22.7.10

Rianxo: queixas do empresariado sobre o xeito de licitar obras e servizos por parte da alcaldía

As queixas ao BNG municipal adoitan ser polo sistema de licitación e adxudicación de obras sen publicidade do alcalde, Pedro Piñeiro


Rianxo, 22 de xullo de 2010. O grupo municipal do BNG de Rianxo vén de recibir diferentes protestas de empresarios rianxeiros pola falta de transparencia na adxudicación de obras e servizos en Rianxo. "O abuso e case que recurso sistemático ao procedemento negociado sen publicidade fai que o alcalde teña o control exclusivo sobre as empresas ás que solicita orzamentos para obras e suministros e controla discrecionalmente a participación nas obras a executar no municipio", afirman os nacionalistas.

Do mesmo xeito, criticaron a escasa participación de empresas locais, (por outra parte un número reducido e case sempre as mesmas), e o recurso a empresas de fóra para executar obras dos diferentes plans en marcha. "O control absoluto de alcaldía destas adxudicacións fai que apenas se aforre diñeiro para as arcas públicas: o importe do contrato coincide apenas uns euros menos co importe da adxudicación no que semella case que un importe pactado coa empresa e non redunda na escolla das ofertas máis vantaxosas", sosteñen os frentistas.


"A falta de publicidade previa do que se vai licitar impide ás empresas locais actuar en igualdade de condicións perante os proxectos a ofertar: por moi legal que poida ser o sistema escollido non deixa de ser cuestionábel o recurso sistemático a este modelo pechado que impide a libre e pública concorrencia", explican dende o Bng, que é partidario de implantar un sistema máis transparente de licitación e adxudicación das obras e dos suministros, primando ás empresas locais, e entre elas escoitar as mellores ofertas. Tamén cren que é a mellor maneira de garantir dous obxectivos: o primeiro, primar a oferta máis ventaxosa e, segundo, impulsar a contratación de parados de Rianxo nas obras que se realizan no concello. O BNG demandará que se modifique o sistema e o recurso a procedimento negociado se realice só de forma excepcional, cando as circunstancias por razóns de urxencia ou natureza especial da obra así o aconsellen.

 

Pero é unha constante recorrer desde o executivo do PSOE  a un proceso pechado de pedir tres orzamentos, na que eles deciden a que tres empresas se lle piden propostas e deste xeito sempre se manexa directamente a quen se lle concede a actuación. Diriase que así se gaña en eficacia, pero tampouco é así pois as obras tardan igualmente ou quedan anos en stand by, interminábeis ou agardando períodos electorais para acabalas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical