18.1.10

Saúde: piden que se cree dunha vez a categoría de celador no Hospital da Barbanza

O BNG vén de presentar unha iniciativa municipal pola que demanda que o Pleno da Corporación Municipal de Ribeira inste á Consellería de Sanidade á creación, coa maior urxencia posible, da categoría de Celador no Hospital Comarcal da Barbanza cun número de postos acorde ao tamaño do Cadro de Persoal e á poboación que atende.

A posta en marcha do Hospital Comarcal do Barbanza, en outubro de 1997, como Fundación Pública ao marxe do Servizo Galego de Saúde consentiu, entre outras deficiencias, a súa posta en funcionamento sen as preceptivas prazas de Celador coas que si contan todos os hospitais do SERGAS.
O descontento cidadán co funcionamento do hospital e as sucesivas reivindicacións e mobilizacións, nas que o BNG defendeu activamente a integración deste Hospital no SERGAS, provocaron importantes melloras entre as que destaca a aprobación do decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral das fundacións públicas. Esta integración e homologación do persoal do Hospital do Barbanza co do Servizo Galego de Saúde debe supoñer a creación da categoría de celador no noso hospital poñendo así fin a unha discriminación do seu persoal que ate o momento ten que realizar funcións que non lle corresponden o que supón unha diminución da calidade no servizo e na atención que prestan aos pacientes.
É demanda unánime de todos os usuarios e usuarias do Hospital da Barbanza a mellora da atención sanitaria que presta á poboación e, neste sentido, temos que coincidir coas xa longas reivindicacións do cadro de traballadores e do Comité de Empresa deste Hospital que teñen demostrado a inxusta discriminación que sofren a respecto doutros Hospitais que, tendo sido fundacións tamén no seu momento, a día de hoxe contan xa ca categoría de Celador no seu cadro de persoal, como é o caso do Hospital do Salnés, similar en poboación atendida ao do Barbanza.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical