29.6.10

Ribeira: Festival de Danza Contemporánea este venres 2 de xullo no auditorio

Ribeira, 29 de xuño de 2010. Este venres clausúrase cun Festival de Danza Contemporánea o curso sobre esta disciplina que ao longo do ano estivo impartindo Vicente Colomer, no marco da Escola Municipal de Ballet que promove a Concellería de Cultura e Festexos local. Terá lugar no auditorio ás 21 horas, con entrada libre e gratuíta. 

O propio Vicente Colomer e o edil Luciano Fernández foron os encargados de ofrecer os detalles da actividade. Durante esta presentación, o coreógrafo salientou que o Concello de Ribeira “é pioneiro neste tipo de iniciativas ata o punto de que é difícil atopar municipios que aposten pola danza tanto como Ribeira, agás en grandes cidades”. Tamén puxo en valor as cualidades desta disciplina artística para propiciar nos rapaces o espírito de traballo en equipo e de compromiso, valiosos xa non só no mundo da danza senón para a vida en xeral. 

Sobre o festival do vindeiro venres, Vicente Colomer informou de que participarán arredor de 25 alumnos de entre 4 e 21 anos nunha serie de coreografías que “falan das emocións, sen que haxa fío condutor nin se fale de cousas concretas”. Fixo alusión tamén ao estilo da Nova Galega de Danza, da que é codirector, como unha fusión da danza tradicional e contemporánea, e lembrou que para a formación de calquera bailarín en Galicia é fundamental pasar pola danza tradicional. 

Por último Vicente Colomer animou a que a xente disfrute do espectáculo, convite ao que se sumou Luciano Fernández co fin de que a xente poida apreciar o traballo desenvolvido polos alumnos ao longo do ano.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical