O BNG de Ribeira presentou unha iniciativa municipal interesándose polo estado actual do Proxecto de construción da Unidade de Saúde Mental da Barbanza xa que, ao parecer, se acaba de cancelar a adxudicación que no seu día se lle fixo a unha empresa.
Tamén lle solicitou información ao Goberno do PP, a respecto de se a cancelación da adxudicación se debe a posibles cambios no proxecto inicial, a algún cambio a respecto da súa ubicación na parcela do Hospital da Barbanza e, en todo caso, cal é a alternativa e os prazos de execución que ofrece a Consellería de Sanidade a tan importante servizo.
O anterior Goberno da Xunta de Galiza tiña iniciado o desenvolvemento do Plan Estratéxico de Saúde Mental que, entre outros, contemplaba a construción do Centro de Saúde Mental do Barbanza. Este Centro, que integraría a actual Unidade de Asistencia a Drogodependentes (UAD), tiña xa partida orzamentaria e lugar de ubicación que sería na actual parcela do Hospital da Barbanza; así o ten expresado mesmo o Alcalde diante do Pleno da Corporación Municipal en máis dunha ocasión.
Polas informacións deste Grupo Municipal do BNG, mesmo a obra estaba xa licitada e adxudicada a unha empresa e, polo tanto, era inminente a súa construción. Máis recentes informacións, indican que tal adxudicación podería ter sido cancelada pola Consellería de Sanidade o que suporía un feito gravísimo desde o punto de vista da atención sanitaria na nosa comarca.
O cambio de Goberno na Xunta trouxo consigo inexplicables retardos, cando non supresións, de importantes proxectos xa en marcha no noso concello: é o caso do Macropolígono Industrial, o Centro de Día e, agora, a Unidade de Saúde Mental.
O Goberno Municipal, na súa obriga de defender os intereses e atención da cidadanía, non debe quedar impasible diante de tal sucesión de feitos senón reclamar á Xunta de Galiza a posta en marcha de servizos que, sendo necesarios para unha importante parte da poboación do noso concello e comarca, estaban xa iniciados polo anterior goberno da Xunta.(Nota íntegra do Bng de Ribeira)
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario