14.3.10

Medios: o PSdeG pide que a Xunta pague os gastos de cobertura de TDT para garantir cobertura universal

José Manuel Lage reclama que “nin os concellos nin os cidadáns asuman ningún custe para acadar a extensión da cobertura”

-O deputado do PSdeG propón a cobertura vía satélite nas “zonas de sombra”, estimadas no 2 por cento do territorio autonómico

-Lage Tuñas dixo hoxe que “para os socialistas galegos a cobertura universal de TDT é un obxectivo irrenunciable e imos a ser exixentes coa Xunta de Galicia no cumprimento dos acordos acadados co Ministerio de Industria”

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2010. O portavoz da Área Institucional do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage, presentou unha Proposición non de Lei en Pleno na que reclama á Xunta que asuma os custes do mantemento e equipamento para o desenvolvemento da TDT nos concellos galegos.

Lage Tuñas reclama que “nin as corporacións locais nin os cidadáns teñan que asumir ningún custe para acadar a extensión da cobertura”. O parlamentario socialista pide o cumprimento do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Goberno central en decembro de 2008, polo que o goberno autonómico recibiu “unha importante partida económica do Ministerio de Industria para asumir os gastos de mantemento dos equipos de TDT que está instalando nos concellos”. Deste xeito debe financiar “todas cantas actuacións sexan necesarias para o desenvolvemento do Plan de Transición” como recordaban hoxe dende o PSdeG.

Lage Tuñas puntualiza que “para os socialistas galegos a cobertura universal de TDT é un obxectivo irrenunciable” e amosouse “sorprendido” pola “intencionalidade da Xunta de Galicia de implicar aos concellos no financiamento de determinadas operacións de desenvolvemento do Plan, especialmente o que atinxe ao mantemento futuro dos equipos e gastos de operación”.

O deputado do PSdeG lembra que os concellos “terían que asumir novos custes sen dispoñer de recursos suficientes”.


Sinal satélite

O parlamentario socialista reclama ao executivo autonómico que garanta a chegada do sinal da TDT a todo o territorio autonómico antes do 1 de abril de 2010, por canto o 3 de abril é a data límite para o definitivo apagón analóxico.

Deste xeito, Lage Tuñas propón que a Xunta recorra ao satélite para facer posible que tamén as chamadas “zonas de sombra” poidan recibir o sinal de TDT correctamente. O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista considera que a administración autonómica “ten que facer un esforzo para acadar o obxectivo da cobertura universal” tamén nestas zonas que ficarán sen sinal de televisión e que estímanse nun 2 por cento do territorio da Comunidade Autónoma.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical