Subido nuns patíns, sae este domingo 30 de maio de Toulouse e ten o reto de chegar o 8 de xuño a Santiago, cunha media de 8,2 horas diarias de patinaxe
Ribeira, 27 de maio de 2010.- Co fin de conmemorar o Ano Santo Xacobeo 2010 e baixo o patrocinio do Concello de Ripeira, o montañeiro noiés Andrés Villar Murillo emprenderá a partir deste vindeiro domingo, día 30 de maio, o Camiño de Santiago Francés subido nuns Patíns. Os detalles deste reto foron presentados hoxe na Casa Consistorial do referido municipio barbanzano polo propio alpinista, quen estivo acompañado no acto polo alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, e polo concelleiro municipal de Turismo, Vicente García Rivas.
O obxectivo de Villar Murillo é percorrer os 1.250 quilómetros que distan entre Tolouse e Santiago en dez etapas, comezando na citada localidade francesa o domingo 30 de maio e finalizando na praza do Obradoiro da capital compostelá o martes 8 de xuño.
En total, pretende investir neste reto un total de 82 horas (8,2 horas ao día) afrontando un desnivel acumulado de 11.790 metros. As dez etapas previstas son: Tolouse-Pao, Pao-Jaca, Jaca-Puente de la Reina, Puente de la Reina-Nájera, Nájera-Burgos, Burgos-Sahagún, Sahagún-Astorga, Astorga-O Cebreiro, O Cebreiro-Arzúa e Arzúa-Santiago de Compostela.
Aínda que a etapa máis longa do percorrido será a primeira (Burgos-Sahagún) con 178 quilómetros, o experimentado montañeiro teme máis á segunda (Pao-Aragón), xa que terá que soportar os 1.800 metros de desnivel que supón o feito de cruzar os Montes Pirineos. De feito, Villar Murillo considera que esta xornada vai ser un “punto de inflexión” á hora de calibrar se terá folgos suficientes para culminar o seu reto.
Dentro do mesmo acordo de patrocinio co Concello de Ribeira, o escalador emprenderá a finais de ano unha nova empresa, consistente nunha expedición ao cerro Aconcagua, de 6.962 metros de altitude e situado na cordilleira dos Andes.
Amplo currículo
Garda civil de profesión, Andrés Villar ostenta o record de rutas abertas no cumio do Pico Urriellu, nos Picos de Europa, cun total de 16, a última das cales efectuou en outubro de 2009. Foi campión de España de Esquí Alpinismo o ano 1993/94 e Campión de Aragón de Esquí Alpinismo nos anos 1993/94 e 1994/95.
Actualmente é profesor do Centro de Adestramentos en Montaña da Garda Civil, membro activo do Grupo de Alta Montaña Español, instrutor da Escola Española de Alta Montaña e instrutor de espeleoloxía, barranquismo e escalada. Cabe apuntar tamén que participou no programa de TVE “Al Filo de lo Imposible”, desenvolvendo labores de realización, subindo e baixando cámaras e facendo os preparativos das tomas.
Outros logros seus son a apertura de escaladas en Picos de Europa, Pirineos, Francia e Andes (Perú), expedicións de montaña en Alpes, Dolomitas, Atlas e Himalaia, ascensións en patíns ao Monte da Curota, ao Monte Iroite, ao Monte Enxa, aos Lagos de Covadonga e ao Mirador do Ézaro.
Segundo expresou José Luis Torres Colomer, todas estas fazañas conseguidas na súa vida profesional e como deportista, fixeron que o Concello de Ribeira decidise apostar por el na conquista dos seus dous seguintes retos e para transmitir aos mozos e mozas en xeral, e aos mozos e mozas ribeirenses en particular, os valores da superación, do esforzo, do sacrificio, da tolerancia, da honestidade, do respecto, do traballo, da responsabilidade,... “Todos eles valores e virtudes dos deportistas e nos que cree profundamente o Concello de Ribeira”.
Pola súa parte, Vicente García Rivas manifestou a importancia que reviste turisticamente para Ribeira o feito de que Andrés Villar faga promoción do municipio ao longo do Camiño Francés.
Se queren ver a "Villareto" en acción, en Certo recopilamos algunhas das súas fazañas, aquí
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario