1.2.10

Boiro: o Grumir tivo que facer máis de 300 intervencións no paso do furacán Aurelio


O servizo de emerxencias actuou en 3.135 operativos durante o ano 2009

 

Boiro, 1 de febreiro de 2010. O equipo do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) do Concello de Boiro, integrado por 16 profesionais, realizou máis de 300 intervencións a consecuencia das desfeitas provocadas polo furacán Aurelio (Flora para os meteorólogos alemáns) no municipio, na súa maioría retirada de árbores caídas, cables do tendido eléctrico, farolas, contenedores desprazados polo forte vento, retirada de restos de tellados e axuda na recuperación de embarcacións afundidas.

 

Este dato ven a reforzar a importancia de que os veciños conten de xeito permanente co Grumir, independentemente de que en Boiro exista tamén un parque de bombeiros, porque ambos servizos de emerxencia son útiles, necesarios e complementarios”, manifestou o Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes. O rexedor boirense agarda que a Consellería de Presidencia e a Fegamp conten con tódolos concellos nos que existe o Grumir para consensuar a redistribución dos Grumir que proxecta a Xunta, se ben “a postura do Concello é a continuidade do servizo, pois a traxectoria do Grumir, as intervencións e os últimos acontecementos, como os danos provocados polo Flora, falan por si mesmos; son imprescindibles”. Engadiu que “tódolos concellos que hoxe contamos con Grumir e parque de bombeiros estamos dacordo en conservar ambos servizos”.

O parque de bombeiros de Boiro está no polígono da Espiñeira

 

Os servizo de emerxencias presentou tamén o seu balance de actuacións do ano 2009, que eleva a 3.135 as intervencións efectuadas, sendo as maioritarias, aparte da actividade na propia base, as seguintes: apoio ao Concello de Boiro (286), apertura do punto limpo (298), apertura de vivendas (146), apoio a organizacións, festas, etc. (142), recollida de animais (145), control de tráfico (113), limpeza de estradas de verquidos de aceite, etc (101), ou incendios forestais (53).


    O Xefe de Protección Civil, Ignacio Pérez Hermo, indicou que cada vez é maior a afluencia de público a eventos nos que se producen aglomeracións de xente, como é o caso das Festas do Verán, a Exaltación do Mexillón ou a romaría de San Ramón de Bealo, nos que se montan dispositivos especiais, e tamén resaltou a colaboración con tódalas parroquias, colexios, asociacións de veciños, etc. que así o piden cando organizan algunha actividade que requira da súa intervención.

Axuda a Juancho Armental na súa travesía. Foto Dani Gestoso

O responsable do Grumir indicou tamén que o equipo está preparado para intervencións marítimas, pois conta cos medios axeitados (entre eles, dúas lanchas), e de feito xa prestaron apoio en busca de persoas desaparecidas no mar ou nas travesías a nado que se levaron a cabo no 2009.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical