25.3.10

Ribeira: programación da Semana Santa 2010

Imaxes do acto de presentación da programación completa   

Ribeira, 25 de marzo de 2009.- O párroco de Santa Uxía, Cesáreo Canabal, e o concelleiro de Cultura e Festexos, ademais de presidente da Cofradía do Paso, Luciano Fernández, deron conta hoxe da programación organizada pola Corporación Municipal e a Parroquia de Santa Uxía con motivo desta Semana Santa. Recalcaron a dobre importancia cultural e sobre todo relixiosa que posuirán as actividades enmarcadas na edición deste ano.
     Cesáreo Canabal foi o encargado de enumerar un por un os actos que integra  o programa, mentres que Luciano Fernández incidiu nos pormenores da Procesión do Paso, respecto da cal aproveitou para anunciar que este será o último ano no que exerza de presidente da Cofradía do Paso “para deixar paso a xente con máis enerxías e novas ideas”. O edil municipal agradeceu a Cesáreo Canabal a recuperación desta procesión. 
   Segundo referiu o párroco de Ribeira, o programa de actos xa comezou no día de onte co Triduo na honra da Santísima Virxe das Dores. Mañá venres ás 11 horas terá lugar na Igrexa de Santa Uxía unha celebración especial para enfermos e impedidos (que inclúe perdón sacramental, comunión pascual e santa unción) e ás 20.30 horas realizarase unha eucaristía solemne. Pola súa parte, o vindeiro venres, ás 18 horas, desenvolverase unha celebración do perdón dirixida a rapaces de 1º e 2º de ESO. Dirixirá todos estes actos o misioneiro comboniano Ángel Yáñez.

Domingo de Ramos, 28 de marzo

    No Domingo de Ramos haberá eucaristías na igrexa de Santa Uxía ás 9.30, 11.30, 12.30 e 20.30 hora. As bendicións de palmas terán lugar ás 11 horas ante a cripta do monumento e ás 11 horas no cruceiro da igrexa de Santa Clara (seguidamente haberá unha eucaristía neste último templo).

Procesión do Paso, mércores 31 de marzo

    O mércores 31 de marzo terá lugar a tradicional Procesión do Paso de Xesús na Horta das Oliveiras. Estará acompañada pola Banda de Música de Negreira e a Banda OJE de Ferrol. A saída do paso efectuarase ás 22 horas dende a rúa Cristóbal Colón, percorrendo as rúas de Lugo, Rosalía de Castro, Malecón, General Franco, Galicia e Cristóbal Colón.
    Luciano Fernández quixo aproveitar esta presentación para informar aos cofrades de que o último ensaio da procesión terá lugar ás 22 horas do martes 30 no pavillón polideportivo de Coroso.

Xoves Santo, 1 de abril

    O Xoves Santo terá lugar a celebración sacramental do perdón ás 10 horas, a solemne eucaristía “na cea do señor” ás 20 horas; a adoración ante o santísimo sacramento ás 22 horas. Durante a noite as quendas de Adoración Nocturna celebrarán a vixilia especial deste día.

Venres Santo, 2 de abril

    No Venres Santo (día de xaxún e abstinencia), haberá oración de laudes e sermón do encontro ás 10.30 horas. Seguidamente realizarase a celebración do perdón sacramental. Haberá unha acción litúrxica na morte do señor ás 19.30 horas e a Procesión do Santo Enterro e Soledad ás 21.30 horas.

Sábado pascual, 3 de abril

    No Sábado Pascual haberá catequese pascual para nenos ás 11 horas; vésperas e sermón da esperanza de María ás 20 horas; e vixilia pascual ás 22 horas. Seguidamente celebrarase un encontro fraternal e brinde no salón anexo ao templo de Santa Uxía.

Domingo de Pascua, 4 de abril

    Por último, o Domingo Pascual terá como actos unha eucaristías na parroquia ás 12.30, 18 e 20 horas. Despois desta última misa haberá un concerto de órgano a cargo de Alejandra Escalante, pianista da Agrupación Berenguela. A eucaristía na igrexa de Santa Clara celebrarase ás 11.30 horas. Dirixirá os actos do culto Héctor Flórez, sacerdote boliviano na Universidad Pontificia de Comillas de Madrid.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical