29.4.10

Transporte: a liña Ribeira-Padrón, a segunda ruta máis usada do servizo Noitebús

Con 2.454 usuarios, os barbanzáns son dos que máis empregan esta liña, cunha viaxe de ida e volta por só 2 euros, para evitar a fatal mestura do alcohol e a movida coa estrada


Vanse incrementar as rutas, con cinco novas nas provincias da Coruña e Lugo a partir do mes de maio

Ribeira, 29 de abril de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, incrementará os servizos de NoiteBús a partir do mes de maio con cinco novas rutas de transporte nocturno, nas provincias da Coruña e de Lugo. Na actualidade, existen 246 rutas: 109 na Coruña, 56 en Lugo, 39 en Ourense e 42 en Pontevedra (algunhas só funcionarán a partir do próximo mes de xuño).

Os novos traxectos, que prestarán servizo soamente ao longo do periodo de vacacións, estableceranse nas provincias de A Coruña e Lugo. Concretamente. na Coruña contarán coa ruta Ferrol-Ares-Miño; e na provincia de Lugo serán Viveiro-Ribadeo, Mondoñedo-Foz e Sober-Monforte, ademais do traxecto que enlazará as dúas provincias pasando polas localidades de Portomarín, Monterroso e Melide.

O prezo do billete para os usuarios continúa sendo de 2 euros (ida e volta), un importe moi accesible, co que se pretende evitar os desprazamentos en vehículo particular e así reducir a sinistralidade viaria.

Imaxe de Tamara Peña para a súa reportaxe sobre o botellón

Case 120.000 usuarios

Dende a Dirección Xeral de Mobilidade sinálase que, ao longo do primeiro trimestre deste ano, foron case 120.000 usuarios os que empregaron os servizos de NoiteBús. O éxito deste servizo vén avalado por un continuo incremento da demanda, consolidando o NoiteBús como unha alternativa cada vez máis clara ao vehículo privado.

Cabe sinalar que as liñas que rexistraron un maior número de usuarios foron: Ribeira-Padrón, con 2.454 usuarios; Carballo-Ordes-Carballo, con 1.732; Cambre-A Coruña, 1.212; A Coruña-Betanzos, con 2.145; Redondela-Vigo, con 1.890 usuarios; Negreira-Brión-Bertamiráns-Santiago, con 2.598; e Marín- Pontevedra, con 1.448.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asegura que o feito de que este programa estea dirixido á xuventude garante o seu éxito, xa que ofrece a posibilidade de desprazarse durante a noite por unha tarifa baixa unificada e conectando as principais zonas de ocio nocturno da xeografía galega.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical