariñano, Roberto Vilar (ex Tonecho) variou a expresión e trocouna agora nun éxito de masas: A cabeza non para.

Toda a información en www.azou.eu

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o programa cultural de xaneiro estrea os "Domingos de cine"


Tamén haberá teatro. Smoking xoga na casa, pois vaina representar o grupo de teatro da Sociedade Liceo de Noia

 

A retrospectiva de Pío Costa remata o 16 de xaneiro. A súa obra na Rede aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: os socialistas piden luminarias e drenaxe axeitado na zona de Bandaseca


A presente moción presentarase no seguinte pleno do Concello

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng pide que instalen acceso a Internet sen cabos "pero que funcione"


A empresa valenciana Domoblue sementa de postes wifi todo Barbanza. Na imaxe, Lousame

Rianxo, 13 de xaneiro de 2011. O BNG informa hoxe en nota de prensa que "non consideraba necesario incluír cando solicitou a instalación dunha rede sen fíos nos colexios públicos con cargo aos fondos estatais a coletilla de que funcionasen. Criamos se daba sobreentendido por parte do goberno municipal que era para usar na actividade diaria do alumnado e do profesorado dos centros públicos nos que se instalaba".

 

Para os nacionalistas, "a sorpresa vén dada porque meses despois de instalada con equipos e cables resulta non se pode empregar e colexios como o Brea Segade de Taragoña levan meses tentando infructuosamente que o executivo poña en marcha a rede de internet no centro.Por iso reclamamos do executivo se centre na actividade diaria, pense menos nas actividades sucesorias do Alcalde e faga un seguimento de que o que instala funcione axeitadamente para os usos que foi contratada a obra, neste caso empregando recursos dos fondos estatais".


Que se estenda a prazas e centros culturais


 

O Bng de Rianxo conclúe sinalando que "será tamén boa ocasión para demandar un plan de estensión da wifi en espazos públicos para garantir que prazas e centros culturais dispoñan tamén de conexións inalámbricas ao servizo dos veciños e veciñas como podería ser Campo de Pazos en Taragoña, a Atalaia en Asados e a Praza Castelao da Igrexa e Parque Galicia en Rianxo, ademais dos centros culturais de Isorna e Buía e as súas contornas".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

12.1.11

Dodro: o martes 25 de xaneiro represéntase "Señor Mundo, Dígame?", no colexio "Eusebio Lorenzo Baleirón"

Dodro, 12 de xaneiro de 2012. O vindeiro martes, día 25, terá lugar no CPI a representanción de Señor Mundo, Digame? a cargo de Factoría Teatro sobre uns textos de Paula Carballeira inspirados na poesía de Celso Emilio Ferreiro.

Este obradoiro participativo de poesía e teatro ampliarase uns días máis xa que os asistentes prepararán a súa participación sobre os textos do libro Carabín, Carabán que a Concellaría de Cultura repartirá para que alumnos e profesores poidan aproveitar ao máximo a actividade.

O obradoiro está dirixido especialmente aos máis novos e concíbese como un reforzo educativo lúdico.

Esta actividade forma parte do Programa Bocaberta que promove e financia a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia en colaboración co SNL de Dodro.

Relacionada:

Lingua galega: Bocaberta en Lousame, Dodro e Muros

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte renova a súa web turística, con especial coidado no deseño visual

Boiro, 12 de xaneiro de 2011. Ano novo, nova web. A Mancomunidade Arousa Norte, que engloba aos catro concellos de Barbanza de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira, xa dispón dun escaparate en flash na Rede. A anterior web, de 2006, recibira o premio Ferpalia como mellor web de promoción turística de Galicia. A nova, que polo de agora está só en castelán -Fitur xa é este mes en Madrid e debería estar xa noutros idiomas, como a anterior-, é moi atractiva visualmente.

Para os visitantes que estean interesados en achegarse a Barbanza, hai unha sección na que se poden planificar as viaxes, na que se indica claramente como chegar a cada sitio, onde aloxarse, onde comer e os paquetes turísticos que se poden escoller segundo conveña. Na área multimedia recóllense fotos dos catro concellos, vídeos e audios (as audioguías de cada concello foron incorporándose xa o pasado ano), e incluso van introducir xogos.

O esquelete principal da páxina responde ás cuestións básicas de calqueira turista ou visitante: que ver e que facer. Tamén se suxiren recomendacións e hai unha pestana que liga aos folletos turísticos e de actividades que vai editando Arousa Norte. Unha vez vista a web, convén botarlle de cando en vez unha ollada ao blog que tamén aloxa, onde se informa das últimas accións turísticas na bisbarra.

Relacionada:
Turismo: Barbanza, gárdasme o segredo do 19 ao 23 de xaneiro?


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: inaugurada a variante de Outes polo presidente da Xunta, que se comprometeu coa de Noia "que non ten volta atrás"

Segundo os cálculos da Xunta, o novo vial permitirá un aforro de tempo de arredor do 70%, ao pasar dos 12 minutos da antiga estrada a 3 minutos coa nova variante

Outes, 12 de xaneiro de 2011.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou, este mediodía, a posta en servizo da Variante de Outes e o Plan de Ordenación Xeral, aprobado pola Xunta, como exemplos de que “estamos apostando polo progreso, pola racionalidade e pola tranquilidade de facer todo o que as competencias do autogoberno nos outorgan para saír da crise económica na que estamos vivindo nos últimos anos”. “Hoxe, Outes está máis preto do resto de Galicia grazas a esta variante. Queremos seguir tendendo pontes que acheguen servizos, oportunidades, xentes e paisaxes”, afirmou.

No tocante á variante, Feijóo destacou que a posta en marcha desta obra inscríbese na filosofía de favorecer a mobilidade e a proximidade entre o conxunto de cidadáns de Galicia, ao acurtar un itinerario á metade da súa lonxitude -de 8,2 a 4,7 quilómetros- e en preto dun 70% o tempo necesario para percorrer este traxecto, pasando dos 12 minutos da antiga estrada a 3 minutos coa nova variante.

Non obstante, o responsable autonómico aseverou que, “hoxe, non acabamos os compromisos coa ría de Noia-Muros, nin cos concellos de Outes, de Muros ou de Noia”. E referiuse así, á variante de Noia, “un compromiso que non ten volta atrás e que vai salvar á ría, cunha moderna ponte que evitará o paso polo núcleo urbano ao tempo que dará maior fluidez ao traxecto entre Santiago-Porto do Son-Noia e Ribeira”.

Así mesmo, destacou que a variante de Noia e a variante de Outes supoñen un investimento de máis de 63 millóns de euros. E avanzou que o obxectivo xeral de que o 80% da poboación galega estea a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade “o cumpriremos nesta ría –aseverou- no primeiro trimestre do ano 2011, cando finalicemos o corredor que nos une con Brión e cando iniciemos o seu desdobramento, converténdoo en autovía plena, non só desde Santiago senón desde Brión ata Noia”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: o Centro Dramático Galego producirá un musical dirixido polo ribeirense Quico Cadaval e protagonizado por Luís Tosar

O conselleiro de Cultura anunciou que os ensaios desta versión da obra de Bertolt Brecht darán comezo en abril para a súa estrea no mes de xuño


Ribeira, 12 de xaneiro de 2011.- O dramaturgo ribeirense Quico Cadaval non para. O Centro Dramático Galego (CDG) levará ás táboas en xuño A ópera dos tres reás, a partir da famosa obra de Bertolt Brecht, para o que contará con Quico Cadaval na dirección escénica e co actor Luis Tosar no papel protagonista. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou hoxe a que será a segunda produción propia da compañía pública para a temporada 2010-2011, un espectáculo de gran formato que materializa a aposta da directora do CDG, Blanca Cendán, polo teatro musical.

Segundo explicou Roberto Varela na presentación da nova programación semestral, en febreiro desenvolverase un proceso de selección para completar o amplo elenco de actores e músicos que iniciará en abril os ensaios. Coincidindo coa celebración do Ano Internacional da Música, o Centro Dramático Galego actualizará –coa dramaturxia do propio Cadaval e baixo a dirección musical de Carlos Ariel Gracia Baez– a ópera paródica asinada en 1928 polo dramaturgo alemán xunto co compositor Kurt Weill, ambientada nun submundo de marxinalidade e delincuencia.

Proxecto atractivo e esixente

O titular de Cultura agradeceu a todos os implicados a ilusión coa que enfrontan unha proposta “tan atractiva como esixente dende o punto de vista artístico”, afirmou. No caso de Luis Tosar, ao que felicitou persoalmente pola súa recente candidatura aos Premios Goya 2011 na categoría de mellor protagonista, quixo subliñar ademais o feito de que o actor lucense aceptara o “reto de facer unha paréntese nesta imparable carreira cinematográfica para regresar ás táboas, en Galicia e nada menos que cun musical”, no que interpretará o popular personaxe de Mackie Navalla. Varela continuou expresando a súa convicción de que, á vista dos nomes que encabezan o equipo artístico, o resultado final estará á altura das expectativas, convertendo A ópera dos tres reás no “acontecemento escénico do ano”.

Ademais de Tosar, acompañaron o conselleiro nesta presentación o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero, e a directora do CDG, Blanca Cendán, quen se detivo no programa de actividades promovidas pola compañía pública no Salón Teatro, cun total de 71 días de apertura ao público entre xaneiro e maio.


Estreas galegas
Porén, o apoio á escena galega continúa a ser unha prioridade para a dirección do CDG na xestión deste espazo, de xeito que o novo ciclo de programación ofrecerá un total de 30 funcións de 13 espectáculos producidos en Galicia, incluíndo dúas estreas absolutas a cargo de compañías de recente creación: Alfredo Padilla presentará o resultado dun proceso de investigación teatral arredor de Hamlet (5 e 6 de marzo) e Redrum Teatro levará a escena a comedia musical para público infantil Moito conto (14 e 15 de maio).

As propostas galegas ocuparán o Salón Teatro xa a partir da próxima semana, comezando con Memoria de Helena e María (do 20 ao 23 de xaneiro), obra coa que Teatro do Atlántico conmemora o seu vixésimo quinto aniversario. A continuación, Abrapalabra Creacións Escénicas ofrecerá –do 28 ao 30 de xaneiro para o público xeral e os días 31 e 1 para estudantes– o “monólogo escénico-narrativo” Memoria das memorias dun neno labrego, dirixido e interpretado por Cándido Pazó co gallo do 50 aniversario da primeira edición da obra de Xosé Neira Vilas na que se inspira.

O 11 de marzo Teatro do Morcego exhibirá outro clásico, Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, mentres que Berrobambán se presentará o 1 e 2 de abril con Pressing Catch, obra de Paula Carballeira que reflexiona sobre as distintas formas de violencia a través da ironía e o humor.

Xa en abril, os días 14 e 15 Carlos Blanco proporá aos espectadores unha viaxe ata Brasil a través do espectáculo Ordem e progresso e acompañados pola música do Sergio Tannus Trío. A programación continuará o 16 e 17 con A filla de Woody Allen, debut da compañía de Santiago Cortegoso, e os días 5 e 6 de maio Espello Cóncavo porá en escena Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), obra pola que o Rubén Ruibal recibiu os premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Nacional de Literatura Dramática. Ademais, o 17 de maio presentarase Mundo Lois, espectáculo multidisciplinar arredor da figura e obra de Lois Pereiro, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.


Download now or preview on posterous
cdg.pdf (1495 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Aguiño celebra a súa sexta Semana Cultural esta fin de semana

O teólogo Andrés Torres Queiruga será homenaxeado polos seus veciños con motivo do seu 70 cumpreanos


Ribeira, 12 de xaneiro de 2011.- Con motivo do seu 70º aniversario, o teólogo aguiñense Andrés Torres Queiruga será homenaxeado polos seus veciños na sexta edición da Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño, segundo desvelou hoxe o presidente da asociación organizadora, Unai González, nu acto de presentación no que estivo acompañado de Luciano Fernández, concelleiro de Cultura, que colabora na posta en marcha da programación do evento. O mesmo acto serviu tamén para dar a coñecer a programación da Mostra de Teatro Afeccionado 2011 organizado pola Asociación Francisco Lorenzo Mariño, e que contará con tres actuacións durante este mes de xaneiro.

    Andrés Queiruga (á dereita) foi nomeado en 2009 Aguiñés de Honra

A Semana Cultural, que se desenvolverá ao longo desta fin de semana, comezará ás 20.30 horas do venres 14 con dúas conferencias en torno á figura de Andrés Torres que terán lugar no Conservatorio de Aguiño. A primeira delas correrá a cargo de Engracia Vidal Estévez, secretaria da Asociación Encrucillada, baixo o título “Andrés Torres Queiruga e o seu compromiso con Galicia”. Acto seguido, o mestre e xornalista rianxeiro Manuel Dourado Deira pronunciará unha charla titulada “O meu encontro con Torres Queiruga e a súa teoloxía”.

Xa o sábado día 15 de xaneiro, ás 17.30 horas, terá lugar unha ofrenda floral e lectura de manifesto no Cemiterio de Porto do Son, lugar onde está  enterrado o párroco fundacional da parroquia de Aguiño, que faleceu o 16 de xaneiro de 2004. O acto estará acompañado do Grupo de Gaitas A Gandaina de Palmeira.

Tamén ese mesmo sábado, ás 20 horas, e dentro da Mostra de Teatro Afeccionado Francisco Lorenzo Mariño, o grupo Teatro Ad Libitum de Ferrol actuará coa representación da obra “O meu home tolea”, comedia de enredo baseada na historia dunha parella que non funciona na cama. Está dirixida por Yuyi Bastida a partir dun texto de Óscar Tabern. A entrada é de balde.

O domingo 16 oficiarase unha misa conmemorativa do sétimo aniversario do pasamento de Francisco Lorenzo que será oficiada por Andrés Torres Queiruga, asistido por Cesáreo e Ramiro Canabal. Ao remate ofrecerase un concerto pola Coral Polifónica Municipal de Riveira, que dirixe Enrique Paisal.

Mostra de Teatro

Unai González divulgou tamén a programación da Mostra de Teatro Afeccionado que, ademais da devandita actuación de Teatro Ad Libitum, inclúe a participación o sábado 22 de xaneiro de Teatro Charamela (de Melide), coa obra “Se o sei.... Non volvo á casa” e, o sábado 29 de xaneiro, de Teatro A Pombiña (de Pedroso-Narón) con “Nin Dios entende aos homes”.

Luciano Fernández puxo de releve durante a súa intervención o extraordinario labor do movemento asociativo existente na parroquia de Aguiño, así como o magnífico momento que está vivindo a arte do teatro no municipio de Riveira a través de numerosas representacións ao longo do ano, case sempre coa implicación do Concello.

Restauración no Conservatorio de Aguiño

Por outra banda, o concelleiro de Cultura, Luciano Fernández Martínez, tamén deu a coñecer esta mañá os detalles da profunda restauración efectuada no edificio da Aula de Música de Aguiño (popularmente coñecido como Conservatorio de Aguiño), na que o Concello investiu un total de 60.000 euros. 

Entre as actuacións que tiveron lugar neste edificio, figuran o pintado exterior e interior do mesmo, a eliminación de humidades, a reparación do tellado e os baixantes de pluviais, e a substitución das portas e luminarias do inmoble. Tamén se dotou dun novo sistema de calefacción ao edificio e se aumentou a potencia eléctrica. 

Novos vestiarios e equipo musical

Dúas das reformas que máis salientou o edil de Cultura foi a instalación dun novo equipo de música e son profesional e a habilitación como vestiarios dun espazo situado detrás do salón de actos, a fin de prestar servizo ás compañías teatrais, grupos musicais, etc... que actúen no recinto.

Ademais, instaláronse máis de 200 cadeiras novas no salón de actos e restaurouse a cantina da que solen facer uso os membros do activo club de xubilados da parroquia. De feito, os maiores da parroquia xa puideron disfrutar destas renovadas instalacións con motivo da pasada festa de fin de año, e durante esta próxima fin de semana o edificio da Aula de Música dará cabida a diversos actos programados dentro da Sexta Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño. 

Esta é a segunda remodelación da Aula de Música de Aguiño dende que Luciano Fernández é edil de Cultura do Concello de Ribeira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical