Os ENDL galardoados nos Premios á Innovación en Normalización Lingüística puxeron en coñecemento do Secretario Xeral de Política Lingüística a carta que reproducimos máis abaixo no trascurso das Xornadas de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística, que tiveron lugar no día de onte, sábado 30, no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela.
Anxo Lorenzo, actual secretario de Política Lingüística, na exposición "Crónicas da represión lingüística" Señor secretario xeral de Política Lingüística:Reclamamos a súa atención para unhas breves consideracións que queremos transmitir ao goberno galego e que recollen o noso sentir unánime. O sentido da responsabilidade e o respecto que nos merece a súa persoal traxectoria docente e investigadora serán o contrapeso que nos permita conseguir continencia verbal á hora de lle expresar o noso malestar. Aínda que para vostede non sexa agradábel escoitar as nosas queixas –e tampouco para nós formulalas-, temos a obriga moral de transmitirllas aquí e agora. Coa máxima cordialidade e co máximo respecto, nesta que debería ser xornada de xúbilo, temos que alzar a nosa voz para clamar contra a involución manifesta (redución do número de premios; dotación económica testemuñal; cambios regresivos na convocatoria de axudas para os equipos de normalización; actitude de desprezo polo patrimonio literario por parte do conselleiro do ramo; e, como colofón, as chamadas Bases do Decreto do Plurilingüismo). A que era tenue e incipiente normalización nos centros foi posíbel grazas á implicación de profesoras e profesores comprometidos, ás veces para o alumnado os únicos referentes de uso do galego en todos os ámbitos. Con que fin pretenden que este profesorado teña que renunciar á docencia vertebradora? Cal é o fin de que se pretenda responsabilizar do ensino en galego a determinadas persoas sen competencia nin motivación para esta encomenda? A mellor garantía da presenza normalizada do galego no ensino é o profesorado que leva varios anos desenvolvendo en galego a docencia e a vida. Mais este histórico contributo de recuperación da identidade colectiva será cercenado polo marco legal proposto, que acentúa os comportamentos diglósicos e nega a posibilidade de ofrecer ao alumnado modelos de usos lingüísticos normalizados. Por todo o exposto, os representantes aquí presentes dos Equipos de Normalización Lingüística que están a desenvolver en colexios e institutos proxectos cuxa calidade ten sido recoñecida nos premios de innovación convocados pola Secretaría que vostede dirixe solicitámoslle a retirada destas bases e o mantemento do Decreto en vigor, o que desenvolve as medidas consensuadas no Plan de Normalización da Lingua Galega e o máis axeitado para poder cumprir a tarefa que a propia administración educativa nos encomendou: promover o galego para normalizar o seu uso entre a comunidade educativa, asentando así as bases dun ensino plurilingüe. Asdo.:Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Aguiño (Ribeira), CEIP A Gándara (Carballo), CEIP A Pedra (Bueu), CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Quintela (Moaña) IES Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sardiñeira (A Coruña), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Perdouro (Burela), IES Rodeira (Cangas) e IES Porto do Son (Porto do Son). Vía http://linguason.blogaliza.orgAntes publicamos: entrega dos premios de Innovación a un colexio e dous institutos da bisbarra
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario