Actuación de Enrique Paisal na presentación do seu último disco, o ano pasado
Constituirase unha fila "CERO" para os que non poidan asistir ao concerto pero queiran facer doazóns
Ribeira, 30 de abril de 2010.- UNICEF de Ribeira está a organizar un concerto solidario co propósito de recadar fondos con destino a Haití, illa devastada por un terremoto o pasado mes de xaneiro. O espectáculo terá lugar o domingo 9 de maio ás 19.30 horas no Auditorio Municipal, e terá como principal figura o músico ribeirense Enrique Paisal, mítico integrante do grupo Los Tamara.
Na posta en marcha da iniciativa colaboran Sonaxe e o Concello de Ribeira, cuxa edila de Educación, Juana Ermitas Crugeiras, presentou o evento na compaña de Cruz Rivadulla, presidenta de UNICEF Ribeira, e do propio intérprete.
Juana Ermitas destacou a traxectoria profesional de Enrique Paisal, quen ademais de pertencer a Los Tamara dirixiu durante moitos anos o Conservatorio Municipal e actualmente encabeza a Coral Polifónica de Ribeira. A concelleira amosou a disposición do Concello para colaborar en proxectos solidarios como este e animou á xente a se sume á iniciativa. A este respecto, lembrou que haberá unha fila cero (con contas en Caixanova e Caixa Galicia) para aquelas persoas que non poidan acudir ao espectáculo pero queiran contribuír ao seu fin.
Pola súa parte, Cruz Ribadulla describiu as causas que conduciron a UNICEF Ribeira a promover este proxecto. Así, informou de que actualmente hai tres millóns de persoas en Haití que precisan de axuda humanitaria, das cales 1,5 millóns son nenos, e que se precisan 100 millóns de euros nun prazo de 3 anos para que todos eses rapaces conten coa axuda necesaria. “Con este concerto tentamos poñer o noso pequeno gran de area”, declarou.
Yolanda Vázquez, co micro, tamén estará no concerto
Enrique Paisal anunciou que no concerto vai estar acompañado de Antonio Vázquez Tocho (quen tamén fora integrante de Los Tamara); a filla deste, Yolanda Vázquez; e Sonia Lebedynski, vocalista de Fía na Roca. A todos eles quixo agradecer a súa colaboración, e expresou o seu desexo de que deste espectáculo “sala algo para poder axudar ás escolas e á xente de Haití”. O concerto durará en torno a 70 ou 75 minutos.
O prezo das entradas é de 5 euros e poderán mercarse no propio Auditorio Municipal no transcurso das dúas horas anteriores ao inicio do concerto, ou ben poñéndose en contacto con algúns dos membros de UNICEF Ribeira.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario