4.10.12

Lingua galega: só A Pobra, Boiro e Ribeira terán Os Axóuxeres nestas bisbarras

  • O secretario xeral de Política Lingüística deu a coñecer hoxe os detalles desta iniciativa de dinamización lingüística dirixida a nenos e nenas de 0 a 6 anos e ás súas familias
  • En A Pobra, Boiro e Ribeira hai gobernos do Partido Popular
  • O novo programa transmedia achegaralle a lingua galega ás familias a través do teatro, do cine, da televisión, de internet e dos dispositivos móbiles
  • Os Axóuxeres chegarán á TVG2 o 22 de outubro e, a partir do 28 dese mes, a preto de 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Media_httpwwwxuntaesl_jntjx

Un dos encontros dos Axóuxeres no que estivo Uxía Senlle

Barbanza, 4 de outubro de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer esta tarde a nova edición dos Axóuxeres, un programa multiplataforma destinado a dinamizar a lingua galega e a súa transmisión interxeracional nas familias con bebés de 0 a 6 anos de idade.

Os Axóuxeres actualízanse e transfórmanse neste ano 2012, segundo explicou o secretario xeral, “para adaptárense aos retos dunha sociedade que utiliza cada vez máis medios para relacionarse e educar. Os Axóuxeres mudan cos tempos, sempre co empeño de ofreceren ferramentas para cantar, para xogar, para medrar en galego co apoio dos pais e nais que, en definitiva, son os encargados de transmitirlles aos seus fillos e fillas a lingua galega”.

Axouxeres2012

Encontros teatrais e dixitais na Rede de Dinamización Lingüística
Os Encontros dos Axóuxeres son pezas teatrais dunha hora de duración pensadas para cativos de 0 a 3 anos, participativas e con moita presenza da música e do xogo. Pola súa banda, os Encontros dixitais son sesións de cine dixital pensadas para nenos e nenas de 3 a 6 anos acompañados dos seus pais e nais. Nestas actividades fomentarase a participación do público con xogos e cancións para desenvolver durante a celebración.

Este ano haberá 20 Encontros teatrais e outros 20 Encontros dixitais que acollerán entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) nas catro provincias galegas. Os Encontros teatrais visitarán a cidade da Coruña mercé á participación da Deputación coruñesa na RDL; a Pobra do Caramiñal, grazas á pertenza á Rede da Mancomunidade de Arousa Norte; a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso e os concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Ames, Arteixo, Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Ribeira, Ponteareas, Cangas, Marín, A Estrada, Teo, Tui, Boiro, Baiona, O Barco de Valdeorras e Cee.

A entrada aos encontros dos Axóuxeres será gratuíta, pero cumprirá reservar praza no teléfono 637 179 304. Este número estará aberto ás reservas de cada localidade unha semana antes da celebración de cada encontro. Nos encontros dixitais a entrada será de balde ata completar o aforo.

Toda a información sobre este programa estará dispoñible no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2012.>

Os Axóuxeres, tamén na TVG2
Nesta nova etapa, ademais dos Encontros teatrais e dos dixitais, Os Axóuxeres adquiren unha nova dimensión televisiva para chegar a todos os fogares de Galicia, grazas ao novo espazo televisivo do mesmo nome, que se emitirá a partir do día 22 de outubro na segunda canle da Televisión de Galicia (TVG2). O horario será de luns a venres, ás 7.30, ás 13.00 e ás 17.00 h, no marco da súa programación infantil e do coñecido Xabarín Club.

Este espazo de televisión, baseado no xogo e no fomento da creatividade, está pensado para ver en familia e, sobre todo, para que a xente adulta poida extraer ideas para xogar despois coas crianzas e estimular a súa creatividade en galego. Cada programa está dividido en dúas partes, unha primeira pensada para nenos e nenas de 0 a 3 anos, e unha segunda parte está pensada para cativos de 0 a 6.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística dálle así continuidade á aposta pola TVG como espazo de promoción da lingua galega, aposta da que tamén forman parte os microespazos sobre o noso idioma Ben falado!, o programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! (que permitu emitir curtas de animación en galego elaboradas por nenos) ou a serie Os Bolechas que se empezou a emitir hai unhas semanas. Deste xeito, poténciase a existencia dunha oferta ampla e variada de programas infantís en galego que contribuirá á aprendizaxe e á valoración da lingua propia de Galicia polos máis pequenos.

Outras plataformas
Os Axóuxeres tamén terán presenza en internet a través da sección infantil da web da CRTVG e mais da web da Secretaría Xeral de Política Lingüística
www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2012, onde –a medida que avance o programa- se poderá ir consultando o calendario dos Encontros, compartindo a experiencia de participación neles ou descargando cancións e actividades.

Tamén estarán a disposición dos nenos e dos pais dúas aplicacións con sinxelos xogos de balde para o móbil.

Obxectivos do programa
O programa de dinamización lingüística Os Axóuxeres responde aos obxectivos marcados no Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) para os sectores de Lecer e Tempo Libre e mais Educación, Familia e Mocidade, en concreto, os referidos á transmisión familiar, como “fomentar a transmisión e mais a aprendizaxe da lingua galega dentro das familias” ou “aumentar a presenza da lingua galega nas actividades de lecer e incrementar a oferta de recursos informáticos e audiovisuais en galego destinados á infancia”, actividades e recursos que permitan asociar o galego cunha estética dinámica e actual, tal e como sinala o devandito PXNLG.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: Añón, protagonista durante dous días na Cidade da Cultura de Santiago, polo seu bicentenario

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta tarde o congreso sobre o bardo de Outes, “que contribuirá a redescubrir o papel de Añón como precursor do noso idioma e das nosas letras”
  • A Cidade da Cultura acolle entre hoxe e mañá a celebración do congreso, no marco do quese presentará o libro ‘Vida e obra de Francisco Añón’, de Ramón Blanco, outense que formou parte do colectivo cultural "Sacou"

Anon
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Concello de Outes na realización do congreso Francisco Añón. Bicentenario do nacemento do poeta, que se celebra entre hoxe e mañá na Cidade da Cultura de Galicia. A iniciativa foi inaugurada esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao congreso como “unha oportunidade para redescubrir o importante papel de precursor do noso idioma e das nosas letras que lle debemos a Francisco Añón”, así como para “contribuír a un maior coñecemento social da súa figura e da súa obra”.

No acto de inauguración, que tivo lugar na Biblioteca da Cidade da Cultura, acompañaron ao secretario xeral o alcalde de Outes, Carlos López Crespo; o coordinador do congreso, Xoán X. Mariño, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que foi o encargado de abrir o congreso cun relatorio sobre a xeración de 1846.

A realización deste congreso enmárcase no convenio de colaboración subscrito pola Secretaría Xeral de Cultura e o Concello de Outes para a realización de distintos actos de homenaxe arredor do segundo centenario do nacemento do poeta Francisco Añón, “precursor do noso renacemento cultural e lingüístico cuxa obra necesita ser impulsada”, afirmou Anxo Lorenzo.

Con este obxectivo de favorecer un maior coñecemento social do obra do poeta de Outes e unha meirande difusión da súa figura, a Secretaría Xeral de Cultura tamén apoiou a publicación do libro Vida e obra de Francisco Añón, que acaba de editar a Editorial Galaxia. A presentación deste volume é unha das iniciativas que conforman o programa do congreso, no que participarán como relatores Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez e Gonzalo Navaza, entre outros.

Posta en valor da literatura galega
Ademais da celebración do bicentenario de Francisco Añón, a Xunta de Galicia apoiou no ano 2012 diversas efemérides que contribúen a poñer en valor a literatura galega e os seus escritores. Entre elas destaca o centenario do nacemento do tamén poeta Celso Emilio Ferreiro, arredor do que se desenvolveu un completo programa de actividades para a difusión social da obra e da figura do escritor.

Relacionada:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: acaban de arranxar un camiño en Poi, lugar da parroquia de Castiñeiras

 Ribeira, 4 de outubro de 2012. O Concello informa hoxe do remate da actuación de mellora que, no marco da iniciativa PEIM Rural (Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural, de financiamento autonómico), se desenvolveu nun camiño situado no lugar de Poi, na parroquia de Castiñeiras, co fin de facilitar o tránsito de vehículos e peóns ao longo da citada vía.

Este camiño rexistraba un pavimento de terra natural que, na época de chuvias, se estragaba con facilidade ata o punto de enlamar o paso e facerse necesario engadir material de recheo.

As actuacións de mellora emprendidas incluíron a limpeza de cunetas e lindes, a aplicación dunha base de zahorra artificial e a subministración dunha mestura asfáltica en quente de cinco centímetros de espesor.

Cabe lembrar outras actuacións realizadas no municipio con cargo ao PEIM Rural –por un valor global superior aos 48.000 euros- entre as que se inclúen melloras de camiños en Castelos (Aguiño), Agrelo (Olveira), Meixe (Oleiros), Gándara (Artes) e no cruce do Vilar (Carreira).




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Memoria histórica: a Comisión pola Recuperación da Memoria de Barbanza xa ten xunta directiva

  • Xan Ermida é o presidente e hai un responsable en cada localidade de Barbanza, a excepción de Ribeira, que ten tres
  • Alcaldes e ex-alcaldes da zona, entre os responsables locais

Media_httpfarm7static_pbhvl

Monumento pola Memoria da rotonda de Cimadevila en Boiro

Ribeira, 4 de outubro de 2012. Con data 3 de outubro a Comisión pola recuperación da memoria histórica da Barbanza fixo a presentación pública da súa directiva, eleita na asemblea de constitución o pasado luns 10 de setembro.

Nesta asemblea engadiuse máis representación á Xunta Xestora que coordinaba a Asociación, o que significa o incremento de localidades nas cales a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza está presente.

A composición da Xunta Directiva é a seguinte:

Presidente: XAN ERMIDA.
Secretario: ADRIÁN ROMAY.
Tesoureiro: XOSE ALBERTE LORENZO.
Responsables en Ribeira: ENCARNA PEGO, PILAR PEREIRO e XOSÉ ÁLVAREZ CASTELO.
Responsable en Pobra: XOÁN MUÑIZ.
Responsable en Boiro: XOSÉ DEIRA.
Responsable en Rianxo: ADOLFO MUIÑOS.
Responsable en Porto do Son: XOAN PASTOR RODRIGUEZ.
Responsable en Noia: XOSE ANTONIO PÉREZ.
Responsable en Lousame: XULIO PARADELA.
Responsable en Muros e Serra de Outes: XAN MARIÑO.

Por outra banda, na Reunión da Xunta Directiva que tivo lugar onte, mércores 3 de outubro, acordáronse formar diversos grupos de traballo, fixando un amplo calendario de actividades e actos. Un deles vaise realizar a nivel comarcal na semana do 19 ao 25 de novembro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: convocado certame de pintura escolar para alumnado de secundaria

  • A obra gañadora, que responderá ao lema "Que che suxire Ribeira", dará imaxe a algunha acción cultural do verán 2013
  • Todos os premios consistirán en material de debuxo e libros

Ribeira, 4 de outubro de 2012.- O Concello presentou hoxe un novo certame de pintura escolar que se levará a cabo durante o presente curso académico en colaboración cos centros educativos que imparten ensinanza secundaria no municipio.

Organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da área de Educación, a idea de promover esta nova iniciativa, titulada “Que che suxire Ribeira”, procedeu do docente do Colexio Galaxia Fernando Yáñez, quen compareceu no Auditorio para dar conta da novidade, xunto coas edís Elvira Pisos e Mª Carmen Vizcaya, e a directora do museo municipal Pilar Casas.

O motivo principal da realización deste proxecto radica por unha banda, na necesidade de integración dos diferentes centros educativos de Ribeira, co fin de concretar un tipo de actividades en común que dinamicen os valores educativos e culturais de todos os alumnos; e, por outra parte, na colaboración e no enriquecemento da difusión da oferta cultural da cidade, contribuíndo de forma activa ao posicionamento de valores culturais e artísticos dentro da cidadanía.

Temática

Cada participante poderá concursar cunha soa obra, que será única, orixinal e auténtica.  A temática das obras que se presenten xirarán en torno á cidade de Riveira, plasmará a visión que cada alumno teña dela, ou aquel aspecto que lle resulte máis significativo.

O fin último do proxecto é o desenvolvemento dunha actitude artística do alumnado participante. Os premios estarán conformados por:

    Finalistas 1ª Categoría (1º e 2º da E.S.O.): tres obras acadarán o premio de finalistas. Os seus autores recibirán como premio material de debuxo e pintura e un lote de libros xuvenís.

    Finalistas 2ª Categoría (3º e 4º da E.S.O.): tres obras acadarán o premio de finalistas. Os seus autores recibirán como premio material de debuxo e pintura e un lote de libros xuvenís.

    O gañador do concurso –que poderá ser de calquera das dúas categorías- recibirá como premio material de debuxo e pintura e un lote de libros xuvenís. Ademais, a súa obra será escollida como imaxe para algunha actividade ou programación cultural do verán do ano 2013 en Ribeira.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

3.10.12

Dodro: o Concello alíase con Rois e Padrón tamén para o teatro

Consumo responsable

Por outra banda, o pasado venres 28 de setembro, o Concello de Dodro en colaboración co Instituto Galego de Consumo organizou unha actividade de educación para o consumo responsable dirixida ao público infantil.

A experiencia desenvolveuse a través do visionado e do traballo complementario dun contomultimedia titulado “Area fai seis” con textos de Araceli Gonda e con ilustracións en plastilina de María Noel Toledo, que recibiu o Premio Mestre Mateo 2011 á Mellor Obra Interactiva.

O acto foi presentado polo Alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza, e nel participaron un total de 30 menores, que se divertiron e aprenderon coa historia de Area, unha nena a piques de cumprir seis anos que se sinte frustrada porque seus pais decidiron que para o seu aniversario tería unha festa diferente, sen agasallos e sen gastos innecesarios.

Esta actuación forma parte do Programa LecerConsumo 2012 que oferta o Instituto Galego de Consumo a través da Escola Galega de Consumo e que ten como obxectivo achegar á poboación aos valores de consumo responsable mediante de actividades lúdicas e participativas.

Antes, en Dodro:


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: 45 participantes nun obradoiro de memoria moi activo

Ribeira, 3 de outubro de 2012. O pasado sábado, 28 de setembro, organizado pola Escola Galega  de Saúde para Cidadáns, impartiuse o obradoiro  “Envellecemiento activo: axilidade mental e memoria” no Liceo Marítimo de Ribeira.

Estivo baseado na información y formación sobre hábitos de vida saudables para manter a mente en forma, saber envellecer e previr a dependencia. Fixéronse exercicios prácticos para axilizar a mente e a memoria previndo así enfermidades con deterioro cognitivo.

     A participación do grupo de persoas anotado foi moi activa (houbo un xogo de roleplay dun caso práctico co que aprendeeron e disfrutaron). Tanto as docentes Isabel Redondo Zambrano e Mª Pilar Fernández Pérez, como os 45 participantes remataron de xeito satisfatorio o obradoiro.

Este venres, en Ribeira: DOAZÓN DE SANGUE

Este vindeiro venres, 5 de outubro das 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas así coma o sábado, 6 de outubro das 10:00 ás 14:30 horas desplazarase a Riveira, na Rúa Romero Ortiz, xunto o xeriátrico, unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia. Todas aquelas persoas maiores de edade que o desexen poden pasar pola unidade móbil e  facer así un labor altruísta e solidario importante para milleiros de persoas que necesitan sangue. "O SANGUE É VIDA. COMPÁRTEA".




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres 5, inauguración de mostra fotográfica "Memorias de China"

  • O ribeirense Alfonso Novo amosará as súas 32 instantáneas no auditorio ata o 16 de novembro. A mostra será inaugurada este venres ás nove da noite
  • Tamén este venres 5, e o sábado 6, estará a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia

Media_httpfarm6static_lghes

Flickr de  Stuck in CustomsTrey Ratcliff

 

Ribeira, 3 de outubro de 2012.- O Auditorio Municipal será escenario este venres día 5 de outubro, ás 21 horas, da inauguración da exposición Memorias de China, do fotógrafo riveirense Alfonso Novo, unha mostra promovida polo Concello a través da súa Área de Cultura que permanecerá aberta ata o vindeiro 16 de novembro.

Apasionado desde mozo pola fotografía –herdanza do seu pai-, fai poucos anos que se dedica á fotografía como a súa carreira profesional, dedicándose tanto a fotografía artística coma eventos sociais.

As 32 instantáneas en branco e negro que se poden ver na exposición pretenden ser un percorrido pola memoria do autor, resultado da convivencia diaria coa sociedade chinesa, país ao que se desprazou por motivos de traballo no 2007 e no que permaneceu un ano. A cidade de Taiyuan (Shanxi); viaxou polas provincias de Mongolia interior, Hebei, Beijing, Shandong, Sanxi, Shaanxi, Henan, Hubei, Guangdong, Hong Kong... nas que o noso fotógrafo se curtiu en vivencias con familias e cidadáns chineses. A estadía en zonas descoñecidas para os occidentais, pouco turísticas, reflíctese en fotografías como a “Pagoda de Madeira” de Yingxian.

A etapa chinesa do autor das fotos marcou para sempre a Alfonso Novo, algunha destas pegadas están reflectidas nas imaxes captadas polo ollo e o obxectivo da súa cámara nas súas viaxes por China e encontros coas súas xentes de toda condición.

A exposición divídese en dúas áreas, por unha banda as imaxes referidas a  elementos ou edificacións antigas (tellados, mosteiros, portas, murallas), e, por outra  unha sección social, onde se poden ver distintos "roubados" de persoas realizando tarefas cotiás como traballar, ler, comer ou durmió, sección coa que o autor pretende achegar un pouco máis ao espectador á China real.

Tamén, este venres, en Ribeira: DOAZÓN DE SANGUE

Este vindeiro venres, 5 de outubro das 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas así coma o sábado, 6 de outubro das 10:00 ás 14:30 horas desplazarase a Riveira, na Rúa Romero Ortiz, xunto o xeriátrico, unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia. Todas aquelas persoas maiores de edade que o desexen poden pasar pola unidade móbil e  facer así unha labor altruísta e solidaria importante para milleiros de persoas que necesitan sangue. "O SANGUE É VIDA. COMPÁRTEA".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: arranxarán camiños no lugar de Outeiro, na parroquia de Carreira

  • 138.000 euros en renovar servizos e pavimentacións
  • Obras adxudicadas a Jenaro Cadaval por case 140.000 euros e que deberá rematar en tres meses


Ribeira, 3 de outubro de 2012- O Concello vén de adxudicar unha nova actuación na parroquia de Carreira, consistente na renovación de servizos e pavimentación de camiños pertencentes ao lugar de Outeiro. A empresa Jenaro Cadaval, S.L., resultou a adxudicataria da obra, por un importe de 138.432,20 euros. O prazo de execución é de tres meses.

Actualmente, o lugar de Outeiro está formado por un conxunto de camiños de trazado irregular, cun pavimento feito en formigón no que se observan danos significativos. Ademais, a rede de abastecemento é de fibrocemento e non existe separación de fecais e pluviais.

En virtude da presente actuación, cuxo proxecto foi redactado por técnicos municipais, a tubaxe de abastecemento será substituída por outra máis moderna, de polietileno de alta densidade. Así mesmo, disporase un colector de PVC liso para saneamento de residuos fecais e outro de PVC corrugado para pluviais, e as luminarias existentes serán suplantadas por outras novas lámpadas de 150 watios.

En canto á pavimentación, estenderase nunha superficie de 750 metros cadrados unha capa de formigón na que se disporá transversalmente cada pouca distancia unha banda de adoquín de granito.

A actuación está incardinada dentro do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) do ano 2012.  Esta nova actuación na parroquia de Carreira súmase a outras accións recentemente executadas, das que xa demos conta neste xornal.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Augas de Galicia informa a favor sobre o documento previo á aprobación inicial do PXOM

  • A Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico, da Xunta de Galicia, vén de informar favorablemente o “Documento previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal” de Noia, informa o concelleiro de Urbanismo, o nacionalista Bieito González
  • Inda así, hai que engadir unha serie de restriccións para que se respeten por parte da veciñanza

Media_httpfarm3static_jxkci

O río Tambre, ao seu paso polo carón da central hidroeléctrica de Noia

Noia, 3 de outubro de 2012. O informe comeza recoñecendo os principais cursos fluvias que percorren o termo municipal e que pertenecen a varias concas fluvias de diferente entidade. Recoñecen dúas concas principais: a do río Tambre e a do río Vilacoba, compartidas con concellos limítrofes. Ao mesmo tempo nomean as concas de menor entidade como son as do río Tállara e a do Vilaboa, e a que drena numerosas e pequenas canles cara a ría de Muros e Noia.

Tamén afirman dende Augas de Galicia que o “Documento previo á aprobación inicial” recolle as directrices do Plan de Ordenación do Litoral, e en consecuencia, recoñece os corredores ambientais. Noutro caso a distancia tómase como referencia básica de partida para logo adoptar o límite de protección á realidade física, sendo a vexetación, o parcelario, os camiños, peches e, en especial, so cómaros, os elementos para a definición precisa desta clase de solo (alúdese ao solo rústico de protección de augas).

Restriccións a engadir

A pesar de que o informe é favorable, os responsables da xestión do dominio público hidráulico indican que hai que introducir no futuro PXOM as seguintes restriccións:

  • Prohibición de calquera tipo de obra na zona de servidume, é dicir, dentro dos primeiros 5 metros desde o límite ao que cheguen as augas nas máximas enchentas ordinarias, afectando esta prescripción a todo tipo de solo.
  • Establecemento dunha banda de 15 metros de anchura en cada marxe dos ríos, recollida nos correspondentes planos, na que se prohíbe calquer tipo de construcción.
  • As construccións que pola súa singularidade precisen establecerse nestas zonas restrinxidas, necesitarán a autorización previa da administración hidráulica.

Bieito González explicou que aínda faltan por recibir os informes correspondentes á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o da Dirección Xeral de Mobilidade, así como o da Demarcación de Costas do Estado en Galicia.

Antes, en Certo:


 




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical