18.4.10

Política: tralo cese de perfil baixo na Xunta polo escándalo das oposicións, o Psoe ataca polo flanco dos inspectores urbanísticos

Barbanza-Noia, 18 de abril de 2010. Eduarda Varela, subdirectora xeral de Provisións e Postos foi cesada. A Xunta de Galicia, en concreto o departamento de Facenda, do que dependía, asegura que é para "mellorar o sistema" e insiste en que as garantías nas probas dos opositores galegos son "as maiores da Historia". A oposición e calquera cidadán con algo de sentido común non quere nin imaxinar, a teor das noticias que xurden estes días, como estaban antes estas garantías.
O Psoe cre que o cese de Eduarda Varela é unha simple operación para non danar ao actual Director Xeral de Función Pública, que é o que debería dimitir segundo eles. Dase a casualidade de que este posto está ocupado por José María Barreiro, home de confianza do máximo dirixente do PP por A Coruña, Carlos Negreira. A proximidade das eleccións municipais poría nun grave apreto ao partido se saca da súa alta cadeira política a Barreiro.

Nembargantes, os líos coas oposicións non rematan aquí. Deixámolos coa nota íntegra do Psoe sobre o silencio da Xunta no caso de 18 inspectores urbanísticos que aprobaron hai 13 meses e seguen agardando na casa para que os "coloquen". Se iso non bastase, opositores a Enxeñeiros de Camiños tamén ven adiado o seu último exame sen causa aparente.


(Nota do PSOE)


O PSdeG recórdalle a Núñez Feijóo que a situación se está deteriorando día a día e “o feito de que se están convertendo as oposicións da Xunta de Galicia en continua noticia negativa”.

Santiago de Compostela, 18 de abril 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Manuel Lage, presentou unha Proposición non de Lei co obxecto de pedir dende o Parlamento que “o goberno galego proceda ao nomeamento inmediato, como funcionarios da inspección urbanística aos 18 opositores que aprobaron limpamente as probas de seleccion fai agora máis de 13 meses”.

Lage Tuñas entende que “as oposicións da Xunta de Galicia están sendo noticia diaria pola neglixente actuación do goberno galego, e tódolos días coñecemos un novo caso onde ou hai anomalías, ou sospeitas de irregularidades ou ben se producen retrasos inxustificados na resolución das probas de acceso ao emprego público”.

O viceportavoz do Grupo Socialista, José Manuel Lage, denuncia “o silencio incomprensible da Xunta de Galicia diante do caso dos 18 inspectores urbanísticos que levan un ano agardando a que o goberno galego lles asigne a súa praza como funcionarios”.

”O Goberno galego segue mudo, sin dar noticias, fai máis dunha semana que levamos esperando e non deron unha soa explicación sobre o motivo polo que non se lle asigna a súa praza de funcionarios aos 18 opositores que gañaron a súa praza de inspectores urbanísticos”. Lage Tuñas advirte tamén que 23 opositores a Enxeñeiros de Camiños da Xunta levan máis de dezaseis meses agardando pola convocatoria do último exame das oposicións e “aínda non temos unha soa explicación sobre o que sucedeu para esta inxustificada demora que se une a unha catarata de neglixencias na dirección xeral da función pública”.

O deputado do PSdeG recorda que dende o pasado 29 de xaneiro de 2009, 23 opositores ao corpo de enxeñeiros da Xunta de Galicia levan agardando que se convoque o último exame das probas de acceso ao grupo A1, escala administración especial, de enxeñeiros de camiño. “e seguimos sin coñecer a causa que pode xustificar un retraso vergonzoso na resolución dun exame para 23 persoas. Van máis de dezaseis meses, e a terceira proba e definitiva sigue sin ser convocada”.

O viceportavoz socialista insiste en considerar que “o goberno ten que resolver o grave problema que hai na Función Pública, xa que o continuo goteo de escándalos, anomalías, irregularidades, retrasos inxustifcados, está minando a credibilidade da Xunta de Galicia día a día”.

Lage Tuñas explica que ”a conselleira de Facenda ten unha serie de competencias: se non as exerce e cesa ao Director Xeral da Función Pública estará sendo cómplice da situación e será ela mesma a que terá que asumir directamente as responsabilidades polo Expedente X no que se estan convertendo ás oposicións á Xunta de Galicia”

“Non vale con cesar a unha funcionaria-subdirectora xeral da Función pública, é preciso que destituian ao director da función pública e tomen decisións contudentes para resolver a parálise na que se atopan as oposicións da Xunta de Galicia”.

O PSdeG recórdalle a Núñez Feijóo que a situación estase deteriorando día a día e “o feito de que se están convertendo as oposicións da Xunta de Galicia en continua noticia negativa”. Para o dirixente socialista “os continuos escándalos arredor das oposicións á Xunta están xerando unha gran alarma social e introduce unha enorme desconfianza en moitas persoas que están optando a un emprego público con moito sacrificio persoal, e estudando moitas horas” asegura Lage Tuñas.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical